sábado, 26 de febrero de 2011

The Wall... Pink Floyd.

Espero que hoxe poida disfrutar do espectáculo ao que teño pensado asistir cunha amiga. Un paseíño polo rock do fin dos setenta. Exactamente unha viaxe ao mundo de Pink. Este é o protagonista do musical. O home que escolleron os membros do grupo para contar unha historia de frustacións, de fracasos, de obxectivos insatisfeitos... que convertiron ao xove nunha persoaxe chea de odio, rabia e ira.
O primeiro impacto que sofre o protagonista procede da morte do seu pai durante a Segunda Guerra Mundial. Despois padece as consecuencias dunha nai que o sobreprotexe. Todo isto fai que se sumerxa no mundo das drogas. Pouco a pouco vai adquirindo rasgos de despotismo que tratan de agachar o Pink máis desprotexido, máis débil...
Unha obra maestra do grupo Pink Floyd, que nos achega a moitas de esas persoas que viven agochadas detrás dunha actitude que non é a súa natural. Persoas que non souberon recolocar as súas vidas. Que preferiron levantar muros mentales que non lles proporcionan ningún tipo de satisfacción e que os incomunican con aqueles que pretenden compartir o seu tempo con eles...
Todos coñecemos moitos Pink. Todos podemos tratar de saltar os seus muros... mellor dito, de derribalos xunto con eles.

miércoles, 23 de febrero de 2011

23-F

Hoxe quérome engadir a todos e todas aquelas persoas que vivimos aquela tarde noite do 23 de Febreiro de fai 30 anos con anguria.
Eu vivía por aquela na pequena cidade onde se atopaba o instituto no que eu estudiaba, xa que a miña aldea quedaba a 15 Km. de distancia. Moitos Kilómetros para o estado das estradas de entón. Tiña un cuarto alugado con dereito a cociña na casa dun matrimonio, amigos da miña nai.
Lembro que naquela casa estabamos sentados no sofá diante da televisión. Recordo que nalgún momento da noite, proxectaban unha película de Danny Kaye. Máis nin sequera o humor deste home foi capaz de facer desaparecer a tensión que se palpaba no aire. Eu non deixaba de pensar na miña nai e na miña avoa, as cales eu supuña estarían mortas de medo, pois foron testigos dos espantos que provocou a guerra civil e vivían coa sombra de tales arrepíos.
Cando xa se puido escoitar o discurso do Rei, todos respiramos forte. Polo menos, aquel asalto fora gañado pola liberdade vestida de democracia.
Eu lembro sempre a aquel home, chamado Gutiérrez Mellado, que era ministro de defensa daquela. Fixo frente aos insumisos sen medo aparente. Agora, que se chegase a saber daquela que 30 anos despois ía ocupar o seu posto unha muller, non sei que lle parecería.
O día seguinte, había comentarios de todo tipo sobre os feitos. Pero, lembro un que aínda me arrepía hoxe. Alguén comentou no instituto que na súa casa o seu pai estaba preparando a súa marcha cara a Portugal, pois un veciño díxolle que se preparase pois él e os seus amigos do bando dereitón, estaban xuntando armas para arranxar contas...
Só quero berrar unha palabra. E quero facelo moi forte, tan forte que poida chegar o continente africano... a Libia, e a todos os recunchos do mundo onde aínda non se respire a pulmón aberto...LIBERDADE!

martes, 22 de febrero de 2011

Ruídos, ruidiños, ruidosos...

Vivimos no mundo da algarabía. Non é verdade o que nos contan aqueles que viven illados, na súa propia soidade, sobre o silencio. Eles din que o poden palpar. Pois non choverá no lugar onde habitan. Porque, o feito de que chova de cando en vez, xa é dabondo para romper a monotonía inexistente do mutismo absoluto. O vento, o canto dun paxaro... Porque os sons están aí. Os sons somos nós mesmos. A nosa respiración, agora máis axitada, agora máis pausada. As nosas pisadas, o noso mastigar... Alí onde te dirixes, alí te acompañan...
Ben é certo que non podemos confundir ruído con son. Eu vivo na algarabía da rúa, e descanso na paz dos sons da miña casa. Cando escoito de noite o último click do interruptor que apaga a luz do meu cuarto, e paso a dilatar o son dos meus pulmóns, suave e relaxado. Acompasado polo ritmo do tic-tac do reloxo da miña mesiña de noite, que a súa vez mantén unha rivalidade auténtica co outro despertador que se nega a soar o seu mesmo tictaqueo. É unha noite de choiva e as gotas suaves acarician os cristais da miña fiestra. O vento tímido axita as persianas levemente. E o ascensor proporciona sacudidas e arranques que mesmo se poderían traducir nun código morse.
Mais, de repente, chega o ruído de verdade. Os sons estrepitosos dos tacóns da miña veciña de enriba que volve dalgunha das súas saídas. As portas que se abren e se cerran con forza. A auga que enche a bañeira con entusiasmo. Algún moble que molesta no lugar que ocupa. A persiana que insistía en non recoñecer a madrugada e negábase a permanecer pechada ata o novo día...
Nunca houbo silencio dabondo alí. O silencio non sei onde vive, pero eu nunca cheguei a súa morada. Nin sequera estaba nas noites daquela aldea onde eu nacín. No inverno non podía instalarse polo vento, a choiva, o moucho... No verán polos grilos, os cans...
Xa son as seis e cuarto. O primeiro reloxo enóxase e ponse a berrar. O segundo quere facer o mesmo en cinco minutos, pero eu consigo parar o acto. Subo a persiana, vou o baño e tiro da cisterna, abro a villa da auga, poño o informativo da primeira hora da mañá, a pota do leite, a culler na taza, a miña gorxa tragando leite, as chaves... Os 25 rapaces ou máis falando e berrando a un tempo... O son acompasado das tegras do ordenador... Ata mañá...

lunes, 21 de febrero de 2011

Somos adultos... Somos teatreiros

O luns pasado, día dos namorados, os membros do grupo de adultos que facemos teatro no cole, estreamos a obra "Historia dunha sobreira". Quero enviar desde aquí o meu agradecemento a Patricia, Manuel, Mari, Tere, Jose, Gracia, Fabiola e a Ana, a nosa dj favorita, que, sempre que pode pide axuda no encargo, pero nunca se nega a facelo.
A nosa historia, comezou fará uns oito anos ou algo máis. Dos que iniciamos o proxecto, so quedabamos Juan e mais eu. Juan descolgouse da "compañía" desde o ano pasado, así que a veterana é a que escribe. Por esa razón eles engadíronme o cargo de directora do equipo. Eu penso que non necesitamos tal, porque nos equipos hai coordinadores. E ese papel xógoo eu. Pero négome a dar ordes. Non me gusta. Iso fágoo cos cativos, e con moi bos resultados, pero e que nese caso, a disciplina é fundamental.
O meu papel inclúe ler os libretos, no caso de que nos basemos nalgún. Se non fose así, eu mesma creo a obra. Tampouco me gusta decidir os personaxes. Podo recomendar, pero non impoñer. Por algo somos maiorciños todos. Case sempre asumo un dos papeis protagonistas, aínda que ualtimamente, debido a miña dedicació ao grupo infantil, prefiro asumir un secundario. Xa que o tema do decorado e demais come moito tempo.
Total, que a obra foi un éxito. Na páxina do cole, por se alguén non se enterou, están as fotos colgadas. Pasámolo moi ben. Celebramos o éxito cunha cea antes da estrea. Excentricidades de famosillos!
O meu próximo reto é realizar un musical, pero non teño idea de cal nin como. E nin sequera sei se poderei. As obras infantís absorbenme por completo.
Quero agradecer de novo a boa disposición de todos e todas. A vida é puro teatro. E eu preciso poñer na miña vida aquelas cousas que me axuden a encamiñala. Así que... ata a próxima!

domingo, 20 de febrero de 2011

Máis e máis...

Outro acto de solidariedade. Levos a cabo porque sí. Porque eu son así. E penso que cando de verdade desexas facer algo, debes ir a por todas. Por tanto, eu era un deses anaquiños da serpe multicor que invadiron o Monte Galiñeiro para deixar constancia da disconformidade co proxecto do Parque Eólico.
Lembro que cando subín a ese monte por vez primeira, alguén me comentou que estaba ese plan en marcha. Entón prometínme a min mesma que se había algún tipo de movilización, eu procuraría estar alí. Aínda que non fose o mellor día. Aínda que non me apetecese nese momento. Pero na miña vida son importantes os meus propósitos, e, cando teñen unha boa finalidade, sempre pretendo dar cabo deles. O mesmo ca cando estiven noutras movilizacións por causas xustas.
Pois si, alí estaba moita xente que eu coñecía. Os meus madrugadores Antón e Paula, que con tan só 3 e 6 anos, deron cabo da aventura. Bueno, a Pauliña fixo un pouquiño de trampa, igual ca Sabeliña, a miña alumna de teatro, que tamén estaba alí. Pero Silvia e Aldara subiron coma xabatas.
Atopei xente do clube de camiñantes. Algún papá e mamá do cole...
Xa sei que na outra entrada de blog comentei o que penso destas cousas. As veces os máis solidarios nestes temas, son nefastos na súa vida cotidiana. Pero, hoxe só quero pensar que algunha xente mellorará e isto axudarálles. Outros faránse peores persoas cada día por moitas manifestacións as que acudan. E os que de verdade só pretendemos ser nós, cos nosos erros, cos nosos defectos, coa nosa vontade, coa nosa personalidade, e co noso amor polas persoas e polas cousas, seguimos o noso sendeiro de vida.
Porque hoxe o Galiñeiro sentiuse ledo de acoller tantas e tantas almas, que acariciaron a súa herba, selaron o barro dos seus camiños coas súas pegadas, botáronlle un pulso as súas rochas e, coa melodía dos seus berros en prol da súa estética, fixeron que o vento, bailase unha danza agarimosa, queixosa, expresando así a súa negativa a formar parte do clube dos muíños.

viernes, 18 de febrero de 2011

Tal vez...

O marcador de visitas deste blog marca unha cifra desas que a min me gustan: 1313. Non sei se será o da boa ou mala sorte, digo isto polo 13, pero eu non son supersticiosa. Así que, despois de facer esta mención que me apetecía, vou a outra cousa.
O título de hoxe ven a conto de que é moi posible que o domingo volte a Serra do Galiñeiro. Teño ganas de acudir polo motivo solidario. Non é xusto que o poder económico siga acaparando anacos da Terra, véxase senón o que pasa no Brasil co Amazonas, ou noutras zonas do planeta.
Mais, tamén é certo que, no fondo, moitas desas persoas que acudirán alí ese día, non son mellores cos que queren facer os parques eólicos, ou ca aqueles que o permiten. Ata as haberá peores. Deses que se aproveitan dos ou das demáis. Ou sexa, que confunden as persoas con Kleenex, ou, mellor, con bonecos. Cousiñas cuxos sentimentos son invisibles. Digo eu que entre tanta xente haberá persoas asi, non?
Pois a min gustaríame non atoparme con eles no caso de que chegue a ir, que se me poño a facer esas deliberacións, xa non sei se quero.
Pero ímoslle dar unha oportunidade a confianza. Seguro que hai centos de espíritus abertos que trasladan unha actitude desinteresada a cada cousa da súa vida. Os outros non merecen a pena. Polo tanto, coma se non estivesen.

jueves, 17 de febrero de 2011

Aquela música de meniños

Gustábame cantar. Aquelas cancións que encheron a vida de moitos e moitas de nós. Aquela música que, ás veces nin sequera che gusta, pero que xa é historia. A miña historia, a túa historia...
Por exemplo, quen non afirmou algunha vez cantando que o patio da súa casa é moi particular e que cando chove móllase coma os demáis. Porque xa que nos pasabamos moito tempo pedindo "que llueva, que llueva la Virgen de la Cueva", claro, despois mollábase o patio.
Agora, disque Mambrú foise a guerra, que me da moita dor e moita mágoa e non sei cando virá. Pero mentras tanto, eu son a raíña dos mares e ustedes vamme ver, tiro o meu pano o chan e vólvoo ecoller. Nin que fose parva, sendo a raíña e con ese traballiño!
Mais o peor foi cando o pasar na barca, díxome o barqueiro que as meniñas bonitas non pagan diñeiro. Menudo barqueiro! Ese seguro que debería levar un adxectivo que eu sei.
Porque unha cativa, que xogaba cunha boneca vestida de azul, coa súa camisiña e o seu canesú, non entendía certas cousas. E, ademáis unha das súas maiores ilusións era ser tan alta coma a Lúa. Iso sí, a inocencia da nena era moita que o que quería era viaxar sen moverse do sitio, pois quería ver as estrelas de Cataluña.
Pero mira que contar aquelas trolas aproveitando que iamos devagar, tal coma "Por el mar corren las liebres y por el monte las sardinas". Era tan tremendo coma dicirlle ao conductor que acelerase. Mira ti, para matarse...
Eu, que me chamo María, cantaba con gran orgullo aquilo de "soy María la Mexicana"...unha pobriña á que lle acontecían un montón de desgracias. E eu toda contentiña berreando aquelas miserias. Mais, cando chegaba a Tarara, que tiña un vestido branco que só o puña no Xoves Santo. Pois que parvada! O Xoves Santo non ía lucir moito,porque daquela non había festas eses días.
Non sei se a rapaza aquela que perdeu as chaves as atopou xa ou non. Pero mira que lista era que mandaba sempre a outros para que llas percurasen. Non creo que llas axudase a atopar aquela outra nena que tiña unha teima, e era que non quería que lle descubrisen que era coxa. Pobre rapaciña! Todo o día disimula que te disimula.
Cando tiñas tres ovellas que che arranxaban a vida, xa tiñas un futuro prometedor. Así que se a rá se puña a cantar cu, cu... todo o día era o seu problema.
E que me dicides do mal concepto que tiñamos dos chinos e aínda non tiñamos ningún bazar por este país.? Fíxate cando cantabamos aquilo de "Los chinitos en la China cuando no tienen que hacer, tiran piedras a lo alto y dicen que va a llover". Mira que pensar que os chinos tiñan tempo libre...
Penso que xa chegou o momento da despedida. Para iso, voume no meu barquiño pequeniño que non sabía navegar. Pois xa veremos como dou chegado a Sevilla. Aínda que non sei se quero ir alí. Porque disque o que foi a Sevilla perdeu a súa silla. E a min encántame a miña.

miércoles, 16 de febrero de 2011

Un canto á vida.

Hoxe non podo deixar de facer unha alabanza á vida. Porque hai circunstancias que te obrigan a reflexionar sobre o feito de vivir. Sinxelamente, vivir. No día que está a punto de rematar, unha persoa muy achegada repousa nunha cama da U.C.I., pois estivo a punto de despedirse da súa existencia tras sufrir un infarto. Un asasino silencioso que te avisa cando xa o tes dentro.
Eu procuro ser consciente a diario do importante que é levantarte, ser dono da túa vida, e vivir con máis problemas unhas veces, ou con maior relax outras. Todo chega, pero mentras esperamos que nos sorprenda a mellora, non nos temos que esquecer de disfrutar dos momentos agradables, que sempre hai algún. Mirar os outros con mellor talante, aínda que as veces sexa complicado. Esta que escrebe ten un lema, trátase de non odiar as persoas que te fan sufrir, polo menos non pedir para elas grandes males, senón desexar que a vida lles dea o que necesitan. E a min tamén.
Así que fagamos o exercicio de vivir: ser xenerosos, solidarios, amar, querer, sorrir... Deixemos que a vida nos embargue.

lunes, 14 de febrero de 2011

San Valentín... tin...tin.

Como reza a canción do Consorcio: "Hoy es el día de los enamorados, juntemos tu sonrisa y mi canción..." hoxe hai moito amor por aí, o de verdade e o comercial. E digo isto, porque coma cada día, o amor nace, morre, ou disfrázase. E falo de calquera tipo, aínda que por ser a data que é, a referencia está máis achegada o amor de parella.
Non dubido da existencia do verdadeiro amor. Ese que disfrutan cantidade de seres que tiveron a sorte de atopar a persoa que os complementa, e souberon mantela ao seu carón.Pero, tamén é certo que hai innumerables casos nos que sinxelamente o amor non existe, ou sexa, que está máis morto que Tutankamón. O que pasa, é que por comodidade, por manter as aparencias cara a galería, por falta de ánimo para reestruturar a vida dun, ou polo que sexa, disfrázase de "eu quérote" pero... Iso si, por San Valentín terás o teu presente. A formalidade ante todo. E polo teu aniversario, e polo noso aniversario, en fin, cando toque.
Mais, por outra banda, están os románticos. Os que cremos que onde hai amor, o agasallo é diario. Os sorrisos, os bicos, as miradas, as palabras, ou os xestos. Tamén os pensamentos. Ata as discusións.
Un home que eu admiro moitísimo, Eduardo Punset, dixo que non hai felicidade sen amor. Eu penso o mesmo. Tamén asegurou que para os homes é moi benefecioso, pois eles poden vivir seis anos máis se a súa existencia se desenvolve nunha parella con amor. Mentras que ás mulleres tan só se lles alonga dous anos a vida na mesma circunstancia. E, digo eu, será que as mulleres desgastámonos máis querendo?
Sexa como sexa, que viva o amor! E para aqueles que non cren nel, síntoo! Que vida máis dura! En canto aos que compran regaliños para quedar ben, sabedes canta miseria hai no mundo e canta xente precisa uns euriños para poder comer? Invertide ben os cartiños, sede valentes, desfacédevos da hipocresía e dádelle saída o amor de verdade que seguro que vos está esperando. Eu sei que será así. Eu non teño medo.

viernes, 11 de febrero de 2011

Por fin... foise

Os exipcios houberon de esperar ata o día de hoxe, capicúa, por certo, para saborear o triunfo da liberdade sobre a tiranía. A praza de Tahrir xa é un símbolo para o pobo exipcio. O tirano, con case 30 anos o frente do goberno, resistiu ata o último momento para abandoar o "trono do faraón", coma xa o califican os cidadáns.
Agora toca agardar o desenvolvemento da transición. Porque o que aconteza en Exipto, non vai ser axeno o resto do mundo. Estamos a falar dun país que, pola súa posición estratéxica, ten moito que dicir respecto a estabilidade da zona. Fai un anaco, algunhas das persoas que abarrotan a praza, facían declaracións no telediario da primeira, e, todos coincidían en que non queren un goberno de Ayatolahs, senón unha república. Iso sería o desaxable e tamen o mellor. Gobernantes elixidos polo pobo.
Polo tanto, todos os que vivimos este feito histórico, nunca mellor dito, pois unha vez máis fomos testigos de que a unión da xente, que soportaron as incomodidades de permanecer 18 días a intemperie, sen condicións hixiénicas,e, sen distinción de relixións,conseguiu o cometido que os levou alí.
Hoxe, día 11-02-2011, data preciosa para min que adoro os capicúas ou as cifras que se repiten, Exipto camiña en dirección a liberdade. A ver se non erra o traxecto. Hoxe eu recibín un agasallo dun dos meus pequenos madrugadores, ideado por seus pais, por unha desas tantas cousas que fago tódolos días, e que a outros non lles parecen importantes. Hoxe fixen unha sesión contacontos que me deixou satisfeita. Hoxe recibín unha crítica moi positiva respecto o meu traballo no teatro. Hoxe tivemos o ensaio xeral da obra que estrearemos o luns. Hoxe tamén escoitei un par de halagos por parte de diferentes persoas. Así que hoxe, se non fose polo maldito catarro que non se me vai e a dor de gorxa que vive e viaxa conmigo continuamente, sería un día perfecto... Bueno, é un día perfecto porque mañá teño a cea do grupo de teatro e non creo que a este resfriado-farinxite lle apeteza acompañarme.

miércoles, 9 de febrero de 2011

Mantras....om mani padme hum

O coñecemento que eu teño dos mantras chegoume a través dos moitos anos que practiquei ioga. Certo é que voltei á disciplina despois dun parón bastante longo, e isto fai que recupere hábitos perdidos coma o de escoitar este tipo de música.
Un mantra é un conxunto de palabras que posúen unha vibración determinada. Son usadas especialmente polos budistas e os hinduístas. Según os practicantes destas doctrinas, teñen unha dimensión máxica que axuda a superar moitísimos problemas.
A realidade, é que a palabra provén de dous termos sánscritos: Man, que significa "mente" e Tra, que quere dicir "liberar". Así que o seu significado sería "liberar a mente". Eu podo aportar a miña curta experiencia cos mantras asegurándovos que, sobre todo, o que obedece o título que sinalo enriba "om mani padme hum", supón un bálsamo para momentos de explosión emocional e de saturación mental. Se o escoitas consciente de que ten beneficios para ti, observarás como son evidentes. Imprescindible acompañalo dunha respiración suave, pausada e consciente.
Hoxe na miña faceta de contacontos, fixen mención a este tipo de música, porque unha das historias que narrei, tiña que ver coas diferentes culturas. Cando nos adentramos na India, eu díxenlles que unha das músicas especiais alí, eran os mantras. Realmente, unha música de palabras, pero que a miúdo vai acompañada de sons instrumentais que a enriquecen. Non puiden ofrecerlles o do título porque me foi imposible conseguilo, pero escoitaron outro calquera. Todos ou case todos nos poden axudar. Aquí vai tamén un agasallo para aqueles que ledes este blog. Escoitade este mantra dirixindo as boas vibracións cara o voso interior. Xa me contaredes a experiencia... aqueles que teñades contacto directo comigo.
http://www.youtube.com/watch?v=TDUdT5z_CBU

lunes, 7 de febrero de 2011

Agora mesmo...

Agora mesmo estou escribindo no blog. Isto quere dicir que aínda atopei a circunstancia propicia para verter algunhas ideas desas que fan pensar, pero que relaxan.Isto ven a conto da saturación de responsabilidades que teño estes días.
Por un lado, está a visita que faremos o mércores o colexio Mosteiro coa nosa obriña teatral "O arco da vella". Respecto os nenos non hai nada escrito, sempre sorprenden, pero eu teño moita confianza neles e sei que sairán adiante con éxito, como xa o fixeron en ocasións anteriores. Por outra banda, a estrea da obra do grupo de adultos está aí, a unha semana, xustamente o día dos namorados. A ver se o público se namora da nosa actuación e nos da o seu visto bo. E, claro, non me podo esquecer do contacontos que teño previsto para o mércores pola tarde, para o que me estou preparando a conciencia, pois non quero defraudar ao público. Isto só depende de min.
Aínda que este traballiño me entusiasma, cando se xuntan tantas cousas, con outras e con outras, tensa un pouquiño, ou un pouco, ou bastante, ata se poderia dicir que moito.
Agora, cando a caluga está chea de cousas, e, ademáis sofre o acoso dun catarro deses que non te deixa tranquila, ou aínda mellor, disfrázase de tos e, ala, a facerse presente varias veces no día, xa temos o menú servido.
Como din os africanos, "hakuna matata", que na nosa lingua quere dicir: "non hai problema". Iso mesmiño é o que eu penso.

domingo, 6 de febrero de 2011

Palabras... ou sonidos?

O outro día descubrín un conto de Saramago. Exactamente chámase "A Flor máis grande do mundo". A voz do seu autor, escoitase puntualmente. Porque, coma el mesmo di, os nenos ás veces non precisan tantas palabras para entender o que vén.
É verdade que, en ocasións, temos a sensación de que son necesarias todo o tempo, e, dámoslle así pouco protagonismo ós ollos, ou ós oídos. Xa me parecía a min que aquel refrán que di: "Unha señorita moi señoritada...", é perfecto. A lingua actúa coma a señorita dos sentidos, e, moitas veces, minimiza os demáis. Seguro que a miña pretende facelo bastante a miúdo, aínda que en ocasións vese frustada no seu intento. Menos mal.
Charles Chaplin tamén quixo deixar constancia do feito na súa película "Tiempos Modernos", que figura coma o seu primeiro film sonoro. Non obstante, o actor pretendeu ridiculizar o novo avance do cine, que deixaba sen traballo a outros compañeiros seus.De feito, facía xa nove anos que se estreara "El Cantor de Jazz", a primeira película con son, cando el no 1936 levou as pantallas esta. Facía, e nunca mellor dito, oídos xordos ás críticas que lle suxerían meterse no novo proceso. Pero el negábase constantemente. Ata esta composición.
Mais, aquí tampouco son protagonistas as palabras. Porque, sonoro si, pero o son que se podía distinguir todo o tempo, era o ruído das máquinas e os xefes que aparecían nas pantallas dando ordes con voz metálica. O que podían decir os protagonistas, non se escoitaba porque quedaba afogado polo barullo dos aparatos da fábrica. El mesmo dixo que as palabras que non se chegaron a escoitar non tiñan ningún sentido.
Esta película foi unha crítica ó capitalismo. E, eu engado que tamén o cine sonoro, xa que aínda que hai son de fondo, non está guiado polas palabras. Sería non "Gran Dictador" onde Chaplin demostraría que xa estaba inmerso no cine falado, pois o monólogo da película, así o demostrou.
Eu creo que non se pode vivir sen palabras... Mellor dito, si que se pode, pero seguro que non se debe. Non cabe dúbida da complicidade que xenera un xogo de miradas que todos e todas experimentamos algunha vez. Ou a fascinación da música da natureza: a auga, o vento, unha respiración, unha gargallada...un salouco... Tamén se demostra agarimo ou xenreira co tacto, todos desexamos unha caricia e non unha labazada. E que dicir dos aromas que percibe o noso olfacto. Un baile de sensacións gratas ou un tormento de noxo que nos aporta o nariz.
Pero con unha sóa palabra podes demostrarlle a un semellante se o queres ou non o teu carón: "ven" ou "vaite".

viernes, 4 de febrero de 2011

A eurovisionear...

Chego a casa, poño a tele e... atopo na canle 1 un programa para seleccionar xente cara o festival de Eurovisión. Xa que pecharon CNN+ e non atopei opcións mellores, decido estabilizar aquí o mando.
Paréceme que os cantantes afeccionados sónche bastante maliños. Non todos, obviamente, pero a maioría deixan bastante que desexar. Iso si, son todos eles mellores ca min, cousa non muy difícil de conseguir.
Lembro aquelas eurovisións de cando eu era pequena. Entón si que era un espectáculo. Na miña casa había tele. Unha das poucas daquel pobo. E, como tiña irmás maiores, aquilo era un fervedeiro de xente nova e madura. Agora si, a máis pequena de alí era eu. En realidade era a única. Polo tanto, miña nai facía innumerables intentos para que eu durmise, levarme a cama e así lle permitise a ela ver o festival tranquiliña. Pero a nosa casa era moi, moi grande, e eu moi, moi medosa. E, en canto me metían na cama daquela habitación situada no segundo piso, e moi alonxada da cociña, espertaba e saía correndo, coma se levase 25 demos coas súas forcas detrás ata chegar o lugar onde se atopaba a movida.
O primeiro certámen que lembro con más claridade, foi o que tivo como gañadora a Massiel. Recordo aquel vestidiño que me fixo case tanta gracia como a canción. O ano seguinte case gaña unha tal Salomé. E non me gustaba o seu traxe. Conforme fun crecendo, fun apreciando máis a música, e as máis das veces, prefería as cancións estranxeiras que as que representaban ao noso país. Cousa que a aqueles maiores e xóvenes lles parecía regular.
Total que, pasou o tempo, o festival seguiu aí, e eu decidín que me gustaba máis como dirixía a orquestra Juan Carlos Calderón ca outros. Cos anos deixou de interesarme o acontecemento, pero sempre, ou case sempre acababa diante da tele observando e escoitando as cancións. Porque si, señores e señoras, eu tamén son daqueles que miraron moitas eurovisións aínda que non nos gustase. Aquí estou, coa tele de fondo mentras estou na rede.
Mais, unha cousa queda clara, a competencia do programa de hoxe é critiqueo barato, algarabía total, e outras cousas que... ¡viva a música! Aínda que non sexa da mellor calidade e coa mellor afinación.

miércoles, 2 de febrero de 2011

Para todas elas...

Xa fai tempo que desexaba adicar unha entrada deste blog a unhas mulleres muy especiais. A esas mulleres afectadas por enfermidades graves, que superan gracias a súa loita diaria. Eu coñezo algunhas. Unhas poucas xa superaron o proceso. Outras aínda se ven inmersas na loita, pero máis preto do remate do tratamento.
Lembro a Ana, si Ana, falo de ti. Esa muller é realmente forte. Creo que era das que animaba os que tiña o seu arredor. Ela demostrou que non te podes amedrentar, e se o teu enimigo se chama cancro, ti chámaste Ana ou... Desde aquí, aproveito para agradecerche todos os detalles que tiveches conmigo. Desde aquí, dígoche que eres unha campeona do deporte da vida.
E María. Tan doce e tan valente a un tempo. Tal vez a súa andaina foi diferente, pero conseguiu chegar a meta da saúde. Iso era o importante. E ese foi o camiño que ela percorreu sorteando as pedras, e saltando os charcos. As veces con máis dificultade, as veces con menos problemas.
Hai outra muller que se atopa agora en plena contenda. Eva está ahí. Coa súa meniña recén nacida. Co seu neno de 9 anos. Ela ten tanto carácter que non xoga as escondidiñas con ninguén, e menos con esa enfermidade que ten nome de signo do horóscopo. Aínda está co tratamento as voltas, pero sabe que cando volta a súa casa, espérana eses dous pequechos para facerlle esquecer o momento menos agradable do día.
Porque vivir é un reto contínuo. Un reto que as veces ven disfrazado de economía precaria, de desamor, de melancolía, de soidade... de saúde resentida. Pero outras preséntase agarimoso e cheo de saúde, de amor, de estabilidade personal e económica... Sorprendente.
Así que, vivir é coma xogar a Oca. Paso esta proba e tiro porque me toca. E vos, miñas amigas, sodes unhas grandes xogadoras. Xa estades na fase de que vos toque a casiña "de oca a oca e..." Sodes as raíñas do taboleiro. Xa é a hora de
que disfrutedes do premio.

martes, 1 de febrero de 2011

Estes famosos...

Eu, que son unha amante do espectáculo, do teatro en concreto, non me vexo no papel de famosa. Porque seguro que se chegase a alcanzar un nivel de popularidade importante, tería que pasarme o día lendo o pensamento. Mellor dito, analizando o circuíto que leva o que está pasando na miña mente e ten a meta na miña lingua. E mira que falo! Que tremendo ía ser iso! Agora, antes de meter a pata, dicindo certas cousas que din algúns famosos, famosillos ou famosetes, merecería a pena o traballiño.
Isto ven a conto da última movida que xeneraron as palabras de Bisbal na súa páxina de Twitter. A cousa é que o cantante, referíndose a situación que atravesa Exipto, dixo o seguinte: "Nunca se han visto las pirámides de Egipto tan poco transitadas. Espero que la revuelta se acabe pronto". Disque os poucos minutos de colgar esta beleza de frase, e tras os comentarios surdidos o respecto, foi retirada de inmediato. Non me estraña, pois independentemente do nivel cultural deste rapaz que non será moi alto, isto indica unha falta enorme de sensibilidade ante unha situación que está afectando a millóns de exipcios, pero tamén ten repercusións para o resto da humanidade.
Claro que este non é o único nin será o último que solte bosta pola gorxa, cando pretendía emanar flores. En España, fíxose famosa aquela rapaza que fora Miss España chamada Sofía Mazagatos. A pobre tiña bastantes problemas na hora de expresarse, pero, considerando que dicía "todavía no he encontrado la hormona de mi zapato"... Mais, non fai falla ser máis guapa cas outras para contar as cousas atrapalladamente, pois Isabel Pantoja contou no seu día isto dunha persoa "le tocó la lotería y ahora vive como una majara". Tamén é verdade que se che tocan moitos millóns podes acabar tola, moi tola.
Hai outros famosos por ese mundo de Deus que non lle quedan atrás os nosos. Por exemplo, Britney Spears, que terá moitos cartiños pero poucas luces, dixo un día aquilo de "nunca he ido a Japón porque no como pescado y sé que ese alimento es famoso en África". Agora, sinceramente, é peor escoitar as sandeces de Mariah Carey opinando sobre os nenos famentos do terceiro mundo, cando afirmou "Siempre que veo la televisión y veo a esos pobres niños hambrientos en todo el mundo, no puedo evitar llorar. Quiero decir, me encantaría ser así de flaquita, pero non con esas moscas y muerte y esas cosas".
Seguro que calquera católico que se precie, saberá onde ten que viaxar para coñecer onde naceu o seu xefe. Non fora ser que lles acontecese o mesmo que a Shakira, que dixo "voy a viajar a Roma porque es la tierra donde nació Nuestro Señor Jesucristo". Se esta muller xa se deu conta do seu erro, sempre pode xuntarse con Cristina Aguilera e buscar o lugar descoñecido para esta a tenor das seguintes declaracións: "¿Alguien sabe dónde se celebra el Festival de Cannes este año?". Eu non che sei se o tal Festival se fará onde debía, pero estou certa de que cos teus cartiños e cos de calquera un dos anteriores, poderiades ter os vosos pés a miles ou millóns de profesores que se sentirían enormemente afortunados de renovar o voso circuíto de expresión oral...