martes, 11 de enero de 2011

Hipocresía

Desde logo que eu non pertenzo ao grupo de persoas que practican habitualmente a hipocresía. O meu pai, que entendía que iso de querer só é poñerse e xa está, sempre me dicía que "con vinagre non se collen moscas". A el parecíalle que unha meniña que coñeceu ao seu proxenitor cando contaba oito anos, tiña a facultade de querelo sin máis. Aínda que o home non fose a amabilidade personificada. Nin soubese dialogar, senón máis ben impoñer.
Considérome unha persoa aberta. Bastante agarimosa. Suficientemente amable. Pero, se non me gusta o individuo que teño en fronte, serei educada, medianamente amable, mais non será agasallado o suxeito en cuestión coa miña mellor actitude.
As veces a hipocresía, vai ligada a cobardía. A mesma persoa, pode desenvolver as dúas facetas coa mesma facilidade. Isto ven porque hoxe fun víctima dunha personalidade semellante.
Amparándose tras un correo electrónico, alguén que me fala todos os días, que me fai comentarios do seu ou a súa filla, que me sorrí, que me da un presente, que tamén me pide favores... adicouse a verter falsedades sobre a miña persoa, máis ben, sobre a miña maneira de exercer o meu traballo. Non cabe ningunha dúbida de que son humana, e iso conleva cometer máis dun erro. A experiencia no traballo non quere dicir que o fagas todo ben. Pero, penso que é xusto ter o dereito de defenderte. Os cobardes, sempre che negan esa posibilidade. Porque atacan agochándose. Así fan dano, e, non quero crer que mentras os demáis sufrimos coa súa actitude, eles disfruten con iso. Hoxe estou enrabechada. Hoxe pensei mil maneiras de dicir as mesmas cousas. Hoxe decidín que eu non me escondo tras un papel. Nin tras unha pantalla. Cando quero dicir algunha cousa, dígoa. Se penso que é mellor calala, cáloa. A cobardía causa dor no outro. Pero se ven da man da hipocresía, é moito peor.
Así que hoxe acordei que mañá vou ter unha longa conversa sobre o asunto. O único obstáculo para levala a cabo, sería que esa persoa non aceptase enfrontarse as súas palabras. Xa me pasou algunha outra vez...
De calquera maneira, eu seguirei sendo amable e solidaria con quen eu decida. E por moito que me recomende certa xente que iso só me causa dor, eu sigo apostando pola boa sintonía. Seguro que compensa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario