jueves, 3 de marzo de 2011

O entroido

Aquí estamos outra vez. No mundo ao revés, que o ves e non o ves. O entroido xa chegou e con el o momento de moitos para dar renda solta aos seus secretos ocultos. E non falo de ningunha cousa estrana. Só me refiro a esas ansias que traduce a certos homes que responden ao prototipo de "macho ibérico" en señoritas extremadamente sexis. Ou a señoras de certa idade moi avanzada en cabareteiras. Doces meniños que se transforman en feros animaliños ou nenas repelentes que toman o papel da princesiña da boquiña de fresa.
Eu mesma serei un produto do carnaval. Mañá formarei parte desa comparsa escolar que desfilará polas rúas do noso barrio durante as últimas horas da mañá, dentro dun traxe de primavera. Unha primavera adiantada pero artesá, porque foi elaborado na miña casiña e con unhas mans nada aptas para a costura. Agora, iso si, dispostas a coser todo tipo de flores e follas para semellar a estación mencionada.
O que pasa é que no meu caso non é nada especial. Unha que está acostumada a meterse na pel dunha nena mulata, dun demo ou dun albanel en tan só uns meses, non dubida en adoptar calquera imaxe para parecer outra cousa... Bueno, calquera... tampouco.
Nun curto espazo de tempo fartarémonos, mellor fartaranse(pois na miña casa non ten moito éxito a cacheira), endozarémonos coas orellas, escoitaremos charangas a tuti plan, sufriremos atentados practicados con sprais de espumas de cores, seremos saudados por xente que non se atreve a facelo a cara descuberta, e, no meu caso, disfrutaremos de tres diíñas extras de vacacións.
Non sei se estou desexando impregnarme das críticas encubertas das distintas comparsas que invaden as rúas. Mais, a verdade é que os meus alumnos de teatro na festa especial que lles celebrei hoxe con ese motivo, disfrutaron un montón. E esas son as pequenas cousas que fan de calquera época do ano un momento especial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario