domingo, 20 de marzo de 2011

A primavera...

Mañá chega a estación que eu considero a máis fermosa do ano. Porque a primavera trae consigo espectáculo visual, cheiros inesquecibles, sons de música natural, praceres para o gusto a través das froitas e vexetais do momento... a delicadeza de tomar unha fror que naceu no teu xardín, de sementar un froito que recollerás máis tarde.
Eu estou especialmente sensibilizada con esta estación, porque nacín nun mes de maio. Porque as miñas fillas naceron no seu seo tamén. Porque cheguei a vida nun pobo, onde tiñan lugar aquelas primaveras de antaño. Aquelas nas que xa non levabas abrigo a escola, asomaban as serpes nos camiños(para a miña desgraza), o arco da vella estaba presente no ceo a miúdo debido a aquelas tronadas que tiñan lugar habitualmente e levaban consigo cortes da luz. Porque lembro que na primeira escola que estiven, e, debido a relixiosidade da mestra, púñanselle frores a Virxe María, que pintaba moi bonitiña, iso sí... para que me vise hoxe en día aquela muller... a punto de apostatar.
Este ano, ademáis, a lúa está leda coa súa chegada. Onte puidemos observar que grande estaba. Un espectáculo seguido en todo o mundo. A perliña redondiña, brilante, que nos atrae tanto a algúns, que ás veces parece capaz de posuír os nosos sentidos. A verdade, é que o feito de que se achegase tanto a Terra, acción que non ocorría desde fai 18 anos, provocou mareas vivas en algúns lugares de praias, coma a de Cádiz, que causaron algunha que outra desfeita.
Houbo un escritor que dixo que a primavera era o despertar dos sentidos. Eu penso que é o baile dos mesmos, pois se se nos quedaron durmidos en algún momento, mala cousa. A primavera ven acompañada do día mundial da poesía... Entón eu vou rematar esta entrada cun anaquiño dunha. Porque estou segura de que esta primavera vai traer consigo moita poesía, moita música, moito amor, moita paz, moito ánimo para a sociedade mundial, moito mimo para o noso planeta... "La primavera ha venido y nadie sabe cómo ha sido... pensar, pensaba, y sus pensamientos deshilaba, y con agradecimiento concluía: menos es nada".

No hay comentarios:

Publicar un comentario