viernes, 18 de marzo de 2011

A linguaxe dos correos electrónicos

Atrás quedou aquel tempo no que abrías o buzón e esperabas atopar algo máis ca un recibo bancario da luz, a auga ou o teléfono. Extraer un sobre coa dirección escrita, case sempre a man, ou coma moito mecanografada, era un placer. Independentemente do seu contido. Xa habería despois tempo para as sorpresas, agradables ou desagradables.
Mais, hoxe en día, non é preciso tomarse esa molestia. Basta con facer o que estou facendo eu agora mesmo. Bueno, agora non, fai un anaco. Ou sexa, abrir o correo electrónico. A través del, pódenche chegar mensaxes cos que ti podes agasallar a outras persoas para que sintan o mesmo ca ti cando o leeches. Cando abrín o meu fai un pouquiño, recibín o agradecemento dunha amiga. Eu tamén reenviei esa misiva electrónica para que outras amigas miñas que estiveron aí cando as precisei, se mergullasen nese mar de sentimentos tenros que tanta falla nos fai moi a miúdo.
Un ordenador, e teño que confesar que non é un instrumento que a mín me apaixoe, pode causar dor, coas manipulacións, as imaxes prohibidas, as noticias falsas que conseguen traspasar fronteiras máis veloces ca calquera vehículo a motor. Transmitir e convocar eventos que aglutinan un montón de xente. No caso de non ser por este medio, moitas delas pasarían desapercibidas. Pero, que unha máquina máis grande, máis pequena, portátil, máis portátil, de estética fermosa, ou máis fermosa, poida expresar amor ou odio dunha maneira tan directa, poida facer vibrar o teu corazón mentras lees as palabras, disfrutas das imaxes ou escoitas a música que acompaña... A verdade é que non ten prezo. Porque se recibes correos que te fan sorrir, chorar, pensar, ou modificar algún aspecto da túa vida que non estaba ben, descubrir que hai xente que te quere, adiviñar que hai outra que te ten en conta... chegaremos o pensamento aquel que a min me apaixoa tanto: "A Humanidade avanza, pero o home permanece".

No hay comentarios:

Publicar un comentario