Entra o verán. Vaise a primavera. Sinxelamente un proceso natural marcado nun almanaque artificial, elaborado para machucarnos a caluga cós días, as semanas e os meses. Agora, xa que está así estipulado, pódense marcar fronteiras.
Por exemplo, para min, o feito de que comece o verán, indica que entro a formar parte das listas do paro. Si, xa sei, con vistas a ser readmitida en setembro, sen moitos visos de inactividade total. Iso é case imposible na miña persoa. Pero, coa primavera, vanse persoas que han de tardar un pouquiño en voltar a miña vida. A maioría dos meus madrugadores, ou dos meus meniños de teatro. Algúns deles, aparecerán de vez en cando por aí, outros rexurdirán da súa desaparición estival en setembro, máis grandes, máis maduros. Mesmo sei que haberá persoas coma Hugo, que leva asomando na miña vida durante seis anos cada mañá,que xa non voltará a estar con nós todos os días, pois agora reclámao o instituto. Sei que todo irá ben. Eres un bo rapaz, Huguiño. De todos os xeitos, mamá e máis eu continuaremos convidándonos a eses cafés que, ás veces,se dilatan máis do debido, pero sempre chegan.
Seguramente aquí queda a miña cor clariña para tornar nun moreno, espero que aceptable. Aínda que non me inqueda iso, pero os paseos contínuos pola beira do mar, traen esas consecuencias positivas... creo.
No cole onde traballo, haberá cambios respecto a algunhas persoas. Non pasa nada. A vida sigue. Ata pode ser que mellor. Penso que mellor. Igual... moito mellor... Non digo nada, que miña avoa sempre dicía que é mellor ruín coñecido cá bo por coñecer...
Pero... mañá perderei de vista a ese admirador madrugador. Ese que leva desde o inverno facéndose notar. Non sei quen é. Non me importa demasiado. Ou nada. Seguro que ata ten un libro de familia onde figuran máis de dous. Él tampouco sabe nada de min. Iso espero. Mais desde a súa presentación días atrás, que me desagradou en exceso, non para de agasallarme ao meu paso con palabras... en español, iso si. Vamos, o que se chaman piropos.E acompañados, ante o meu mutismo, de sons de cláxon e lanzamento de bicos. Non o podo crer. Esas cousas que ollas nas pelis e que parecen que non poden acontecer a pé de rúa. Sobre todo tratándose de persoas que procedemos dos anos 60 e xa non somos críos. Seguro que ese home naceu neses anos? Intuición:SI. Mira, Mister Admirador, sei que nunca lerás isto. Non sabes quen son, nin o que me gusta, nin a onde vou, nin de onde veño. Por non saber non sabes nin como me chamo... Menos mal! É máis, estou segura de que o que te atrae da miña persoa é a miña maneira de camiñar co meu maletín de rodas e o meu cabelo solto ou o vento. Tampouco é a cousa para parar o tráfico, mais algunha xente que me observa desde o autobús, por exemplo, din que infundo enerxía. Así que, xa podes ir buscala a outra parte, se se trata diso, porque a partir de mañá, acabóuseche o espectáculo... Espero que en setembro haxa máis. Sobre todo polo meu ben... Falo do traballo.
O verán tamén marcará unha paréntese na miña vida e a das miñas fillas. Para Antía, comeza a súa andaina polo CUVI. Penso que o disfrutará. Vai facer o que lle gusta. Ela vale moito e tan só ten que ser así... Boa persoa e férrea estudante... Iria, ten outro reto diferente. Reino Unido. Será a súa primeira experiencia como ensinante. Como extranxeira nun país anglosaxón. Como independente. Máis ca nunca... Pero ti podes, Iria. Se te queres dabondo e compartes sabiduría e amor, conseguiralo.
Pola miña banda, non sei que expectativas amosa o outro lado do límite do verán. So sei que terei que remitirme unha nova carta. Ao mesmo plazo dun ano ca anterior. Naquela non houbo tantas modificacións na miña vida como estaba previsto, pero o balance foi positivo. Eu son a única que pode facer subir e baixar os pratos da balanza, e sei cal deles debe estar enriba e cal embaixo... Mira que domino a teoría!
Hai certas expectativas que non deixarán de ser iso ata que se concrete a venda da miña casa. Pero, ninguén me poderá impedir bailar descalza, cantar no Karaoke, tomar café con xente, pasear por Samil o ritmo do meu MP3, acudir ao teatro, a concertos, ao cine, falar, falar... a modo. Ler, compartir... Ou seguir pensando que vivir merece a pena e que elexín o camiño exacto para tentar facelo ben.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario