martes, 14 de junio de 2011

Queen... sempre Queen.

Antes de nada, informar a todas as persoas que len periódicamente o meu blog, ou de vez en cando ou cando lles pete, que a hora que figuraba debaixo de cada nova entrada, non era real. Onte amañei o asunto... Mellor dito, amañouno Fran, que se estranou de ver a última renovación feita supostamente ás sete e vinte da mañá, cando se supón que a esa hora estou entrando no cole... Cousas do reloxo do aparello este, que andaba mal de hora. Eu xa o sabía, pero nunca se me dera por cambialo. Pois xa está. Gracias, Fran.
Hoxe quero rendir un tributo a Queen. De feito, estou escoitando a súa música de fondo. Fágoo moitas veces.
Isto non vai ser unha Bohemian Rhapsody(Rapsodia Bohemia). Ou si. Porque a vida xa é bohemia dabondo. Aínda que te definas coma un espíritu conservador, tamén has de ter os teus momentos tolos. Isto funciona así. Claro que non hai que chegar ao punto do protagonista da canción. Eu coñezo moitas nais que viven esa dor, e moitos fillos que non se perdoan facer padecer ás súas proxenitoras as consecuencias dos seus propios erros.
Agora, o que queda claro é que este blog non está feito no ceo, como dí a canción "Made in Heaven". Pero eu, coma calquera, "estou xogando o meu papel na historia, buscando o meu obxectivo". Porque, quen quere vivir para sempre?(Who wants to live forever?). Eu desde logo, non. Debe ser aburridísimo observar as novas xeracións cada vez máis informatizadas, máis tolas... Ou non. Dá igual. Un cometido nesta bola na que nos toca vivir duns noventa anos en plenas facultades, está xenial.
A canción "Friend will be friends", di que "os amigos serán amigos". Por iso, podes facelos disfrutar con "A kind of magic", ou o que é o mesmo, un tipo de maxia. Facelos ver que "a campaíña que soa dentro da súa mente, é o combate das portas do tempo. Iso é un tipo de maxia."
A todos nos acontece nalgún intre das nosas vidas o mesmo que lle pasaba o protagonista da canción: "I want to break free", que dicía que "quería liberarse". De calquera cousa. Mais, debes ter conta de que iso non te convirta en "Outro máis que morde o lixo" (Another one bites the dust). Xa que, como di esta canción: "Hai moitas maneiras de mancar a un home, e deixalo no chan. Podes bater nel, podes enganalo, podes tratalo mal e deixalo cando está embaixo..." Mellor, non fagas ningunha desas cousas... Sé boa xente. Utiliza o poder do amor para vivir. Polo menos, ata que che chegue o día D. Como din os Queen na súa canción "Before Im dead", ou "O día que eu morra", todo continuará... ou non?
Pero quero deixar constancia de que antes, vou tentar "facerte tremer"(We will rock you)... voute facer tremer... Cantando.
Remato escoitando "Somebody to love", cuxa tradución di: "Alguén para amar". Mais non vou contar do que fala. Ao que lle interese, que procure en google a súa versión traducida o español, pois o galego... vai ser que non... Preciosa... si, señor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario