Eu son unha fanática das metáforas e das hipérboles. Continuamente emprego este tipo de comparacións ou esaxeracións para facer así máis intelixible o que pretendo explicar. O que pasa, é que ás veces a xente non comprende o alcance das mesmas.
Por exemplo, se eu digo que alá no meu pobo as noites despexadas teñen o encanto especial das estrelas, e que alí se observan todas as do mundo... Non é exactamente certo que sexa así. Xa sei que é imposible técnicamente observalas todas. Mais, cando eu era pequena e non existía o alumeado público, os ceos do verán e da primavera eran unha festa contínua... Esta é unha metáfora, a primeira unha hipérbole. Despois, cando era menos cativa e coas farolas alumeando as noites,elas seguían aí. Marabillosas.
Moitas veces digo que teño un corazón que non me cabe dentro. Que podo bailar ata a extenuación. Que teño moita paciencia, moita, pero que se ma esgotan podo desencadear a terceira guerra mundial. Que daría a vida por actuar nun grande teatro... Son simples hipérboles que os aficionados a escritura utilizamos comunmente, pero só iso. Ningunha desas cousas pasaría... Case seguro.
A miúdo tamén digo que son coma o cabalo de Atila dos sentimentos. Que mordo a lingua para non causar conflictos. Que cando miro a lúa chea síntome parte dela. Que ás veces síntome coma se fose unha bolboreta... Metáforas. Simples e chans... Sinxelamente: María.
Así que para aquelas persoas que se asombran coas miñas esaxeracións ou comparacións, sabede que non son máis ca meros recursos literarios... Pero... Imos ver. Xogamos. Cantas metáforas e hipérboles usades vos na vosa vida diaria? Empezade a pensar, e se queredes, un día... contádesmas!
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario