domingo, 6 de marzo de 2011

Debuxar con palabras...

Xa é sabido que eu son case nula facendo calquera tipo de debuxo. É unha espiña cravada, porque penso que debe ser moi interesante poder reflexar con uns cantos trazos aquilo que ves. Falar a través das curvas,das raias,das cores...
Pois como non podo expresarme así, fago coas palabras. Non se me da mal, aínda que todo se pode mellorar. E tanto que se pode!
Vou describir a paisaxe tan fermosa que tiven ocasión de disfrutar hoxe no meu paseíño pola praia da Guía: Situémonos alí, coa Península do Morrazo diante dos nosos ollos. Entón, comeza a chover. Ese marabilloso cheiro a terra fresca invade os meus sentidos, e supoño que os da xente que andaba por alí. Fruto desa choiva inesperada, emerxe o arco da vella desde San Adrián de Cobres. Tan espectacular, tan pulcramente coloreado sobre aquel ceo anubrado. Pero, o mesmo tempo, decateime da aparición dun segundo arco, que pretendía facerlle unha innobre competencia o primeiro. Tarea inútil, pois non se podía comparar o seu semicírculo inacabado coa perfección do outro.
Xirando a miña vista cara a dereita, erguíase sobre o mar a Ponte de Rande, sempre tan altiva, sempre tan animada co contínuo trasego de coches sobre a súa abada. O mar, non estaba alí de convidado de pedra. O mar axitábase paseniño, coma querendo acariciar a choiva que se unía a él. Unha choiva suave pero segura de que era a causante do espectáculo. As barquiñas que repousaban sobre a auga, mecíanse coma se se tratase de cativiños adormecendo nos brazos da súa nai. Entón, penetrou no cadro un pequeno iate, que coa forza do seu motor, enoxou o mar, que se ondeou máis forte, espertando o sono case conseguido das chalanas.
Sen apartar os ollos do que se me ofrecía, fun camiñando pola beira da praia. De súpeto, o sol espertou da súa sesta do domingo e mandou un dos seus potentes raios sobre o pobo de Moaña. O tono gris do momento, animouse con aquela intensidade que enfocaba as casiñas, e os edificios da vila. Todo comezaba a estar mollado, ata o meu anorak deixaba escorregar as gotas que se fixeran bastante intensas. Pero a paisaxe non sei se era bucólica ou exhuberante. Exhuberante de cheiros, de cores, de brilos, de formas, de nubes escuras... Eu sentín que este cadro debe levar o nome de "Paisaxe escintilante" como a min tanto me agrada dicir.

No hay comentarios:

Publicar un comentario