Chego a casa, poño a tele e... atopo na canle 1 un programa para seleccionar xente cara o festival de Eurovisión. Xa que pecharon CNN+ e non atopei opcións mellores, decido estabilizar aquí o mando.
Paréceme que os cantantes afeccionados sónche bastante maliños. Non todos, obviamente, pero a maioría deixan bastante que desexar. Iso si, son todos eles mellores ca min, cousa non muy difícil de conseguir.
Lembro aquelas eurovisións de cando eu era pequena. Entón si que era un espectáculo. Na miña casa había tele. Unha das poucas daquel pobo. E, como tiña irmás maiores, aquilo era un fervedeiro de xente nova e madura. Agora si, a máis pequena de alí era eu. En realidade era a única. Polo tanto, miña nai facía innumerables intentos para que eu durmise, levarme a cama e así lle permitise a ela ver o festival tranquiliña. Pero a nosa casa era moi, moi grande, e eu moi, moi medosa. E, en canto me metían na cama daquela habitación situada no segundo piso, e moi alonxada da cociña, espertaba e saía correndo, coma se levase 25 demos coas súas forcas detrás ata chegar o lugar onde se atopaba a movida.
O primeiro certámen que lembro con más claridade, foi o que tivo como gañadora a Massiel. Recordo aquel vestidiño que me fixo case tanta gracia como a canción. O ano seguinte case gaña unha tal Salomé. E non me gustaba o seu traxe. Conforme fun crecendo, fun apreciando máis a música, e as máis das veces, prefería as cancións estranxeiras que as que representaban ao noso país. Cousa que a aqueles maiores e xóvenes lles parecía regular.
Total que, pasou o tempo, o festival seguiu aí, e eu decidín que me gustaba máis como dirixía a orquestra Juan Carlos Calderón ca outros. Cos anos deixou de interesarme o acontecemento, pero sempre, ou case sempre acababa diante da tele observando e escoitando as cancións. Porque si, señores e señoras, eu tamén son daqueles que miraron moitas eurovisións aínda que non nos gustase. Aquí estou, coa tele de fondo mentras estou na rede.
Mais, unha cousa queda clara, a competencia do programa de hoxe é critiqueo barato, algarabía total, e outras cousas que... ¡viva a música! Aínda que non sexa da mellor calidade e coa mellor afinación.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario