viernes, 6 de mayo de 2011

Os apelidos.

Por fin xa temos no estado español unha lei que permite alterar a orde actual dos apelidos que un debe levar para toda a vida. Ou sexa, que xa se pode poñer o da nai en primeiro lugar. No meu caso, non tería demasiada importancia a prioridade de cada un, senón fose porque eu preferiría antepoñer o "García", que é o da miña nai, ante o "Alonso", o do meu pai. Cuestión de entendemento.
Pero, se eu poidese elixir entre dous apelidos coma "Rocha", que é o segundo do meu pai, ou o que levo, sen dúbida que me quedaría co que me representa máis, que non é outro ca o de "Rocha", cuxa orixe eu supoño auténticamente galega, pois no meu pobo hai algún ca outro. Mais, tampouco rexeitaría apelidarme o que identificaba a miña avoa coma número dous, "Pumar". Sempre me pareceu marabilloso. Iso fixo que eu catalogase a miña avoa Mercedes coma a mellor apelidada de toda a miña familia, pois os outros non saímos do Alonso, García, Martínez, Guisande, ou... Nogueira. Este tampouco está mal, pero eu quédome con aqueles dous.
Na nova lei, tamén se comtempla a posibilidade de que entre o pai e a nai non exista acordo previo... Entón, elixirá o funcionario de turno. Pois máis che vale que non deas con un deses que naceron cabreados, que che diga que o que lle tocou facer é un rollo patatero e, por culpa de botar diante a perna esquerda ese día, lle dea por escoller a prioridade menos adecuada. Por exemplo, se tivese que elixir entre colocar nun ou noutro lugar entre dous coma "Borrego" e "Blanco"... Imaxinade que a persoa encargada do asunto, escolle colocar "Borrego" primeiro... En fin, mellor non verse no caso.
Ogallá lles asista ós pais o senso común e traten de priorizar o que corra máis risco de perderse pola súa orixe galega no caso de ser cidadán de Galiza. E, se son así normaliños coma os meus, pois as mamás saberán. Eu, desexaría... que o funcionario de turno estivese moi ledo ese día, que tivese unha grande responsabilidade e, que non fixese falla que decidise él ou ela sobre a vida das miñas fillas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario