jueves, 4 de noviembre de 2010

Filias

Onte tocoulle ás fobias, así que hoxe imos coas filias. Para os que descoñezan o significado da palabriña, unha filia é un amor ou simpatía desmesurada por algo.
Por exemplo, estou segura que un individuo que padeza "pirofilia", que non é outra cousa que un amor especial polo lume, non entablará unha gran amizade con outro que sexa víctima da "hidrofilia"(atracción pola auga). A que escribe, non podería manter unha relación do tipo que fose con unha persoa afectada pola "Belonefilia"(amor polas agullas), ou pola "ofidiofilia"( polas serpes). Xa é sabido que eu son víctima das fobias relacionadas.
Tamén coñezo dúas rapazas que nunca meterían na súa vida a alguén que sufra "ornitofilia"(atracción polo paxaros). E, por suposto, debe ser tremendo compartir anacos do teu tempo con un ser víctima da "hematofilia"(amor polo sangue), ou acabarás vendo todo de cor vermella.
Pero, seguriño que máis de un, padece un mal denominado "logizomecanofilia"(atracción intensa polos ordenadores). Esta mesma persoa podería estar baixo o influxo da "robofilia"(simpatía polos robots). Outra cousa sería que estivese afectada pola "agorafilia"(espacios abertos), porque a miúdo, as persoas amantes do ordenador, detestan saír.
Pero o que está claro, é que aínda que é estupendo caer nas redes da "neofilia"(atracción polo novo), será mellor non pasarse de rosca co tema.
Eu, do que estou segura, é de que non padezo "ripofilia"(amor a suciedade), e non me vai nada o da "cleptofilia"(atracción por roubar).
Se es víctima de calquera destas filias, mellor que sexa no grao de simpatía, porque se chegas a sentirte atraído con desmesura, non é un bo síntoma.
O ideal é manter as filias e as fobias no lugar correspondente. O mellor, librarse delas. Eu non o consigo coas miñas fobias. ¿E ti?.

No hay comentarios:

Publicar un comentario