jueves, 30 de junio de 2011

Príncipes, rás, señores...

Algúen pode dicirme por que hai príncipes azuis e non hai princesas azuis? Resulta que se se é princesiña, xa se dá por descontado que se posúe sangue real. Agora, se se é un príncipe... pódese ser azul ou non. Se non é desa cor, será un que herdou un título sen máis. Pode ser alto, baixo, listo, torpe, etc. Total, xa ten o choio asegurado. Pero... un príncipe azul, debe ser... Pois non debe ser nada. Tan só ten que (sempre supostamente) chegar a vida dalgunha muller e amosarlle que é o home adecuado para ela.
Ou sexa, que a min, ou a ti, ou a ti, mulleres do mundo, prívannos do dereito de convertirnos en princesas azuis. Nós non chegamos a vida de ninguén, nós esperamos a que cheguen a nosa. Iso será o que cren eles. Eses señores que, de príncipes non teñen nada. Pero eu si que os encaixo nun catálogo de cores. Por exemplo, está o sr. Azul. Este é o típico home que se cré con todo o dereito do mundo de irrumpir na vida de alguén cando lle apetece. O seu medo máis grande, é converterse en rá. Ben sexa porque chegou tarde, ou, porque como dicían na peli "O clube dos poetas mortos", non colleron a rosa mentras podían e despois xa non a atoparon. Está o sr. Verde. Se o primeiro que mencionamos era un clásico, este é un cursi. Non vive nun mundo real. Se te atopas con él... mellor non. Os srs. Vermellos son antes ca nada, radicais. Eles están en posesión da verdade. Tratarán de convencerte a ti, muller que os estás toleando coas túas exposicións verbais, para despois vir a dicir o mesmo que ti mantiñas desde o principio. Se tamén ten cor azul, ou sexa, é bicolor, fai soar as alarmas, pois será un clásico radical. Independentemente da cor da súa pel, os srs. Negros, son os pesimistas por excelencia. Pretenderán que olles a vida desa cor todo o día. Se tí tentas facer o contrario, vivirás mal, moi mal con estes tipos. Non vai ser mellor o teu futuro se no teu camiño se cruza un sr. Amarelo. Un soñador. Seguramente será maravilloso pasar con él anaquiños de tempo. Pero... sempre... eu non podería. Son Tauro e teño os pes na Terra moi a miúdo.
A conclusión é que xa non existen os príncipes azuis. Só existe a persoa adecuada para a persoa axeitada. Ambos con defectos, ambos con virtudes. Ambos con soños, con medos... Pero sen soberbia.
Que tipo de sr. és ti? Sabes que tipo de sra. son eu?...

miércoles, 29 de junio de 2011

Por ser vos quen sodes...


Onte tocoume volver a retocarme un pouquiño máis da conta para asistir ao acto de graduación de Antía.
No seu instituto, xa non se trata de celebrar a marcha dos alumnos cara a universidade, a Formación Profesional, o mundo laboral, ou calquera outra saída, con un festa entrañable de convivencia entre alumnos, profesores, pais, nais, etc. Agora, celebran uns macrofestivais que poden chegar a ter unha duración de cinco horiñas. Iso, sí, todo moi ben "coordinado" polo xefe da expedición, o Sr. Director. Púxenno con maiúsculas, non?... A cousa é que a primeira parada ten lugar no auditorio de Caixanova... Xa non se chama así!... Novacaixagalicia. Rapaces e rapazas marabillosos. Tratando de non trastocar o discurrir do acto en ningún momento. Discursos, entregas de premios... Noraboa, Antía polo teu ao mellor expediente, gañáchelo ti, co teu traballo e a túa vontade. Entrega de bandas, discurso de D. Luís, o director antes mencionado. Concerto da coral de Vilagarcía. Moi ben. Música escollida con bo gusto e unha excelente interpretación do Gaudeamos Igitur. A min este himno ségueme emocionando cada vez que o escoito.
Pero o mellor, o mellor, foi cando os mozos e mozas foron eles mesmos. Isto tivo lugar ao final. Todos acompañaron coas súas voces a canción que escolleron, "Hai un amigo en ti", da peli de Disney "Toy story". Todos estaban xa deshinibidos, sorrintes... penso que xa comezaban a sentirse libres de tanto formalismo. Bueno, claro que aínda lles quedaban, mellor dito, nos quedaba, pasar polas instalacións do Real Clube Nautico para tomar un viño, e uns pinchos. Polos que previamente cada membro da familia houbo de pagar 10 euros, incluído o alumno ou alumna en cuestión.
Como se trataba dun acto de despedida, eu tamén vou agradecer. Así que, agradezo ao equipo de docentes do centro público, a súa labor. Bueno, case a todos. Pero iso acontece en todos os lugares. A todo o persoal e ao equipo directivo... A estes, especialmente ao que os representa, agradecerlles o traballiño, que estou segura que o levan. Pero, tamén reprocharlles, mellor en terceira persoa, sen "s". Eu penso que estas festas son para os rapaces e rapazas. Non fai falla que haxa prensa. Non fai falla que para comer unhas croquetas, un pouco de tortilla e catro cousiñas máis, te vexas obrigado a pagar. Polo menos, esa cantidade. Non fai falla que nos conte que lle sae máis barato celebralo así que no instituto, como se fixo toda a vida. Porque non somos usuarios dun centro privado de luxo. Somos familias que facemos uso da ensiñanza pública. E, se algo ten que distinguir a ensinanza gratuita da que non o é, é precisamente o achegamento a todos e todas. Sen distincións. Sen etiquetas.
Eu estiven alí pola miña filla. Preferiría estar no centro onde pasou seis anos da súa vida. Desexaría non ter que escoitar falar da única rapaza que suspendeu selectividade dese centro en público, como tivo a "ben" D. Luís mencionala. Non dixo o nome, pero todos nos demos conta cara a onde ollaba, onde estaba sentada "el bomboncito"...
Para ti, Antía, noraboa por ser ti. Por non deixarte engaiolar por certas paranoias. Porque o que de verdade importa, e que deixas un montón de mestres que te queren, de amigos, máis que compañeiros, de traballo convertido en boas calificacións, de ideais plasmados en recoñecementos... E, de crecemento persoal, onde foches capaz de demostrar, que todas as persoas son iguais, teñan a categoría social que teñan, a capacidade intelectual ou problemas de outra índole.
Espero poñer tacóns en breve. Pero será porque quero estar toda mona para asistir a eu qué sei o que... Ou sexa, un acto social deses que está no sitio onde de verdade debe estar. Será que eu non podo cantar aquilo de "antes muerta que sencilla". A min gústame máis, "antes sencilla que barroca".

lunes, 27 de junio de 2011

A dourada cervexa.

A verdade, é que non debería ser ese o título do día. Porque, a cervexa tamén pode ser negra ou máis tostadiña. Eu mesma lembro cando estaba non instituto. Naquela bocatería, que aínda existe e mantén o éxito dos bos tempos, só que, rexentada polas novas xeracións. Pois aí, foi o meu primeiro contacto coa cervexa negra. Aconselladas polo dono do local, as miñas amigas e máis eu, comezamos a degustar aquela bebida que, segundo o hosteleiro, era mellor para as mozas. Descoñezo a razón, pero estaba moi boa...
Se nos remontamos tempos atrás, atopamos que a cervexa era unha bebida popular entre os exipcios, mais, para quen constituía un brebaxe "oficial", era para os galos, os bretóns e os xermanos. O imperio romano, familiarizouse con ela durante a súa expansión polo norte de Europa.
Na Idade Media, comezou a dependencia dos europeos polo lúpulo, pois o viño quedaba relegado ás mesas máis ricas. A cervexa daquela, era unha bebida doméstica, que se elaboraba nos fogares dos campesiños, mentras que o viño adquiría un carácter máis monacal. Para iso os mosteiros posuían a maioría dos viñedos. Mira para iso...! Daquela, esta bebida, tiña unha graduación máis baixa. Había a lenda de que os ríos e os pozos eran transmisores de todo tipo de enfermidades, polo cal, a xente apagaba a súa sede a golpe de cervexa. Comezaban no almorzo. O normal, era tomar medio litro de lúpulo, no cal mollaban pan seco. Durante o resto da xornada, podían tomar uns dous ou tres litros máis. Por exemplo, Eduardo I de Inglaterra, estableceu que os seus soldados tiñan dereito a recibir cada día 4 litros de cervexa.
En España, o monarca impulsor da bebida, foi Carlos V. Para que o seu labor no noso país non o alonxara da súa brebaxe preferida, trouxo consigo a célebres mestres cerveceiros, tales coma Enrique Van der Trehen, a quen se lle encargou poñer en marcha unha fábrica de cervexa no Mosteiro de Yuste...
Sexa como sexa, a cervexa é un veículo de comunicación. Algunhas operacións de marketing, transformadas en anuncios que traspasan o obxectivo e se convirten en emblemas sociais, demóstranos que as reunións en torno a cervexa, seguen tendo máis espontaneidade que as que xiran cara os viños.
Eu non entendo moito de cervexa. Na miña humilde realidade, sei apreciar se o seu sabor me gusta máis ou menos. Tamén é verdade que, debido ao seu amargor, apaga a sede mellor ca calquera outra. E, segue estando vinculada a igrexa, polo menos no que respecta os nomes comerciais, onde abondan cantidade de referencias a frades.
Polo tanto, fagamos un brinde cerveceiro... Por certo, esta palabra chegou a nosa linguaxe nos tempos de Carlos V. Xa que, despois de que saqueara Roma, as súas tropas axeonlláronse ante o emperador co berro de "ich bring dir's", que, traducido do alemán viña a ser algo así coma "eu ofrézocho". A frase evolucionou ata a actualidade pasando a chamarse "Brinde", modificando a fonética alemana.
Remato escoitando a canción de John Lennon: "Woman". Buscádea se non a coñecedes, xa veredes que merece a pena.

jueves, 23 de junio de 2011

A noite máis meiga...

Xa está aquí. O 23 de Xuño, día que trai consigo a noite meiga por excelencia. Para os galegos, cuxo orixe celta nos deixou a sombra da maxia, o lume e a auga contribuen a que a diversión e os rituais vaian da man.
A verdade, é que fai moitos anos que eu non vou a unha fogueira. Lembro algunhas das veces nas que acudín e o pasei realmente ben, outras, tan só estiven alí. Agora, o que non deixo de facer periódicamente cada unha destas noites especiais, é o rito das herbas. Ou como se chame. Eu refírome ao feito de depositar o ramallo de herbas nunha cunca de auga e colocalas no balcón toda a noite baixo a influenza da lúa, para lavarse con elas a mañá seguinte. Xa sei que iso se pode facer calquera noite do ano, xa sei que non ten propiedades máxicas nin nada diso. Pero, eu, que nacín nunha aldea, que vivín alí ata pouco máis ca miña adolescencia, non coñecía ese ritual. Descubrino a través dunha marabillosa veciña que vivía ao meu carón no primeiro edificio no que residín aquí, na cidade. Era unha grande muller, e ela sempre dicía que, así polo menos asegurábaste que unha vez no ano ías facer algo bo pola túa pel. Adoptei esta postura e as miñas fillas tamén se lavan cada mañá do 24 coa maravillosa auga resultante da noite. Todos e todas deberíamos adoptar algunha actitude meiga en certos intres, senón, tanta realidade anóxate.
A lúa, é outro elemento fundamental nesta noite. Para mín, a lúa é parte indispensable todas as noites da miña vida. Creo que vivo baixo o seu influxo constante. E, os que ides lendo o meu blog, xa o comprobariades por vos mesmos.
Disque esta celebración se remonta o nacemento de San Xoan, que tivo lugar o 24 de Xuño. Parece ser que a proximidade desa data co solsticio, fixo que poderosas enerxías solares actuasen sobre a Terra. Unha simple explicación de orixe católica, penso. A ver se agora imos ter que plocamar o 11 maio, data na que eu nacín, un día especial porque as flores se conxuraron para facer o planeta máis... ou na que naciches ti, ou ti, ou ti... Chorradas!
O que toda a xente que participa activamente nesta noite acaba facendo, sen dúbida, é saltar olas ou fogueiras. En Galicia, o número de olas que debes saltar, son nove. en outras zonas de España, creo que son 7. Sonche cousas da maxia!
Pero o lume. O que máis me gusta do lume é o seu crepitar e o seu escintilar. Iso sí que enmeigalla. Mais, o feito de que logo quedas cheirando a afumado toda a noite ata que chegas a casa e te duchas, sexa a hora que sexa, xa non che me fai tanta graza.
Cousas da sociedade. Sempre hai que ter intres máxicos para as multitudes. A lúa sempre está aí. O lume sempre está aí. A auga acompáñanos cada día. Sexa doce ou salgada. As esperanzas, as peticións, os soños... os riscos de saltar porriba das cinzas quentes, están ahí, cada noite ou cada día... Uhm! esquecíame que agora non se poden facer fogueiras en calquera momento. E, as herbas, tamén están no monte durante unha chea de días. Algunhas coma o laurel, sempre... Pero a mín agrádame ter algo especial que facer unha sóa vez no ano... Seguro que a ti, tamén.
Non sei se vou acudir a unha fogueira. Se o fago, será porque os meus acompañantes o decidan así. Pero, se non estou alí... Non deixarei menos meiga por iso. Porque o feito de ser galega, implica levar a maxia na sangue...

miércoles, 22 de junio de 2011

"Fala para que eu te coñeza..."

A frase de enriba pertence a Sócrates. Acordei titular a entrada desta maneira, porque, as veces, lembro que falo un montón. Pero, hoxe mesmo, unha amiga, unha boa amiga, díxome que era un pracer que tivese tanta locuacidade disparando palabras, porque cando lle chegaban sempre lle dicían algo... Aínda asi... tamén sei facer silencios. De verdade... Incrible!, pero non deixo de ser unha grande tímida.
Mais, agora voume remitir a unha peli fenomenal: "O clube dos poetas mortos". Lembreime dela, sen máis, e penso que hai frases deste film que merecen a pena. Por exemplo, hai unha que di:"Non esquezan que a pesar do que lles digan, as palabras e as ideas poden cambiar o mundo". Indiscutiblemente, si. É máis, non existe outra maneira de facelo. As modificación progresivas que se desencadenan nesta "Boliña" nosa, veñen sempre impulsadas por unha idea puntual respaldada por unha palabra acertada. Aínda que en ocasións non sexa nin unha cousa nin a outra. Porque para o mestre da peli, a felicidade consiste en ter soños limpos, por iso dicía: "Móstrame un corazón que estexa libre de soños necios, e eu mostrareiche a un home felíz".
A cousa é saber disfrutar do que te rodea. A iso se refire con " Collede as rosas mentras podades. Velóz o tempo voa. A mesma flor que hoxe admirades, mañá estará morta". Según o protagonista, o lema a seguir é: " O día de hoxe non se voltará a repetir. Vive intensamente cada intre. O que non significa alocadamente, senón mimando a situación, escoitando ao outro, tentando acadar cada soño positivo, buscando o éxito do outro, examinándose da asignatura fundamental:O Amor. Para que un día non lamentes ter malgastado egoístamente a túa capacidade de amar".
Claro que, sempre están aqueles que se pasan o día criticando a forma de pensar dos que tendemos o romanticismo en certos campos. Eses para os que as ciencias explícano todo. A ver se lendo a seguinte frase, entendedes o que pretendo dicir: "Non lemos e escribimos poesía porque sexa bonita. Lemos e escribimos poesía porque pertencemos a raza humana, e a raza humana está chea de paixón. A mediciña, o dereito, o comercio, a inxeniería... son carreiras nobres e necesarias para dignificar a vida humana. Pero, a poesía, a beleza, o romanticismo ou o amor, son cousas que nos manteñen vivos".
Neste momento no que milleiros de estudantes modifican ilusión por práctica. Inducidos a maioría das veces por pais e mestres que pretenden inculcarlles a "Virtude" de forxar un bo futuro, eu fago apoloxía das humanidades. Hai un mundo máis alá das ciencias... As letras construen palabras que enlazan frases que transmiten pensamentos que naceron dun sentimento... Esta é miña.
Para rematar, voume remitir a Paulo Coelho, que di: Loita polos teus soños ou os outros farante escravo dos seus".

martes, 21 de junio de 2011

Ola, verán...

Entra o verán. Vaise a primavera. Sinxelamente un proceso natural marcado nun almanaque artificial, elaborado para machucarnos a caluga cós días, as semanas e os meses. Agora, xa que está así estipulado, pódense marcar fronteiras.
Por exemplo, para min, o feito de que comece o verán, indica que entro a formar parte das listas do paro. Si, xa sei, con vistas a ser readmitida en setembro, sen moitos visos de inactividade total. Iso é case imposible na miña persoa. Pero, coa primavera, vanse persoas que han de tardar un pouquiño en voltar a miña vida. A maioría dos meus madrugadores, ou dos meus meniños de teatro. Algúns deles, aparecerán de vez en cando por aí, outros rexurdirán da súa desaparición estival en setembro, máis grandes, máis maduros. Mesmo sei que haberá persoas coma Hugo, que leva asomando na miña vida durante seis anos cada mañá,que xa non voltará a estar con nós todos os días, pois agora reclámao o instituto. Sei que todo irá ben. Eres un bo rapaz, Huguiño. De todos os xeitos, mamá e máis eu continuaremos convidándonos a eses cafés que, ás veces,se dilatan máis do debido, pero sempre chegan.
Seguramente aquí queda a miña cor clariña para tornar nun moreno, espero que aceptable. Aínda que non me inqueda iso, pero os paseos contínuos pola beira do mar, traen esas consecuencias positivas... creo.
No cole onde traballo, haberá cambios respecto a algunhas persoas. Non pasa nada. A vida sigue. Ata pode ser que mellor. Penso que mellor. Igual... moito mellor... Non digo nada, que miña avoa sempre dicía que é mellor ruín coñecido cá bo por coñecer...
Pero... mañá perderei de vista a ese admirador madrugador. Ese que leva desde o inverno facéndose notar. Non sei quen é. Non me importa demasiado. Ou nada. Seguro que ata ten un libro de familia onde figuran máis de dous. Él tampouco sabe nada de min. Iso espero. Mais desde a súa presentación días atrás, que me desagradou en exceso, non para de agasallarme ao meu paso con palabras... en español, iso si. Vamos, o que se chaman piropos.E acompañados, ante o meu mutismo, de sons de cláxon e lanzamento de bicos. Non o podo crer. Esas cousas que ollas nas pelis e que parecen que non poden acontecer a pé de rúa. Sobre todo tratándose de persoas que procedemos dos anos 60 e xa non somos críos. Seguro que ese home naceu neses anos? Intuición:SI. Mira, Mister Admirador, sei que nunca lerás isto. Non sabes quen son, nin o que me gusta, nin a onde vou, nin de onde veño. Por non saber non sabes nin como me chamo... Menos mal! É máis, estou segura de que o que te atrae da miña persoa é a miña maneira de camiñar co meu maletín de rodas e o meu cabelo solto ou o vento. Tampouco é a cousa para parar o tráfico, mais algunha xente que me observa desde o autobús, por exemplo, din que infundo enerxía. Así que, xa podes ir buscala a outra parte, se se trata diso, porque a partir de mañá, acabóuseche o espectáculo... Espero que en setembro haxa máis. Sobre todo polo meu ben... Falo do traballo.
O verán tamén marcará unha paréntese na miña vida e a das miñas fillas. Para Antía, comeza a súa andaina polo CUVI. Penso que o disfrutará. Vai facer o que lle gusta. Ela vale moito e tan só ten que ser así... Boa persoa e férrea estudante... Iria, ten outro reto diferente. Reino Unido. Será a súa primeira experiencia como ensinante. Como extranxeira nun país anglosaxón. Como independente. Máis ca nunca... Pero ti podes, Iria. Se te queres dabondo e compartes sabiduría e amor, conseguiralo.
Pola miña banda, non sei que expectativas amosa o outro lado do límite do verán. So sei que terei que remitirme unha nova carta. Ao mesmo plazo dun ano ca anterior. Naquela non houbo tantas modificacións na miña vida como estaba previsto, pero o balance foi positivo. Eu son a única que pode facer subir e baixar os pratos da balanza, e sei cal deles debe estar enriba e cal embaixo... Mira que domino a teoría!
Hai certas expectativas que non deixarán de ser iso ata que se concrete a venda da miña casa. Pero, ninguén me poderá impedir bailar descalza, cantar no Karaoke, tomar café con xente, pasear por Samil o ritmo do meu MP3, acudir ao teatro, a concertos, ao cine, falar, falar... a modo. Ler, compartir... Ou seguir pensando que vivir merece a pena e que elexín o camiño exacto para tentar facelo ben.

