lunes, 14 de marzo de 2011

Retorno ás orixes.

Incrible pero certo! Onte participei nunha camiñata organizada polo Concello de Vigo, cidade onde habito desde máis da metade da miña vida. Agora, cal era a meta desa andaina? Tachán, tachán... Pois era Fornelos de Montes! Exactamente San Adrián de Calvos. O pobo onde eu nacín. E resulta que volvo alí despois de bastante tempo sen facelo, por causas alleas, ou non, a miña persoa.
A verdade, é que foi unha experiencia xenial. E non o digo só pola ruta, senón tamén pola compañía. Independentamente da masiva asistencia, pois debía pasar das dúas centenas, eu céntrome no noso pequeno núcleo. Refírome a Lourdes e Ana, coas que inicie a viaxe a pé desde a Travesía ata o Concello, pero tamén a Juan e a amiga de Lourdes, os que nos unimos alí, e sinto non lembrarme do nome desa muller que me caeu xenial, mais o meu problema para recordar esas cousas, sempre me xoga malas pasadas. De calquera xeito, no noso grupiño reinou o bo humor desde o primeiro momento. É verdade que unha boa parte, debémoslla a un monitor cuxo nome tampouco lembro moi ben, aínda que creo que se chamaba Gerardo. Síntoo se me engano.
O caso é que eu comecei facendo risas sobre a estética do mozo en cuestión, que era impecable, sigoo mantendo, apoiada en todo momento por Ana, que mantiña a mesma opinión. Por tanto, o noso novo compañeiro, Juan, ofendeuse graciosamente comparándose co centro dos nosos piropos. Aí comezou unha gran complicidade entre todos nós que nos mantivo áxiles, ledos e, como é de esperar, sobre todo no meu caso,
co motor lingual funcionando a todo trapo.
Ademáis da compaña, sentínme máis preto daquela natureza na que eu me mergullei de pequena. Aínda que esa zona pola que transitamos, non me resultaba coñecida. Así que, descubrín unha espectacular fervenza, e ata coñecín o porqué de algo que me preguntei en moitas ocasións e cuxa resposta obtiven onte. Refírome a un líquen de cor branca que recobre o tronco e as ramas das árbores da zona. Pois, o porqué da súa aparición débese a calidade do aire. Isto é que nos lugares onde se respira un ambiente puro, este líquen estará presente en maior cantidade. Non cabe dúbida de que a miña terriña é un agasallo para os pulmóns de calquera. Seguro que debería usar este reclamo no anuncio da casa que teño en venda, como se fartou de recomendarme Juan, co seu humor tan peculiar.
Mereceu a pena o madrugón despois dunha noite curta de sono, pois tivemos marcha de mozas. Gracias a todos os meus acompañantes. E... un tironciño de orellas. Vai dirixido o conductor do autobús que nos devolveu a cidade. Pola conducción do cal rematei a viaxe un pouquiño prexudicada. En fin, nada que non se puidese resolver no paseo ata a casa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario