sábado, 8 de enero de 2011

A miña caixa das cousas

Penso que é algo que moita xente compartirá conmigo. Seguro que ir gardando nalgún lugar(que non sempre ten que ser unha caixa) pequenas cousas, ás veces insignificantes para outros, é unha acción que se repite no mundo no que vivimos todos os días.
Eu decidino un día. Sen máis. A verdade é que desde pequena fun gardando obxectos que para min eran especiais por distintos motivos. Un día calquera, acordei metelos nunha caixa. E seguir introducindo cousas nese receptáculo vello, de madeira, co berniz desgastado polo paso do tempo.
Na miña primeira caixa, porque xa está tan repletiña que tiven que facerme cunha segunda para continuar o meu proxecto, pódense atopar anacos da miña vida, tales coma o meu primeiro reloxo. Un modelo de corda, dourado, cuxa correa xa non é orixinal, pois aquela xa estaba destragada. No mesmo lugar tamén se atopa a grampadora que viña nun lote de artigos de estudiante. Foi o primeiro premio que gañei cando contaba uns dez ou once anos aproximadamente nun concurso de redacción que convocou Caixavigo nas súas instalacións centrais. Da mesma maneira, conservo o compás e o tiraliñas que estreei cando comecei co debuxo lineal. Outros obxectos incluídos nesta caixa son: un silbato que pertencía a miña avoa; unha chave desas antigas, moi antiga, toda enferruxada; un bolígrafo de madeira con forma de figa que trouxo meu pai do Brasil; un xemelgo deses de poñer no puño da camisa que tamén lle pertencía;unha axenda que eu lle regalei a el cando contaba cuns vinte anos, e que voltou ás miñas mans cando el faleceu; entradas de teatro, de cine, de espectáculos; un naipe que alguén me obsequiou un día; un candado; un bonequiño de goma que me regalou unha das miñas pequenas madrugadoras; unha folla dun libro; facturas de hoteis e restaurantes de varios lugares de España e Galicia; envoltorios de regalos que foron especiais para min; unha tarxeta de crédito das primeiras que se sacaron o mercado; unha campaíña que comprei cando contaba trece anos e visitei por primeira vez S. Andrés de Teixido; moedas de Inglaterra; e varias cousas máis...
Pero tamén contén algo moi especial para min, sobre todo porque é unha carta que eu escribín o 30 de Maio do ano pasado. Esta carta está introducida nun sobre, perfectamente cerrado e por fóra reza a recomendación de que debe ser aberto o vindeiro 30 de Maio, e, no caso de que me acontecese algo, deben abrila as miñas fillas. Non é que conteña ningún documento que faga peligrar a seguridade nacional, non, senón que é o relato de como me sentía eu aquel día do ano pasado. Quero saber se o ano que separa a escritura do documento coa lectura do mesmo, mellorou suficientemente a miña vida. Desde logo, feitos impactantes houbo de abondo.
A miña segunda caixa, que tamén é fermosa, de metal, seguirá recibindo pequenas partes da miña vida, da miña alma...

No hay comentarios:

Publicar un comentario