O outro día descubrín un conto de Saramago. Exactamente chámase "A Flor máis grande do mundo". A voz do seu autor, escoitase puntualmente. Porque, coma el mesmo di, os nenos ás veces non precisan tantas palabras para entender o que vén.
É verdade que, en ocasións, temos a sensación de que son necesarias todo o tempo, e, dámoslle así pouco protagonismo ós ollos, ou ós oídos. Xa me parecía a min que aquel refrán que di: "Unha señorita moi señoritada...", é perfecto. A lingua actúa coma a señorita dos sentidos, e, moitas veces, minimiza os demáis. Seguro que a miña pretende facelo bastante a miúdo, aínda que en ocasións vese frustada no seu intento. Menos mal.
Charles Chaplin tamén quixo deixar constancia do feito na súa película "Tiempos Modernos", que figura coma o seu primeiro film sonoro. Non obstante, o actor pretendeu ridiculizar o novo avance do cine, que deixaba sen traballo a outros compañeiros seus.De feito, facía xa nove anos que se estreara "El Cantor de Jazz", a primeira película con son, cando el no 1936 levou as pantallas esta. Facía, e nunca mellor dito, oídos xordos ás críticas que lle suxerían meterse no novo proceso. Pero el negábase constantemente. Ata esta composición.
Mais, aquí tampouco son protagonistas as palabras. Porque, sonoro si, pero o son que se podía distinguir todo o tempo, era o ruído das máquinas e os xefes que aparecían nas pantallas dando ordes con voz metálica. O que podían decir os protagonistas, non se escoitaba porque quedaba afogado polo barullo dos aparatos da fábrica. El mesmo dixo que as palabras que non se chegaron a escoitar non tiñan ningún sentido.
Esta película foi unha crítica ó capitalismo. E, eu engado que tamén o cine sonoro, xa que aínda que hai son de fondo, non está guiado polas palabras. Sería non "Gran Dictador" onde Chaplin demostraría que xa estaba inmerso no cine falado, pois o monólogo da película, así o demostrou.
Eu creo que non se pode vivir sen palabras... Mellor dito, si que se pode, pero seguro que non se debe. Non cabe dúbida da complicidade que xenera un xogo de miradas que todos e todas experimentamos algunha vez. Ou a fascinación da música da natureza: a auga, o vento, unha respiración, unha gargallada...un salouco... Tamén se demostra agarimo ou xenreira co tacto, todos desexamos unha caricia e non unha labazada. E que dicir dos aromas que percibe o noso olfacto. Un baile de sensacións gratas ou un tormento de noxo que nos aporta o nariz.
Pero con unha sóa palabra podes demostrarlle a un semellante se o queres ou non o teu carón: "ven" ou "vaite".
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario