miércoles, 13 de julio de 2011

¡Indignaos!... Stéphane Hessel.

Hoxe esta entrada conterá un spoiler. Xa vos expliquei o que era isto. Pero, senón, Mr. Google resólvecho todo. A verdade, é que non creo que o contido deste libro sexa sorprendente para alguén, mais, a maneira de contalo, os 93 anos do escritor, e as vivencias contidas nunha vida chea de loita sen violencia en favor dos dereitos humanos, sen dúbida, impactan.
A mensaxe deste libro, a máis evidente ao meu entender, é que o mundo estáse movendo mal, pero, hai unha pequena parte del, ou tal vez non tan pequena, que comeza o movemento a inversa. Exactamente isto pódese traducir nunha revolución pacífica en prol dunha sociedade de benestar que non corre detrás do diñeiro, senón, que o fai detrás da liberdade, da tolerancia...Penso que todos podemos engadir moito máis. Ata penso que os que me coñecedes dabondo sabedes o que podería engadir eu.
Este home formou parte do Consello Nacional da Resistencia, basado nun programa que foi elaborado fai 66 anos para conseguir unha Francia libre do nazismo e sentada sobre un conxunto de principios e valores que conformarían a moderna democracia gala.
Entre estes acordos, figuraban unha Seguridade Social digna, unha xubilación que permitise rematar a vida nas mellores condicións posibles, a nacionalización dos grandes bancos, as fontes de enerxía, de gas e de electricidade. O resumo xeral era que o interés xeral, debía primar sobre o interés particular. Formaban parte indiscutible desta mellora a educación pública e gratuita, e, unha prensa libre, honrada e independente de calquera poder político ou económico... Observade ao voso arredor...
El di que nos están roubando parte destes dereitos amparándose en que o Estado xa non pode garantir a súa solidez. Mais, naqueles intres había moito menos diñeiro ca agora mesmo. Só que este diñeiro está en mans duns poucos. Uns banqueiros que posúen a faculdade de intervir nas casas e nos bolsos de case todos, sen que os demáis poidamos facer nada contra eles.
Pero se algo ten claro este home, e eu secundo este pensamento seu, é que a peor actitude ante esta situación, é a indiferencia. Diríxese aos xóvenes desta maneira: "Mirade ao voso arredor, atoparedes os feitos que xustifiquen a vosa indignación- o trato aos inmigrantes, aos sen papeis, aos xitanos...
Hessel é un gran defensor da causa palestina. Isto ten un grande valor, pois non hai que esquecer que a súa orixe é xudea, motivo polo cal foi apresado pola Xestapo e estivo cautivo nun campo de concentración, librándose dunha morte inminente gracias a unha suplantación de identidade. Se ben defende o camiño da "non violencia", recoñece que as veces a condición humana non atopa outra vía para manifestarse, aínda que non sexa a correcta. Compara a Gaza con unha cadea a ceo aberto para máis de un millón e medio de palestinos. Unha prisión, onde esta xente se organiza da mellor maneira para vivir. Sen descoidar nada, para que aos seus fillos non lles falte o sorriso.
Conta unha anécdota, referente ao pobo de Cisjordania, chamado Bil`in, onde cada venres os seus habitantes van ata o muro onde protestan sen nengún tipo de violencia, sen lanzar pedras, sen utilizar forza algunha, únicamente para facerse ver. Para os israelíes, isto é chamado "terrorismo non violento".
Remato coa mesma frase coa que el acaba:"CREAR É RESISTIR, RESISTIR É CREAR"... Eu sei en que banda estou... e, ti?

No hay comentarios:

Publicar un comentario