lunes, 20 de junio de 2011

Pequenas mentiras ... sen importancia.

Hoxe vai de peli. Exactamente unha que fun ver este domingo con Jose. A verdade, é que o título non leva puntos suspensivos, pero, a min paréceme máis lóxico engadirllos.
Digo eu que, cando un minte, non será pola falla de importancia do asunto en sí. Aínda que, a mín paréceme que neste caso, non eran mentiras o que había, senón omisións da verdade. Cousa absolutamente diferente.
O film refírese a un grupo de amigos que veranean xuntos por norma. Entre eles, hai dúas parellas. Unha delas formada polo dono da casa. Home de negocios. Sen dúbida algunha. A súa dona, é a gran muller que está detrás do éxito deste home. Organizadora, que non mandona, e sensata. A outra, compóñena un doutor e unha muller sufridora e frustada. Despois saberedes por que.
Ademáis destes están unha moza insatisfeita coa súa vida amorosa. Ela disfraza o seu problema coa práctica de sexo compulsivo. Eu penso que era así, non?
Tamén forma parte do grupo un home que vive preso do amor que sinte pola súa moza coa que rompeu e él tenta recuperar. Hai outro persoaxe que destaca. Trátase doutro home, que, despois de levar unha vida do máis movida, pasaba dun ligue a outro probando todas as novidades sexuais que se lle prantexaban, namórase dunha muller...
Esta peli merecíase ter o filósofo espiritual encarnado por un amigo residente no lugar de vacacións que lles aporta estabilidade interna, ou iso pretende. E,como non, tamén o realista. O que olla a vida a través dos sentimentos e das emocións.
A película comeza sinalando ao amigo ausente. Un home que ten problemas coas drogas e vai dar cara a UCI cando é arrollado por un camión.
De aí parte o primeiro dilema. Algúns deles propoñen non desplazarse de París para permanecer ao seu carón. Pero, a maioría decide que so son quince días durante os cales estarán en contacto con él. E, agora, aproveito para argumentar: realmente a amizade non consiste tamén en permanecer ao lado do amigo aínda que iso supoña renunciar o teu merecido descanso?... As veces hai cousas que só a familia ou unha parella faría por un... Ou un amigo de verdade.
Xurden problemas do tipo de un dos emparellados que descobre o seu lado homosexual namorándose do outro home casado. Situación que o segundo resolve, mellor dito complica adoptando unha postura irascible e un chisco agresiva. Ao mesmo tempo, a gran sufridora, a muller do inadaptado sexual, que se ve desplazada na súa parella e ignora o por que. Destacar a actitude da outra muller, a cal pretende en todo momento reubicar as pezas que o seu compañeiro descoloca contínuamente.
A muller desencantada que disfraza con sexo a súa soidade. O mozo que loita pola muller que quere e consegue reafirmar a súa relación. O outro home que tamén quere reconquistar a muller que ama, e non o consegue. Este persoaxe, vese envolto no medo ao futuro e fracasado por non poder afianzar algo que era importante para él... A vida mesma... Mensaxe para os aprendices de chinos que pretenden fortificarse cunha muralla que nunca poderá ser tan longa, tan forte, nin tan duradeira coma a deles. O peor é que non sabes en que intre da túa vida se derrumbará, o que te agardará fora daquela, ou se atoparás alguén que aínda estea disposto a axudarche a saír do pequeno territorio.
Boísimo o experimento que plantexa o "guía espiritual". Coloca o mesmo arroz en dous botes diferentes, pero semellantes. Fálalle a un deles todos os días con palabra agarimosas. Co outro invirte o ton das túas verbas. Insúltos e berros. Disque o primeiro se manterá en perfecto estado, mentras o segundo se pudrirá. Eu vou tentar probalo... Total, tan só perderei un pouco de arroz. E, de seguro que poñer un pouco de ira cara a un bote de cereal, axudarame a liberarme de calquera cousa negativa... Ou non?
Non faltan os tópicos. Hipocresía, porque creo que se percibe. Iso sempre ocorre nas relacións persoais en algún momento. Ata no último adeus ao amigo. Por que hai que vestirse de negro riguroso? Mira ti, tan avanzados e despois cheíños de formalismos estúpidos! E, neste caso, créome con potestade para criticar estas conductas. Eu fun nun momento da miña vida duramente criticada por vestir de cor clara no enterro dun familiar... Necios os que xulgan a vestimenta mentras desprezan outras actitudes máis importantes.
Por iso, non había mentiras. Senón omisións puntuais da verdade. Cousa que facemos todos de vez en cando. No meu caso, procuro que sexa puntualmente e por imperativo legal, máis estou segura que en ocasións non debería facelo nin así. Nin ti, nin tampouco vostede...
A vida é máis dura. A vida é máis grata. Pero hai que querela vivir. Mellor dito, hai que querela dabondo para podela disfrutar.
Coa experiencia de vida que teño, decidín que quero ter un grupo de amigos. Con un deles que verta bolboretas na última reunión que manteñamos, ou que manteñan o redor do meu cadaleito... Xa sei que era area, pero eu prefiro que voen bolboretas. Tamén quero contar con xente que me queira acompañar se estou seriamente perxudicada nun hospital. Ou o que é o mesmo, que sexa dabondo importante para renunciar a uns días de ocio e texer unha ponte de sentimentos... A palabra exacta é "amor" en todas as súas variedades.
Será que en todos os grupos de xente se quere igual por tódalas bandas... Por todas, por todas?... Eu que sei.
Remato escoitando "a miña maneira" de Frank Sinatra. Onte chorei con ela. Hoxe tento non pensar demasiado e quédome coas risas do meu colega de butaca que me superou, e mira que é difícil... Moi ben...
O problema é para os que non víchedes a peli. Conteivos un montón de cousiñas. Mais, aínda así, se tedes ocasión non vos perdades esas duas horiñas e medias de emocións, se sentimentos, de hipocresías, de amor incondicional... en definitiva, de VIDA MESMA.

No hay comentarios:

Publicar un comentario