domingo, 30 de enero de 2011

O momento

Está claro que o momento que atravesamos, xa sexa a nivel político ou social, non é nada, pero que nada tranquilizador. A crise segue provocando paro, inxustizas, reformas laborais que, coma sempre van en perxuicio dos máis desfavorecidos. No campo da sanidade, outro tanto do mesmo. Os novos hospitais xa nacen con parte do seu capital privado. Os xa existentes, sofren falla de médicos e persoal, o que incrementa as listas de espera. Todo isto para que nos vaiamos concienciando que, en pouco tempo, teremos que pagar por preservar a saúde, ou senón...
Na educación, ninguén se atreveu xamáis a retirar as subvencións a educación privada, que eu penso debe existir, pero a costa dos que poidan sostela, nunca dos presupostos públicos para que despois eles seleccionen que tipo de alumnado debe engrosar as súas listas.
As Caixas de Aforro de toda a vida, están a punto de agonizar. No caso dos cataláns, cuxa caixa principal xa anunciou a súa fusión para converterse en banco, non hai maior problema. Pois eles xa se aseguraron ben de que o capital comprometido para obra social no seu territorio se siga mantendo. Pero nós, os galeguiños, que non conseguimos sequera que o noso partido máis representativo teña máis de 1 ou dous representantes no Parlamento Español, padeceremos consecuencias máis dolorosas. Levaránnos o noso capital, investiránno noutros lugares, e, aínda porriba, comezarán a pechar institucións sociais mantidas por estas entidades que, xa non terán importancia para os novos banqueiros. Os que queiran ver teatro, acudir a unha biblioteca, ver unha exposición pagando moi pouco, ou de forma gratuita, que se apañen como poidan, que ese non é o problema dos ricos.
Tamén é verdade que se iso acontece co partido socialista, non quero pensar o que nos queda por ver ou sufrir.
Por outra banda, os países musulmáns, comezan a marcar o seu propio camiño, pretendendo liberarse dos dictadores que andan por alí. Mais, eu penso, se se radicalizan estes gobernos, ¿en que nos atoparemos metidos o resto do mundo? En fin, esperemos que esta xente procure que, en países coma Exipto, que están a punto de derrocar o mandamáis, sen ter ningún sustituto claro, obre a serenidade para a nova andaina.
Entretanto, os chinos seguen ahí, esperando un pouquiño só para facerse coa variña máxica que lles permita mandar máis. O outro día, sorprendeume no telediario a imaxe da inauguración do primeiro banco chino en España coa presenza do ministro Sebastián coma convidado de luxo. E estábache ben contentiño. Aposto que non queda moito para ver a Caballero na inauguración dunha oficiña destas en Vigo. Aínda que, ¿falta pouco para as eleccións municipais, non?
Así que, visto o visto, e eu coa miña casiña sen vender, decido que quero darlle importancia a outras cousas. Quero disfrutar do cine sóa ou en compañía, ou mellor alternando as dúas opcións; quero seguir bailando; quero continuar inmersa no mundo do teatro, porque a vida non é máis ca puro teatro; quero rir coas miñas fillas, coas miñas amigas ou con outra xente; quero poder desempeñar o meu traballo, o cal significará que o manteño, pois boa falta me fai; quero seguir chorando de emoción coas cousas fermosas da vida; quero deixar de chorar por culpa do sufrimento; quero manter a mínima saúde esixible para levar unha vida digna, para min e para todos; pero o que máis quero, en definitiva, é posuír a capacidade de amar. Porque con máis amor e menos contas, o mundo será un lugar máis amable e menos caótico.
Vou ver se me funciona a telepatía coa N.A.S. A. para que lancen o Universo uns cantos cohetiños de AMOR....

No hay comentarios:

Publicar un comentario