jueves, 23 de junio de 2011

A noite máis meiga...

Xa está aquí. O 23 de Xuño, día que trai consigo a noite meiga por excelencia. Para os galegos, cuxo orixe celta nos deixou a sombra da maxia, o lume e a auga contribuen a que a diversión e os rituais vaian da man.
A verdade, é que fai moitos anos que eu non vou a unha fogueira. Lembro algunhas das veces nas que acudín e o pasei realmente ben, outras, tan só estiven alí. Agora, o que non deixo de facer periódicamente cada unha destas noites especiais, é o rito das herbas. Ou como se chame. Eu refírome ao feito de depositar o ramallo de herbas nunha cunca de auga e colocalas no balcón toda a noite baixo a influenza da lúa, para lavarse con elas a mañá seguinte. Xa sei que iso se pode facer calquera noite do ano, xa sei que non ten propiedades máxicas nin nada diso. Pero, eu, que nacín nunha aldea, que vivín alí ata pouco máis ca miña adolescencia, non coñecía ese ritual. Descubrino a través dunha marabillosa veciña que vivía ao meu carón no primeiro edificio no que residín aquí, na cidade. Era unha grande muller, e ela sempre dicía que, así polo menos asegurábaste que unha vez no ano ías facer algo bo pola túa pel. Adoptei esta postura e as miñas fillas tamén se lavan cada mañá do 24 coa maravillosa auga resultante da noite. Todos e todas deberíamos adoptar algunha actitude meiga en certos intres, senón, tanta realidade anóxate.
A lúa, é outro elemento fundamental nesta noite. Para mín, a lúa é parte indispensable todas as noites da miña vida. Creo que vivo baixo o seu influxo constante. E, os que ides lendo o meu blog, xa o comprobariades por vos mesmos.
Disque esta celebración se remonta o nacemento de San Xoan, que tivo lugar o 24 de Xuño. Parece ser que a proximidade desa data co solsticio, fixo que poderosas enerxías solares actuasen sobre a Terra. Unha simple explicación de orixe católica, penso. A ver se agora imos ter que plocamar o 11 maio, data na que eu nacín, un día especial porque as flores se conxuraron para facer o planeta máis... ou na que naciches ti, ou ti, ou ti... Chorradas!
O que toda a xente que participa activamente nesta noite acaba facendo, sen dúbida, é saltar olas ou fogueiras. En Galicia, o número de olas que debes saltar, son nove. en outras zonas de España, creo que son 7. Sonche cousas da maxia!
Pero o lume. O que máis me gusta do lume é o seu crepitar e o seu escintilar. Iso sí que enmeigalla. Mais, o feito de que logo quedas cheirando a afumado toda a noite ata que chegas a casa e te duchas, sexa a hora que sexa, xa non che me fai tanta graza.
Cousas da sociedade. Sempre hai que ter intres máxicos para as multitudes. A lúa sempre está aí. O lume sempre está aí. A auga acompáñanos cada día. Sexa doce ou salgada. As esperanzas, as peticións, os soños... os riscos de saltar porriba das cinzas quentes, están ahí, cada noite ou cada día... Uhm! esquecíame que agora non se poden facer fogueiras en calquera momento. E, as herbas, tamén están no monte durante unha chea de días. Algunhas coma o laurel, sempre... Pero a mín agrádame ter algo especial que facer unha sóa vez no ano... Seguro que a ti, tamén.
Non sei se vou acudir a unha fogueira. Se o fago, será porque os meus acompañantes o decidan así. Pero, se non estou alí... Non deixarei menos meiga por iso. Porque o feito de ser galega, implica levar a maxia na sangue...

No hay comentarios:

Publicar un comentario