lunes, 20 de junio de 2011

Pequenas mentiras ... sen importancia.

Hoxe vai de peli. Exactamente unha que fun ver este domingo con Jose. A verdade, é que o título non leva puntos suspensivos, pero, a min paréceme máis lóxico engadirllos.
Digo eu que, cando un minte, non será pola falla de importancia do asunto en sí. Aínda que, a mín paréceme que neste caso, non eran mentiras o que había, senón omisións da verdade. Cousa absolutamente diferente.
O film refírese a un grupo de amigos que veranean xuntos por norma. Entre eles, hai dúas parellas. Unha delas formada polo dono da casa. Home de negocios. Sen dúbida algunha. A súa dona, é a gran muller que está detrás do éxito deste home. Organizadora, que non mandona, e sensata. A outra, compóñena un doutor e unha muller sufridora e frustada. Despois saberedes por que.
Ademáis destes están unha moza insatisfeita coa súa vida amorosa. Ela disfraza o seu problema coa práctica de sexo compulsivo. Eu penso que era así, non?
Tamén forma parte do grupo un home que vive preso do amor que sinte pola súa moza coa que rompeu e él tenta recuperar. Hai outro persoaxe que destaca. Trátase doutro home, que, despois de levar unha vida do máis movida, pasaba dun ligue a outro probando todas as novidades sexuais que se lle prantexaban, namórase dunha muller...
Esta peli merecíase ter o filósofo espiritual encarnado por un amigo residente no lugar de vacacións que lles aporta estabilidade interna, ou iso pretende. E,como non, tamén o realista. O que olla a vida a través dos sentimentos e das emocións.
A película comeza sinalando ao amigo ausente. Un home que ten problemas coas drogas e vai dar cara a UCI cando é arrollado por un camión.
De aí parte o primeiro dilema. Algúns deles propoñen non desplazarse de París para permanecer ao seu carón. Pero, a maioría decide que so son quince días durante os cales estarán en contacto con él. E, agora, aproveito para argumentar: realmente a amizade non consiste tamén en permanecer ao lado do amigo aínda que iso supoña renunciar o teu merecido descanso?... As veces hai cousas que só a familia ou unha parella faría por un... Ou un amigo de verdade.
Xurden problemas do tipo de un dos emparellados que descobre o seu lado homosexual namorándose do outro home casado. Situación que o segundo resolve, mellor dito complica adoptando unha postura irascible e un chisco agresiva. Ao mesmo tempo, a gran sufridora, a muller do inadaptado sexual, que se ve desplazada na súa parella e ignora o por que. Destacar a actitude da outra muller, a cal pretende en todo momento reubicar as pezas que o seu compañeiro descoloca contínuamente.
A muller desencantada que disfraza con sexo a súa soidade. O mozo que loita pola muller que quere e consegue reafirmar a súa relación. O outro home que tamén quere reconquistar a muller que ama, e non o consegue. Este persoaxe, vese envolto no medo ao futuro e fracasado por non poder afianzar algo que era importante para él... A vida mesma... Mensaxe para os aprendices de chinos que pretenden fortificarse cunha muralla que nunca poderá ser tan longa, tan forte, nin tan duradeira coma a deles. O peor é que non sabes en que intre da túa vida se derrumbará, o que te agardará fora daquela, ou se atoparás alguén que aínda estea disposto a axudarche a saír do pequeno territorio.
Boísimo o experimento que plantexa o "guía espiritual". Coloca o mesmo arroz en dous botes diferentes, pero semellantes. Fálalle a un deles todos os días con palabra agarimosas. Co outro invirte o ton das túas verbas. Insúltos e berros. Disque o primeiro se manterá en perfecto estado, mentras o segundo se pudrirá. Eu vou tentar probalo... Total, tan só perderei un pouco de arroz. E, de seguro que poñer un pouco de ira cara a un bote de cereal, axudarame a liberarme de calquera cousa negativa... Ou non?
Non faltan os tópicos. Hipocresía, porque creo que se percibe. Iso sempre ocorre nas relacións persoais en algún momento. Ata no último adeus ao amigo. Por que hai que vestirse de negro riguroso? Mira ti, tan avanzados e despois cheíños de formalismos estúpidos! E, neste caso, créome con potestade para criticar estas conductas. Eu fun nun momento da miña vida duramente criticada por vestir de cor clara no enterro dun familiar... Necios os que xulgan a vestimenta mentras desprezan outras actitudes máis importantes.
Por iso, non había mentiras. Senón omisións puntuais da verdade. Cousa que facemos todos de vez en cando. No meu caso, procuro que sexa puntualmente e por imperativo legal, máis estou segura que en ocasións non debería facelo nin así. Nin ti, nin tampouco vostede...
A vida é máis dura. A vida é máis grata. Pero hai que querela vivir. Mellor dito, hai que querela dabondo para podela disfrutar.
Coa experiencia de vida que teño, decidín que quero ter un grupo de amigos. Con un deles que verta bolboretas na última reunión que manteñamos, ou que manteñan o redor do meu cadaleito... Xa sei que era area, pero eu prefiro que voen bolboretas. Tamén quero contar con xente que me queira acompañar se estou seriamente perxudicada nun hospital. Ou o que é o mesmo, que sexa dabondo importante para renunciar a uns días de ocio e texer unha ponte de sentimentos... A palabra exacta é "amor" en todas as súas variedades.
Será que en todos os grupos de xente se quere igual por tódalas bandas... Por todas, por todas?... Eu que sei.
Remato escoitando "a miña maneira" de Frank Sinatra. Onte chorei con ela. Hoxe tento non pensar demasiado e quédome coas risas do meu colega de butaca que me superou, e mira que é difícil... Moi ben...
O problema é para os que non víchedes a peli. Conteivos un montón de cousiñas. Mais, aínda así, se tedes ocasión non vos perdades esas duas horiñas e medias de emocións, se sentimentos, de hipocresías, de amor incondicional... en definitiva, de VIDA MESMA.

domingo, 19 de junio de 2011

Bailar... descalza

Xa deixei claro noutra ocasión que para min bailar é unha terapia fabulosa. Outra forma de expresión, que sustituie a da fala. Mira que non o saberei eu, que uso as dúas indistintamente!
Pero... bailar descalza é mellor. Así que onte, aproveitando que fomos coñecer un novo local, desfixémonos deses "estéticos tacóns" que, as veces, nos vemos obrigadas a lucir as mulleres... Para que digan despois cousiñas por aí! Non vos podo explicar a sensación de liberdade que eu sentín, e, por suposto as miñas amigas, Nuria e Mari, tamén. Poidemos saltar con Tequila, ou movernos o ritmo da música do fantástico D.J., que, por certo, vive moi pertiño da miña casa. Biquiños para a súa nena.
A vida non é máis ca un punto de encontro. E, as veces, de desencontro. Pero, neste caso, eu atopei un sitio perfecto para poder bailar. Para escoitar aquela música que levo no meu MP-3, para disfrutar con xente que quero.
Haberá unha próxima. Seguro. Pero, Bailarei descalza?... Adiviña, adiviñanza....

sábado, 18 de junio de 2011

Unha de libros... frikis.

Disque no Reino Unido foi un éxito de ventas entre os estudantes un libro que se titula algo así como "¿En que pensan os homes ademáis de sexo?". Un exitazo, si señor. Porque o libro en cuestión ten todas as súas páxinas en branco. Parece ser que os rapaces que o mercaron, nin sequera decidiron tomar notas nas súas follas. Que mágoa! Eu debuxaría unha bolboreta, para simbolizar a sensibilidade, a armonía, a liberdade... Pediría axuda para debuxar un cabalo, que representa a forza, a maxestuosidade, a valentía... (non sei debuxar cabalos). Agora, se son un home e merco ese libro... mellor, se me agasallasen con el, enchería todas as páxinas contando todas as cousiñas das que se compón a miña vida. E, todas as ideas que afloran na miña cabeciña, aínda que despois non as dese concretado... Falamos de homes... Era broma!
Ao parecer, posteriormente saiu ao mercado a contraréplica. Un libro que insinúa as cousas que definen as mulleres. Ou sexa, para fastidiar máis a gusto, a enumeración viña sendo unha pequena lista: bolsos, zapatos, vestidos... Era algo semellante, non? Iso xa me indigna. Porque, os señores, teñen a facultade de poder escribir, debuxar, ou sinxelamente garabatear no seu... Pero, as mulleres, reciben a cambio de cartos, un tratado que nos sitúa a altura do betún. E, ademáis, non sei se haberá algún espazo baleiro para perpetúar un pouco da nosa arte.
Señores, que culpa temos nós, se a natureza obrou a marabilla da beleza, a coquetería, a sensibilidade no noso sexo? Sempre podedes facer un exercicio de lamentacións contínuas e adoecer de mágoa por non ser pavo real, que, en estética supera con creces a súa femia... Pero, vos, meus neniños, sodes homes, aqueles que dicía algún sabio que representades a perfección ante a muller, que non deixa de ser un home inacabado...
De todos os xeitos, quérovos "amigos" homes. Que sería do mundo sen vos? Tería menos fútbol e máis teatro, máis bolboretas e menos leóns, por exemplo. Menos chuletóns e máis croquetas, menos tendas de videoxogos e máis de decoración. Menos ximnasios e máis mozas camiñando a paso acelerado... Pero, tamén habería menos con quen discutir de asuntos que, nun principio non ofrecían discusión, menos Brads Pitts e máis Angelinas( que mal), menos nenos e nenas, menos talleres mecánicos, pero sobre todo, sobre todo... Menos piropos... Por favor, non deixedes de andar por aquí! Sodes os máis marabillosos seres imperfectos que coñezo.

miércoles, 15 de junio de 2011

Vai ser que...

Vai ser que este reloxo non funciona de verdade. Segue marcando a hora que lle peta... Que máis da? Este tempo, a fin de contas, non é de ninguén. Nin sequera meu.
Hoxe tiven un encontro moi especial. Xustamente na rúa do Príncipe. Andando por alí, atopeime... Tchan!... con os Lazy Beggers. Ou o que é o mesmo, con uns mendigos moi especiais. Eles defínense coma "sinceros", e din que o que piden é para porros, viño, etc. Resulta que teñen unha páxina en facebook. E, a min, que me encanta meterme a investigar cousas novas, ocorreuseme falar con eles. De primeiras, díxenlles que ía pensar o de darlles algunha moediña. Pero, a volta, decidín que lla ía deixar. Porque, descubrín que esta xente percorre o mundo con unha función, aparte de vagabundear, é a de facer rir a xente. Iso xa merece un pouquiño de atención. Aínda que a mensaxe siga sendo "Non ás drogas". Decateime de que fixen ben, cando entrei nunha tenda e atopei a unha muller de dependenta superpija. Falando coma se tivese unha bola de masa na boca e créndose a raíña do Universo. Hai que ver o que anda por ahí!
Non pertenzo a ningún destes dous grupos, mais... formo parte dalgunha tribu?. Si, a miña é a dos que temos como lema "VIVE E DEIXA VIVIR".

martes, 14 de junio de 2011

Queen... sempre Queen.

