Non sei se con esta entrada de hoxe levantarei algunha polémica, pero, nada máis lonxe da miña intención.
Non vou ser nada orixinal se me refiro á nova que fala da morte de Bin Laden. Mais se vos digo a sensación que tiven durante a emisión do telexornal do mediodía, xa será outra cousiña. Porque non entendo esa celebración derivada do acto de "matar". Non quero dicir que estivese de acordo con este home en ningún dos casos, só que facer unha festa dun acto que non debería producirse por parte de ningún ser humano cara a outro, paréceme aberrante. Ata unha muller americana saía dicindo que lle daba moita mágoa que o seu pai falecese hai dous anos porque estaba desexando isto desde que o seu irmán morrese na caída das torres xemelgas.
Esta actitude de vivir ollando cara atrás, de engrandecerse coa escenificación do rancor, non pode incluír nada positivo. Mesmo tiven a sensación de escoitar comentarios referentes a un videoxogo. Pero, tristemente isto é a vida real. E, malia que nin sequera é absolutamente crible que o acto tivese lugar da maneira que nolo contan, se a realidade é esta, non se arranxa o mundo co suceso en cuestión.
Porque, eu fun testigo da actitude de certas persoas, algunhas delas personaxes públicos, outras xentiña de a pé, que estaban pletóricos. Mesmo semellaba que gañara o seu equipo de fútbol unha copa prezadísima. Mais, eu tamén estiven presente cando eses señores ou señoras, criticaban o aborto, ou a eutanasia. Segundo eles, o segundo é matar, o primeiro é xustiza.
Obviamente que se debe perseguir os terroristas, os asasinos. Deben ser capturados e xulgados. Sufrir castigo polas súas tremendas accións... Hai cadeas, sobre todo en EE.UU., de moita seguridade. Algúns din que deixalo vivo era ter un mártir polo que loitar para os seus. Outros, coma min, pensamos que morto aínda é máis símbolo para a causa dos fanáticos que o veneran; mellor dito, veneraban.
Está claro que, a canción de John Lennon, "Imagine", seguirá soando sen conclusións sobre o seu contido. Senón, reflexionade sobre esta estrofa: "Imaxina que non hai países, non é difícil facelo. Nada polo que matar ou morrer, nin relixións tampouco. Imaxina a toda a xente vivindo en paz".
Eu quédome cunha frase de Gandhi: "O que se obtén con violencia, só se pode manter coa violencia"...
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario