martes, 30 de noviembre de 2010

A viaxe o país das augas perdidas

Un sábado calquera de finais de novembro, un grupiño de persoas, cuxo lazo de unión era un colexio, iniciaron unha trepidante aventura o "País das augas perdidas".
A verdade, é que comunmente, ese lugar é coñecido polo nome de "As Gándaras de Budiño".
O grupo estaba liderado por un experto biólogo especializado na arte de teatralizar as ensinanzas que impartía.
Amparado nunha boa cantidade de pegatinas, que representaban para os individuos de menor idade un tesouro a conseguir,cuxo prezo era a resposta máis extravagante ou máis certeira, Víctor, nome ao que respondía o capitán da expedición, conseguiu informar debidamente dos problemas daquel lugar encantado.
¿Como non ía estar encantado un territorio onde existían paraísos de montañas de area arcillosa que facían ás veces de un tobogán xigante, que á súa vez estaban sementadas de buratiños que non eran outra cosa que niños das anduriñas viaxeiras?, ¿quen se resistiría á presenza daquel bosque de ribeira frondoso e diverso?,¿como non imaxinar a presenza dos sapoconchos que nos adiviñabamos debaixo daquelas augas?, ¿e a comida observando aquela paisaxe, e rematada naquel bar de cumio, regada por un café acompañado de leite cortada?...
Todo este edén, foi descuberto, ou redescuberto por persoaxes de diversa índole: Un explorador en toda regla, un guía peculiar, unha teatreira un pouco tola, un pitagorín, unha nena aplicada, dous mestres privilexiados... ou un neno do máis ocurrente, sumamente ocurrente, o noso querido Iván.
Claro que, se algo botamos de menos, foi a auga que nun tempo invadía aqueles humedais e hoxe en día é tan só un espexismo...
Co regusto amargo de non atopar o xeito de inundar aquelas terras, ou de devolverlles a vida a aquelas cigoñas mortas por uns cazadores malévolos, voltamos á nosa cidade, onde aínda podemos observar algúns paxariños no noso maravilloso cole, ver estrelas cando aínda está escuro pola mañá, cheirar a herba mollada cando chove... e escoitar as risas dos nenos cando xogan.
Hai unha mostra da unidade que existiu nesa viaxe. Está encerrado nun libro que pertence a... adiviña, adiviñanza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario