miércoles, 29 de junio de 2011

Por ser vos quen sodes...


Onte tocoume volver a retocarme un pouquiño máis da conta para asistir ao acto de graduación de Antía.
No seu instituto, xa non se trata de celebrar a marcha dos alumnos cara a universidade, a Formación Profesional, o mundo laboral, ou calquera outra saída, con un festa entrañable de convivencia entre alumnos, profesores, pais, nais, etc. Agora, celebran uns macrofestivais que poden chegar a ter unha duración de cinco horiñas. Iso, sí, todo moi ben "coordinado" polo xefe da expedición, o Sr. Director. Púxenno con maiúsculas, non?... A cousa é que a primeira parada ten lugar no auditorio de Caixanova... Xa non se chama así!... Novacaixagalicia. Rapaces e rapazas marabillosos. Tratando de non trastocar o discurrir do acto en ningún momento. Discursos, entregas de premios... Noraboa, Antía polo teu ao mellor expediente, gañáchelo ti, co teu traballo e a túa vontade. Entrega de bandas, discurso de D. Luís, o director antes mencionado. Concerto da coral de Vilagarcía. Moi ben. Música escollida con bo gusto e unha excelente interpretación do Gaudeamos Igitur. A min este himno ségueme emocionando cada vez que o escoito.
Pero o mellor, o mellor, foi cando os mozos e mozas foron eles mesmos. Isto tivo lugar ao final. Todos acompañaron coas súas voces a canción que escolleron, "Hai un amigo en ti", da peli de Disney "Toy story". Todos estaban xa deshinibidos, sorrintes... penso que xa comezaban a sentirse libres de tanto formalismo. Bueno, claro que aínda lles quedaban, mellor dito, nos quedaba, pasar polas instalacións do Real Clube Nautico para tomar un viño, e uns pinchos. Polos que previamente cada membro da familia houbo de pagar 10 euros, incluído o alumno ou alumna en cuestión.
Como se trataba dun acto de despedida, eu tamén vou agradecer. Así que, agradezo ao equipo de docentes do centro público, a súa labor. Bueno, case a todos. Pero iso acontece en todos os lugares. A todo o persoal e ao equipo directivo... A estes, especialmente ao que os representa, agradecerlles o traballiño, que estou segura que o levan. Pero, tamén reprocharlles, mellor en terceira persoa, sen "s". Eu penso que estas festas son para os rapaces e rapazas. Non fai falla que haxa prensa. Non fai falla que para comer unhas croquetas, un pouco de tortilla e catro cousiñas máis, te vexas obrigado a pagar. Polo menos, esa cantidade. Non fai falla que nos conte que lle sae máis barato celebralo así que no instituto, como se fixo toda a vida. Porque non somos usuarios dun centro privado de luxo. Somos familias que facemos uso da ensiñanza pública. E, se algo ten que distinguir a ensinanza gratuita da que non o é, é precisamente o achegamento a todos e todas. Sen distincións. Sen etiquetas.
Eu estiven alí pola miña filla. Preferiría estar no centro onde pasou seis anos da súa vida. Desexaría non ter que escoitar falar da única rapaza que suspendeu selectividade dese centro en público, como tivo a "ben" D. Luís mencionala. Non dixo o nome, pero todos nos demos conta cara a onde ollaba, onde estaba sentada "el bomboncito"...
Para ti, Antía, noraboa por ser ti. Por non deixarte engaiolar por certas paranoias. Porque o que de verdade importa, e que deixas un montón de mestres que te queren, de amigos, máis que compañeiros, de traballo convertido en boas calificacións, de ideais plasmados en recoñecementos... E, de crecemento persoal, onde foches capaz de demostrar, que todas as persoas son iguais, teñan a categoría social que teñan, a capacidade intelectual ou problemas de outra índole.
Espero poñer tacóns en breve. Pero será porque quero estar toda mona para asistir a eu qué sei o que... Ou sexa, un acto social deses que está no sitio onde de verdade debe estar. Será que eu non podo cantar aquilo de "antes muerta que sencilla". A min gústame máis, "antes sencilla que barroca".

No hay comentarios:

Publicar un comentario