domingo, 15 de mayo de 2011

Manías.

Lembro que, de cativa a miña avoa tiña unha teima coas tesoiras. A cousa é que non soportaba velas abertas cando estaban apoiadas sobre unha superficie. Pois dicía que iso traía consigo "guerra". Creo que o meu carácter pacifista, ten como resultado a herdanza desa manía. A mín tampouco me gustan as tesoiras abertas se non están sendo utilizadas. Pero, esa non é a única. A verdade é que teño algunhas máis.
Por exemplo, case sempre estou remangada. Ou sexa, que de non ser que faga moito frío e me atope sen actividade nese intre, estarei así. Tampouco aguanto pisar azucre. Teño que levar no bolso máis dun paquete de pañuelos. Aínda que case sempre son outras persoas as que se benefician deles. Non me agradan as barras de pan colocadas boca abaixo. Descoñezo se é por estética ou por calquera outra razón. Case sempre que participo nun convite, vou a un espectáculo, ou estou nunha clase, na de ioga, por exemplo, teño tendencia a situarme nas esquinas do local, o patio de butacas, a mesa...
Non soporto os cristais das lentes sucios. Nin as pantallas dos ordenadores ou da televisión.
Pero, a peor, a peor manía que me persegue é a de acarrexar no meu bolso un cheo de cousas, algunhas das cales poucas veces utilizo. E, se as utilizo, en poucas ocasións será para beneficio propio. Tal é o caso do chisqueiro, eu non fumo pero sempre levo un. Ou o do costureiro, das tiritas, do mini set de manicura...
Hei de recoñecer que son unha perfecta maniática... Seguro que aínda me deixo algunhas... E, ti?

No hay comentarios:

Publicar un comentario