Onte foi así. Tiñamos algo importante que resolver no Colexio Peleteiro. Este lugar era a Sede da entrega dos premios Minerva. Recoñecemento literario a aqueles/as rapaces e rapazas que fan da literatura unha arte.
Tocounos estar alí á conta de Antía. Ela escribiu e gustou. Así que a súa irmá e máis eu decidimos acompañala nesta andaina pola ruta das palabras. A súa titora, Sabela, tamén.
Eu aproveito para darlle as grazas. Grazas por ser persoa antes ca profesional académica. Hai demasiados dos últimos e moi poucos dos primeiros.
Que lugar tan grande para unha eterna despistada e desorientada coma min!. Xenial. Isto digo, porque comprobei que outra xente, tamén se perde. Grazas a Iria, a Sabela e a aquela mamá de Sarria por desorientarse conmigo. Non sabedes o feliz que me fixestes.
Mais, que importa ter que atravesar portas, corredores, patios... e voltar outra vez ao mesmo... se o fin é entre outras cousas, atopar a Manuel Rivas.
Ese sorriso máxico, esas palabras que flúen coma se fosen peixiños de cores flotando na auga do mar. Uns poucos, máis, máis... pero non cansan, non saturan... Agariman.
El pode falar cos ollos pechados. Pode silenciar o seu propio discurso durante breves intres e conseguir que ese son inexistente fale. Agora, o que a min me encandilou, foi a sensibilidade que demostrou cara aos rapaces e rapazas que subían a recoller os seus premios e a ler parte da súa obra...
El tamén espera que o que está por vir sexa mellor. Que estes mozos e mozas axuden a empurrar o vento que limpe o desánimo que mostra esta sociedade. Que co seu bo facer como escribintes, consigan reflectir os bos resultados como actuantes para obter a mellor humanidade que este mundo precisa.
Será posible modificar conductas?... Adiante entón!
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario