Non sei exactamente o que quero facer hoxe. Refírome ao caríz que pretendo darlle a esta entrada, pero sei que vai ser persoal e intransferible. É verdade que está escrita en carácter xeral, pero cada un de vós, ao ler estas palabras, ten que adiviñar o que realmente quero dicir segundo o retrato persoal que elaborastes de min.
Todo isto, ven dado polo comentario que me deixaches no facebook, Alberte. Xa fai tempo que non nos vemos, a ti menos que a María, aínda que a través dos correos e do facebook, teñamos continuamente contacto. Xa sabedes que vos quero moito. Penso que en xeral, a xente que se adique a ler este blog durante uns minutiños, non pode ser, polo menos, insensible.
Se che digo que o teu comentario fíxome chorar. Claro que, non é difícil, pero merece a pena, e a iso viña o estado do facebook, ter amigos así.
Por suposto que non fai falla que me penduredes comentarios contínuamente. Coñezo á maioría dos meus seguidores, porque non pretendo que me lea demasiada xente, ou, polo menos, persoas que non entenderían o que escribo.
Encántame que María me diga que se enterou polo blog que a Iria lle foi todo ben. Que Montse me conte o intrigada que estaba que non tiña tempo de ir a buscar o vaso de auga que lle apetecía beber, que algún amigo me felicitase pola entrada que falaba dos bebedores de celebracións ou os de necesidade, que alguén me comentase que aprendeu unha palabra preciosa, "escintilar", e non deixou de ler o blog desde aquela, que outros amigos máis recentes compartan tamén ideoloxías, aínda que sexa para rebatir, que isto enriquece, sempre que se faga con educación... Sabedes que vos quero a todos, aínda que aquí non mencione cada nome.
Somos unha familia virtual. Fíxate, eu que son unha romántica primitiva nisto da infórmatica, electrónica e esas cousas... Unha persoa a que se lle resiste un reloxo dixital... Pois, recoñezo que teño unha suficientemente grande familia virtual. Iso si, desas que nos vemos, nos falamos pola rúa, ou tomamos cafés, ou compartimos actividades... Non tería senso para min que fose doutro xeito.
Teño que dar as grazas a miña filla, que foi a impulsora de que estas cousas saísen a luz. Porque durante a miña vida, foron moitos escritos ao lixo. Deste xeito, véxome obrigada a pensar ben o que escribo, porque a nova tecnoloxía teramo en conta toda a vida.
Remato con un GRAZAS. Sobre todo a ti, Alberte. Porque sei que eres un bo colega e un magnífico seguidor, e espero que crítico tamén. Non vou engadir máis nomes, porque non é necesario. Só me vou remitir a Oliva, unha das últimas incorporacións a este mundo e a este blog. É o uso que eu quero facer da infórmatica. Compartir. Para que saibades un pouquiño máis de min, e, eu, que estades aí. Con iso abonda... E, dende logo, non esquezamos o grande servizo que nos fai Mr. Google cando temos que alimentar a ignorancia que todos posuímos en maior ou menor grao... A miña, tremenda... de grande, quero dicir.
Un bico para todos e todas. Se estades aí, é porque nos precisamos.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario