Remítome a esta frase de Sócrates para dar título ao meu comentario de hoxe porque onte houbo xente que pretendeu poñer en dúbida que fose este home o que pronunciou a célebre sentencia, que marcou unha diferenza cos seus coetáneos, xa que,deixaba claro que a primeira regla da sabiduría é facer da humildade un medio de vida. Eu estaba certa, pero busquei axuda para corroboralo.
Considero que esta frase encerra unha verdade case que absoluta, porque "nada" pode significar "moito" no mundo do descoñecemento. Por outra banda, debo recoñecer que non son unha grande lectora de clásicos gregos ou romanos. Mellor dito, atéñome na maioría das veces a sentencias puntuais, das cales, discrepo a miúdo.
A miña experiencia demóstrame, que a xente que se aferra a Platón, Aristóteles, Sócrates, etc., convertendo as súas obras en libros de cabeceira, a miúdo se transforman en fanáticos, víctimas dun pensamento que non sempre é apropiado para a vida que lles tocou vivir. En moitas das ocasións, camuflan a impotencia de poder solventar certos problemas amparándose únicamente nas palabras destes sabios, que, se ben é certo que contribuíron favorablemente en moitos campos, non esquezamos que sucumbiron a desprestixios humanos coma a de ser misóxenos, envexar os seus rivais...
Eu aprendín na vida que o mellor é ir aspirando pequenas doses de coñecemento no grande campo que se ofrece ante nós, pero non aferrarse a ningunha verdade absoluta. O coñecemento é etéreo, tan só unhas cantas das aprendizaxes van ser para nós válidas e aproveitables. O verdadeiramente imperecedeiro son os sentimentos, dos cales nacemos todos dotados e que, cada un pon en práctica según se nos presente a ocasión.
Eu, baixo a miña humilde percepción do entorno no que vivo, recoméndolle aos que non
se ven capaces de escapar do cárcere das vicisitudes que os acaparan, que traten de compartir con xente disposta a escoitalos. É o único que te libera un anaco. É o único que te fai amarrar á vida sen esconderte en subterfuxios que, en ocasións os disfrazan de seres inadaptados,"ineptos" a maioría, para seguir o curso da existencia o máis satisfactoriamente posible.
Eu non son unha sabia, nin unha clásica, pero, a vida xa me deu un pouquiño de todo. E, por ela, desfilaron persoas que se converteron en modelos de algo, e non sempre bo, das que asimilei o que "se debe facer" ante certas envestidas, mais, sobre todo, "O que non se debe facer". Un camiño errado preto da meta pódese arranxar collendo unha das primeiras saídas, pero un camiño equivocado que te engana tapándoche os respiradeiros, só te pode conducir a autodestrucción. Invítovos aos que transitedes polo segundo, que collades a ferramenta adecuada para despexar as saídas pertinentes. Eu tiven a sorte de atopar un par de amigas que me acompañaron na procura do material. Hai intres nos que aínda o perdo porque son unha eterna despistada. Pero sei que quero vivir o máis aceptablemente posible. Quero sufrir o menos que poida. Quero axudar aos outros o mesmo que outros me axudan a min... Tamén sei que non quero ser carne de canón da resignación, da frustación, do odio, do conformismo, do rancor... Non penso vestirme co traxe de soberbia, nin co do clasicismo, nin co do radicalismo, aínda que algúns que non me coñecen tenten catalogarme como tal... Que insensatez!
Remato con Aristóteles, que dicía: "Vivir, sufrir e morrer, son tres cousas que non se ensinan nas nosas Universidades e que, sen embargo, encarnan toda a sabiduría necesaria para o home..." xa vedes, discrepo con el en tantas cousas, e rescátoo para outras admirablemente razoables.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario