lunes, 31 de enero de 2011

A min dácheme igual

Pois si, a min dame igual. Refírome a nova estrela esa que descubriron, que parece ser máis grande ca o sol e que, para fastidio de moitos, ameaza con modificarnos todo o zodíaco.
O conto é que este descubrimento, según algúns, introduciría un novo signo no horóscopo, o que movería as datas de moitos dos outros. Por exemplo, eu sería unha gran afectada. E digo "gran", porque aínda que a predicción astral me da o mesmo, pois non me paro con esas cousas, automaticamente pasaría a engrosar as listas dos Aries. A quen se lle ocorre! Era o que me faltaba! Despois de levar toda a miña vida identificándome coas cualidades que se lle atribuen os Tauro, agora, e por arte de descubrimento, tería que trocar o touro polo carneiro.
As características que nos identifican os Tauro, e insisto en que no meu caso e noutros varios que coñezo funciona bastante ben, indican que somos traballadores metódicos, e responsables. Parece ser que tamén posuímos unha gran fortaleza física e psíquica(ou tentamos que así sexa), e somos prudentes e prácticos. Amamos o cine e o teatro. O noso sentido pacifista non deixa lugar a dúbidas. E somos bastante sensatos nas nosas accións. Isto é que tentamos pensar antes de actuar, aínda que eu recoñezo que as veces esquézome de ser Tauro neste punto. Pero moi poucas. Case nunca.
Disque temos bo corazón e somos agarimosos. Mais tamén é verdade que as veces perdénos a tozudez e pasámonos argumentando cousas. Destaca a nosa fidelidade os amigos e tendemos a compartir o que temos, ou sexa, que somos moi xenerosos. Acostumamos a estar de bo humor, pero se nos enfadan, sorprendemos a aqueles que nos rodean co noso xenio hiperfurioso.
Parece ser que como parella sentimental somos fieis e procuramos que o compañeiro ou compañeira atope a felicidade o noso carón. Algunhas veces non será posible conseguir isto, pero tentar, seguriño que o tentamos.
Ou sexa, que eu quero seguir sendo Tauro. Mellor dito, vou seguir sendo Tauro así cambien o zodíaco completo. Coma se unha estreliña puidera acabar con tantos anos de identidade astral...!

No hay comentarios:

Publicar un comentario