Antes de nada, informar a todas as persoas que len periódicamente o meu blog, ou de vez en cando ou cando lles pete, que a hora que figuraba debaixo de cada nova entrada, non era real. Onte amañei o asunto... Mellor dito, amañouno Fran, que se estranou de ver a última renovación feita supostamente ás sete e vinte da mañá, cando se supón que a esa hora estou entrando no cole... Cousas do reloxo do aparello este, que andaba mal de hora. Eu xa o sabía, pero nunca se me dera por cambialo. Pois xa está. Gracias, Fran.
Hoxe quero rendir un tributo a Queen. De feito, estou escoitando a súa música de fondo. Fágoo moitas veces.
Isto non vai ser unha Bohemian Rhapsody(Rapsodia Bohemia). Ou si. Porque a vida xa é bohemia dabondo. Aínda que te definas coma un espíritu conservador, tamén has de ter os teus momentos tolos. Isto funciona así. Claro que non hai que chegar ao punto do protagonista da canción. Eu coñezo moitas nais que viven esa dor, e moitos fillos que non se perdoan facer padecer ás súas proxenitoras as consecuencias dos seus propios erros.
Agora, o que queda claro é que este blog non está feito no ceo, como dí a canción "Made in Heaven". Pero eu, coma calquera, "estou xogando o meu papel na historia, buscando o meu obxectivo". Porque, quen quere vivir para sempre?(Who wants to live forever?). Eu desde logo, non. Debe ser aburridísimo observar as novas xeracións cada vez máis informatizadas, máis tolas... Ou non. Dá igual. Un cometido nesta bola na que nos toca vivir duns noventa anos en plenas facultades, está xenial.
A canción "Friend will be friends", di que "os amigos serán amigos". Por iso, podes facelos disfrutar con "A kind of magic", ou o que é o mesmo, un tipo de maxia. Facelos ver que "a campaíña que soa dentro da súa mente, é o combate das portas do tempo. Iso é un tipo de maxia."
A todos nos acontece nalgún intre das nosas vidas o mesmo que lle pasaba o protagonista da canción: "I want to break free", que dicía que "quería liberarse". De calquera cousa. Mais, debes ter conta de que iso non te convirta en "Outro máis que morde o lixo" (Another one bites the dust). Xa que, como di esta canción: "Hai moitas maneiras de mancar a un home, e deixalo no chan. Podes bater nel, podes enganalo, podes tratalo mal e deixalo cando está embaixo..." Mellor, non fagas ningunha desas cousas... Sé boa xente. Utiliza o poder do amor para vivir. Polo menos, ata que che chegue o día D. Como din os Queen na súa canción "Before Im dead", ou "O día que eu morra", todo continuará... ou non?
Pero quero deixar constancia de que antes, vou tentar "facerte tremer"(We will rock you)... voute facer tremer... Cantando.
Remato escoitando "Somebody to love", cuxa tradución di: "Alguén para amar". Mais non vou contar do que fala. Ao que lle interese, que procure en google a súa versión traducida o español, pois o galego... vai ser que non... Preciosa... si, señor.

lunes, 13 de junio de 2011

Pois xa tivo lugar...

En primeiro lugar, quero felicitar a todos os meus contrincantes no reto dos bolos. Enhoraboa ao capintán do equipo dos mozos. Parabéns tamén ao impulsor do "man a man", Jose. Eles demostraron que neste caso os homes foron moi superiores. Mais, non vou menospreciar ás miñas compañeiras, que derrocharon poderío polos catro costados.
Eu, ou sexa, a señorita D. do conto anterior, estiven enteiramente desatinada. E, unha, que é ante todo honesta, recoñeceo así, en público sen ningún tipo de recelo. É verdade que non son a campeona nacional dos bolos, mais, penso que nunca na miña vida tiven ese descoloque... Cousiñas.... Iso si, paguei relixiosamene o precio convido por perder o derbi... Pero... Non todo. Aínda me falta arranxar contas cun dos rivais que onte non se mostraba disposto a celebrar o triunfo. Se me les, ponte en contacto comigo. Porque o prezo da túa consumición corre absolutamente da miña conta. Para iso aceptei ser retada como muller. E, apúntome ao próximo. Pero, esta vez, vou correr o risco soíña e non arriscar ao resto das compoñentes do equipo se teño unha mala noite, tarde, ou o que se tercie.
De todos os xeitos, paseino xenial. Aprendín un montón de cousas. Porque toda a parafernalia coa que adornei o conto, non era máis ca iso. Aínda que debo confesar que cando fun o venres a entrenar volvín a lembrar tempos moi bos. Que me pasaria?
Os señores foron uns cabaleiros. Non pararon de animarme en todo momento en de tratar de axudarme. O mesmo cás miñas colegas. Quérovos!
Claro que, eu no me rindo, e vou voltar alí. Calquera día fareino para demostrarme a min mesma que podo facer un pouquechiño máis. Eu son así.
Agora, aínda que non sexa boa xogando ao billar, ao basket, aos dardos, ao futbolín, etc., xa estou disposta a tomar a revancha en calquera cousiña desas ou o que sexa.Porque o caso é desfrutar.
Non pensedes que as mozas somos mellores nin peores... Xa o sabedes, eh? Só somos diferentes.

sábado, 11 de junio de 2011

Asombroso?

Chegáronme algunha desas novas as que non sabes como definir. Poderíase dicir "asombrosas", "curiosas", etc.
O caso é que a primeira delas, dicía que hai un home en Tailandia, chamado o Sr. Trichan, que disque mete as mans no aceite a ferver cando frite o polo e outras cousas, pois é cociñeiro, e non se queima, nin lle saen feridas. E, eu penso, non será que padece algunha desas raras enfermidades que non deixan sentir a dor?, ou, non fará trampa e unta as mans en calquera cousa que llas illa da calor? Ademáis, o caso é que meter as mans na fritura non sei se é moi hixiénico. Eu preferiría que usara pinzas, ou outra ferramente calquera. Aínda que, eu non teño pensado incrementarlle o seu negocio só porque faga esa cousa. Creo que nunca se poderá considerar un bo cociñeiro, senón un bo home espectáculo.
O outro día, un amigo sorprendeunos lendo a noticia do invento dun preservativo con tiritas. Inaudito!... Pero... Hoxe atopei a explicación. Bueno, atopei a quen vai dirixido. Abstéñanse os que ven e os que son tranquilos. Porque parece ser que o público preferente, son os cegos e os nervosos. Pero, o mellor... Hai momentos nos que os xénero masculino peca de cego, nervoso, torpe... Un bo invento, seguro!
O que xa non me fai ningunha gracia, é o conto dos nenos. Refírome a dúas novas nas que os protagonistas son cativos. Un deles aínda non nacido.
Uns pais mexicanos, querendo innovar o máximo, decidiron poñerle ao seu fillo "Winnie de Pooh". Para os que non estean postos no mundo infantil, éste é un osiño la mar de simpático o que lle gusta moitísimo o mel... Eu que levo o meu segundo nome con moitísima resignación, xa non me queixo.
Agora, o caso da outra nai, xa é de recibo. Nin sequera naceu o bebé, e a señora xa lle creou un perfil en Facebook. Ten unha chea de seguidores. A manipulación que fai sobre a vida do feto é tal, que se permite afirmar os gustos do seu futuro recén nacido, ao que según ela, lle apasiona Lady Gaga, e outras chorradas. A tal hora, os seguidores desta muller, son na súa maioría xente desa que escandaliza cando ven asomar un peito nun traxe, ou causalles un trauma ver un corpo espido. Estámosche bos!
Penso que na miña casa hoxe non hai novas curiosas. Ou si?... Descubrín que á nevera non lle gusta que eu escriba no blog. Porque comeza a facer ese ruído espantoso cando o fago. Ao mellor, é que as veces estou na cociña tan atarefada que non me dou conta diso... E, ademáis, o meu cabelo está ben lisiño. Iso si que é curioso. Non mo podo crer!...

jueves, 9 de junio de 2011

O filósofo da vida que...

Hoxe contarei unha historia. Nunha desas viaxes que realizo todos os días pola vida que me tocou disfrutar, que non padecer, atopei uns persoaxes verdadeiramente curiosos.
Un deles, era filósofo. Él mesmo se definía coma o "filósofo da vida que maquilla a morte". Non sei que quere dicir iso. Bueno, si que o sei, pero non o penso expoñer aquí. Guillermo, que así se chamaba o tal persoeiro, era un membro importante naquela tribu que se reunía cada día nun lugar determinado. Os outros, homes e mulleres coas súas peculiaridades, respeitábano. Un día calquera, un dos compoñentes, de xénero masculino, decidiu retar a unha das mulleres para xogar unha partida de bolos. Estas cousiñas que teñen os homes, que pensan que as mulleres han de morrer de medo ante a súa altura, o seu pasado deportivo, ou a súa categoría de homes. Ela, aceptou o reto, e as outras mulleres acordaron formar un equipo cuxa capitana sería a señorita D., a muller retada nun principio. A verdade, é que non me lembro se a elixiron capitana ou se erixiu ela soíña no cargo... Da igual!
O xefe do equipo dos homes, tampouco foi escollido de maneira moi democrática, pois quen decidiu que lle tocase a Guillermo foi o retador. Ese que parecía un anxiño, pero tamén tiña unha parte de demiño dentro.
O caso, é que acordaron verse as caras nunha partida de bolos que non tería precedentes no século XXI. Eles trataron de amedrentar ás súas opoñentes mencionando que no seu equipo había dous zurdos, que eran os mellores neste deporte. Ou que o seu estilo era moi superior os das súas compañeiras. Ou outras parvadiñas desas que os homes saben dicir mellor ca ningún dos outros seres humanos... Pero, elas non se achantaron, non se atemorizaron, non recuaron un só paso... E, decidiron que a próxima semá, sería o DERBI.
Elas non posuían tanto glamour no xogo en cuestión, non terían zurdas no seu equipo, non estarían dotadas daquela forza física dos chicarróns do norte... Pero... tiñan armas de muller. Ou o que ben sendo o mesmo, "maña vale máis ca forza". E, quen ía dar conta do mellor estilismo?, que tamén importa, senón elas. Seguro que o seu encanto tirando as bolas non tería parangón, e, xa sabemos que iso distrae moito.
Pois, non hai desenlace. Porque aínda non tivo lugar o encontronazo. Iso vai ser algo nunca visto. As mozas contan no seu clube con unha voluntaria para rezar o rosario na súa honra. E, ata teñen algún mociño desexoso de formar parte do seu equipo... Pero iso, serán anécdotas puntuais comparadas coa valentía destas sufridoras as que nada se lles interpón no seu camiño.
Os sendos capitáns do enfrontamento, sellaron o seu compromiso dun xogo limpo... Eu creo na palabra de Guillermo, supoño. A señorita D., si que me inspira confianza...
A segunda parte, en breve. Ata logo!

miércoles, 8 de junio de 2011

Familias.

Esa idea tan manida da palabra "familia"... Non sei se haberá duas persoas que a definan igual. Eu, por exemplo, penso que unha familia é un grupo de persoas que están unidas por un nexo común, que de unha maneira ou de outra, sempre ben sendo o amor.
Hai as familias de parentesco, familias de amizade, familias académicas, familias laborales, familias...
Hoxe, no cole, fixemos unha foto de familia dos madrugadores. Mesmo eramos moitos. Tan ben colocadiños. Tan sorrintes. Mais, cando lles mencionei a palabra familia en cuestión, unha das meniñas preguntoume por que eu sempre dicía que nos eramos unha grande familia, se non eramos parentes. Así que llo tiven que explicar, referíndome primeiro a organización interna. Porque as familias han de ser un equipo coordinado. Hai unhas mesas para os almorzos, outras para traballar, debuxar, ou realizar outras actividades, unha zona para o ordenador, un espacio para desenvolver xogos de acción. Se eu estou ocupada, que veño desempeñando o lugar da cabeza de familia, e un cativiño ten que visitar o baño, será un maior o encargado de acompañalo. Se nos atopamos na aula interior, serán os pequechos os que teñan que axudarme a recoller no remate, pero se estamos na aula exterior, serán os maiores os encargados do mesmo...
Unha vez analizadas estas pautas, a rapaza entendeu que hai unhas características propias dos grupos familiares: quererse, respetarse, convivir a miúdo... e, de vez en cando, discutir.
Ou sexa, que somos unha grande familia de verdade. Teño a grande sorte de probar a posición dunha nai de duas fillas, e de experimentar o que pode sentir unha de case 30... Non, non creo que exista. Pois, unha desas mulleres de familia numerosa...
En fin, son María... e eles son Anahí, Sheila N., Andrea N., Aaron Q., Aaron L., Noa C., Noa G., Meseret, Aine, Lorena, Xabi, David, Hugo, Diego, Noel, Iván, Gael, Paula, Santi, Antón, Nico, Michi, Sheila G., Eva, Ruth, Helena, Helena M., Ares, Claudia, David P., Sandra P., Marco... Creo que non me queda ningún. Bueno, si, aqueles que por determinadas causas tiveron que deixar de vir estes últimos meses, pero seguen sendo membros do noso clube mentras non se reincorporen.
Un bico especial para Hugo que vai ser o próximo membro que nos deixe para entrar no instituto... Querémoste!

martes, 7 de junio de 2011

De novo... Mulleres.

Unha boa amiga envioume ao correo un mail sobre antigos escritos, supostamente feitos algúns deles por homes intelixentes que... me fan tremer!
Por exemplo, Zaratustra, un filósofo persa do século VII antes de Cristo, expuña que a muller debía axeonllarse diante do home todas as mañás, e preguntarlle que quería que fixese ese día. Ou no caso de Enrique VII, rei de Inglaterra no século XVI, que confeccionaba unha lista de seres incapacitados para os negocios, entre os que destacaban "os nenos, os idiotas, os lunáticos e as mulleres". Xa me estou asustando, pois son muller, lunática, teño corazón de nena, e, de vez en cando, coma case todos, son mínimamente "idiota"... Pero o meu traballo é coma se fose un pequeno negocio!
Agora, xa mete medo que te manden para o Ceo sendo muller, pois un dos que anda por alí todos os días, chamado S. Pablo, andaba dicindo que "as mulleres estean caladas nas igrexas, que non lles está permitido falar. Se queren saber algo, que lles pregunten aos seus maridos na casa". Menos mal que non vou a igrexa, porque non teño marido e mira que se non chego a entender calquera cousiña...
Mais, iso si, a miña desesperación, chega con Aristóteles. Según el, a natureza fai mulleres cando non pode facer homes, polo tanto, a muller é un home inferior. Ou sexa, unha trapallada... A min paréceme que este aínda vive na China.
Pero, se no século XVI, o señor Lutero, tan avanzado que se permitiu facer unha Reforma Protestante, andaba a dicir que "o peor adorno que unha muller pode querer, é pretender ser sabia", xa me contaredes...
Pois eu estouche toda contentiña de ser muller, de ter a miña beira homes marabillosos, que os hai, de querer ser un pouquiño máis sabia cada día, de preguntar cando non sei, de ter un Deus particular que non é humano, senón divino... e, sobre todo, de respectar oa outro xénero cando eles me respectan a min.
Non se trata de enfrontamento, senón de convivencia.

lunes, 6 de junio de 2011

Conditio sine qua non...

E, que pasa se hoxe me adico a escribir en latín? O que ten, é que lle estíven preguntando a Antía os aforismos e frases latinas para o seu exame de Selectividade, e ocorréuseme que sería divertido enlazar algunhas delas.
O título do blog, ven sendo que ha de haber unha condición sin a cal non... se pode vivir, por exemplo. Son humana, así que "cogito, ergo sun", ou sexa, que penso, logo existo. E, a maioría das veces, unha que escribe, faino de "bona fide", ou de boa fe. Iso si, a priori, é importante posuír unha mínima intelixencia para vivir. Porque "Quod natura non dat, Salamantica non praestant", ou o que é o mesmo, o que a natureza non da, Salamanca non presta.
Eu recomendo facer un memorandun da vida cada día, porque "memento mori", vamos, que recordes que has morrer. E, para poder acadar ese momento en plenitude, é mellor facer moitos "carpe diem". Porque "alea iacta est", que ven dicindo que a sorte está botada. Por iso, obra "ad libitum", que non é outra cousa que con vontade, para que "Deo volente", se Deus quere, todo se desenvolva "gratis et amore", con gusto e amor.
Isto é grosso modo, o que se me ocorre contarvos no día de hoxe.
Fíxeno ex profeso para que o disfrutedes.

domingo, 5 de junio de 2011

Nin idea...

A verdade, é que hoxe non estou inspirada en absoluto para escribir. Quero dicir, que non sei a que tema me vou referir nesta entrada. Así que, contarei todo tipo de anécdotas, noticias, ou historias varias, según me vaian saíndo.
Por exemplo, disque en Galicia estamos a disfrutar da primavera máis calurosa e seca desde fai cincuenta anos. Outra estadística desas que barallan números ao azar. Porque eu penso que xa houbo outras semellantes que eu poida lembrar, e aínda non cheguei os cincuenta.
Ou tamén debo facer referencia a un xogo que eu practico a miúdo con meniños ou adultos. Trátase do Tutti Frutti. Consiste en ir anotando certos nomes de comidas, persoas ou cousas que comecen por unha determinada letra do abecedario. Unha vez que xoguei completamos todas as letras que saían, excepto algunhas que omitimos debido a súa curta extensión no diccionario. Pois, nesta ocasión, un montón de xente pensando, e non demos atopado o termo correspondente a unha comida que comece coa letra "i". Descoñezo que pasou entón, pero ocórreseme que posiblemente usamos o bilingüismo e puxemos algo así coma "iogur"... En fin... Pensade, pensade.
E, agora, a preguntiña do millón: Qué é o amor?... Tema do que tamén se tratou no seu momento. E, quen vai contestar a iso mellor que Bécquer?... "Que é o amor?, dis mentras cravas na miña pupila a túa pupila azul. Que é o amor?... E, ti mo preguntas?... O amor... es TI. Quenqueira que sexas.
Por certo, hoxe teño dous amigos de cumpreanos os que lles desexo o mellor a partir de... En breve.
Mentras escribo estou escoitando a canción de Noa, titulada "The worry doll". Fantástica. Probade a facelo.
Quero felicitar a duas persoas. A unha delas polo seu bo facer na súa festa de Graduación. Un discurso impecable. Unha dicción maravillosa. Unha referencia a min... que non esquecerei. Lembra que cada mañá debes facer o exercicio que tantas veces che mencionei. QUÉRETE!
A outra, pola súa matrícula de honra. Gañouna a pulso tamén... O bo facer sempre ten sorpresa.
E, para eses visitantes fixos que teño por aí, que saibades que vos teño afecto.
A neveira fai un barullo enorme hoxe,vexo nubes de evolución dende a miña ventá, a canción de Noa rematou, e eu vou continuar con outras cousiñas. Ata logo.