Ocórreseme que con isto das eleccións, os políticos, supoño que case todos, aínda que uns máis ca outros, pasan por un proceso de photoshop, cando non tiveron o estiramento previo anteriormente.
Non entendo o por que desta manía que se desatou agora, pero, o conto é que as engurras xa non falan. Nun dos libros cos que me agasallaron no meu aniversario, hai un apartado que di que estas, son as casiñas das emocións. Disque alí elas atopan segredos e cousiñas de valor. Que se sinten fora de perigo.
Porque, a vida vaiche deixando moitas risas, e, esas emocións teñen a casiña a beira da boca e tamén dos ollos. Están as de pensar, que moran na testa, etc.
Pois, os nosos políticos, actores, presentadores, as nosas veciñas, as perruqueiras, non lles gusta gardar emocións na faciana. Así que van, e collen o borrador máxico de eliminar experiencias visibles, e fan que desaparezan.
Despois, din que aquela política expresa non sei que, aquel outro parece que rexuveneceu... Se vos digo a verdade, a min paréceme que o que lles pasa e que todos queren dicir o mesmo: Sorpresa, sorpresa...! Porque todos eles teñen a mesma cara de sorprendidos. E, eu penso que iso é porque non entenden que a xente pretenda atopar algunha definición psicolóxica nunha cara trucada, con modelaxe perfectamente estudada.
O mesmo lles acontece as actrices. As de 20 anos queren ter o peito, o nariz, a boca, e demais partes físicas perfectas. As de 30 queren parecer que teñen 20 e pranchan un chisco a pel. As de corenta, teñen que estirar as que se volveron engurrar, e as outras engurras que non había, e, así sucesivamente. E, as miñas veciñas, acontécelles o mesmo, pero con menos presupusto para os remendos correspondentes.
Seguriño que con esa teima de desfacerlle as casiñas as emocións, elas vense obrigadas a refuxiarse no interior do cerebro, onde tamén hai moitas engurras. Pero, quedan atascadas cos pensamentos, non poden saír nin uns nin outras, e...
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario