martes, 1 de febrero de 2011

Estes famosos...

Eu, que son unha amante do espectáculo, do teatro en concreto, non me vexo no papel de famosa. Porque seguro que se chegase a alcanzar un nivel de popularidade importante, tería que pasarme o día lendo o pensamento. Mellor dito, analizando o circuíto que leva o que está pasando na miña mente e ten a meta na miña lingua. E mira que falo! Que tremendo ía ser iso! Agora, antes de meter a pata, dicindo certas cousas que din algúns famosos, famosillos ou famosetes, merecería a pena o traballiño.
Isto ven a conto da última movida que xeneraron as palabras de Bisbal na súa páxina de Twitter. A cousa é que o cantante, referíndose a situación que atravesa Exipto, dixo o seguinte: "Nunca se han visto las pirámides de Egipto tan poco transitadas. Espero que la revuelta se acabe pronto". Disque os poucos minutos de colgar esta beleza de frase, e tras os comentarios surdidos o respecto, foi retirada de inmediato. Non me estraña, pois independentemente do nivel cultural deste rapaz que non será moi alto, isto indica unha falta enorme de sensibilidade ante unha situación que está afectando a millóns de exipcios, pero tamén ten repercusións para o resto da humanidade.
Claro que este non é o único nin será o último que solte bosta pola gorxa, cando pretendía emanar flores. En España, fíxose famosa aquela rapaza que fora Miss España chamada Sofía Mazagatos. A pobre tiña bastantes problemas na hora de expresarse, pero, considerando que dicía "todavía no he encontrado la hormona de mi zapato"... Mais, non fai falla ser máis guapa cas outras para contar as cousas atrapalladamente, pois Isabel Pantoja contou no seu día isto dunha persoa "le tocó la lotería y ahora vive como una majara". Tamén é verdade que se che tocan moitos millóns podes acabar tola, moi tola.
Hai outros famosos por ese mundo de Deus que non lle quedan atrás os nosos. Por exemplo, Britney Spears, que terá moitos cartiños pero poucas luces, dixo un día aquilo de "nunca he ido a Japón porque no como pescado y sé que ese alimento es famoso en África". Agora, sinceramente, é peor escoitar as sandeces de Mariah Carey opinando sobre os nenos famentos do terceiro mundo, cando afirmou "Siempre que veo la televisión y veo a esos pobres niños hambrientos en todo el mundo, no puedo evitar llorar. Quiero decir, me encantaría ser así de flaquita, pero non con esas moscas y muerte y esas cosas".
Seguro que calquera católico que se precie, saberá onde ten que viaxar para coñecer onde naceu o seu xefe. Non fora ser que lles acontecese o mesmo que a Shakira, que dixo "voy a viajar a Roma porque es la tierra donde nació Nuestro Señor Jesucristo". Se esta muller xa se deu conta do seu erro, sempre pode xuntarse con Cristina Aguilera e buscar o lugar descoñecido para esta a tenor das seguintes declaracións: "¿Alguien sabe dónde se celebra el Festival de Cannes este año?". Eu non che sei se o tal Festival se fará onde debía, pero estou certa de que cos teus cartiños e cos de calquera un dos anteriores, poderiades ter os vosos pés a miles ou millóns de profesores que se sentirían enormemente afortunados de renovar o voso circuíto de expresión oral...

No hay comentarios:

Publicar un comentario