sábado, 28 de mayo de 2011

Quero...Non quero

- Non quero formar parte da farsa política deste país.
- Non quero que o diñeiro me esclavice.
- Non quero ao meu lado persoas superficiais.
- Non quero vivir nun mundo cheo de negatividade.
- Non quero ser vítima da hipocresía.
- Non quero esquecer a Desiderata.
- Non quero deixar de ser eu.


- Quero facer do sorriso un medio de vida.
- Quero conservar a miña esencia.
- Quero ser libre, sóa ou acompañada.
- Quero ter ideais e poder levalos a cabo.
- Quero que a indignación cambie o mundo e o faga mellor.
- Quero que se tí lees isto, te sintas ben. Eu tamén pretendo facelo.

jueves, 26 de mayo de 2011

De tertulia?... O nome é o de menos.

Fai uns días que estou abonada a unha estupenda tertulia. Ben, non sei se ese é o nome exacto, pero o caso é que algo se move nesas reunións ás que me fixen asídua.
No lugar xuntámonos, unha rubia pizpireta, adxectivo que eu mesma lle adiquei. E iso, que a primeira impresión visual foi pouco positiva. Mais, cando outros a xulgan coa palabra "amiga", debe ser que garda moi boas cousiñas no seu fondo. Tamén forma parte da escea cotidiá, un calvo, que a min mesmo me semella ó da lotería, seica é un fiel reflexivo e fala pouco, pero con propiedade. Hai un desencantado ao que lle gusta moito o Karaoke. No medio de tanta canción é posible que se lle disipe o desencanto. Hai unha muller paciente e reflexiva. Un home que enfronta a vida de maneira taxante. Unha impetuosa conductora de furgoneta. Unha muller satisfeita, que causa admiración, porque... Quen está satisfeito hoxe en día?
A última persoa son eu. Disque son vital. Polo menos, trato de vivir, que non é doado, pero é interesante. Non me gusta un dos nomes que me obrigaron a levar. Adoro falar. Sei contar silencios, o mesmo que fabricar palabras. E... gústame coñecer a xente á que lle adico o meu tempo. Pero, prefiro adiviñar persoas no medio da xente.

domingo, 22 de mayo de 2011

Navegando nun mar de indignación.

Na rúa do Príncipe conviven dous fabulosos acontecementos. Eu participei en ambos.
Por un lado, pálpase a "indignación". Por outro, podes atopar un mar de "aire". un aire enlatado nuns globos azuis. Ë perfecto encadear unha cousa coa outra.
A xente que se atopa na rúa, debidamente organizada, absolutamente concienciada con
aquilo que os mantén alí, acolleume sen preguntas nin atrancos. Eu decidín probar o que se vive no lugar. Máis que falar, observei. Firmei. Deixei constancia por escrito do que me tiña naquel espazo. Pero, tamén escoitei. Quería comprobar se os oportunistas, que estou segura de que os hai, eran superiores aos outros. E esa foi a miña conclusión:
Alí, convive a indignación coa ilusión, a liberdade co respeto, a desesperación coa esperanza... E, tamén, como non?, anda por alí xente sen escrúpulos, cidadáns que o que desexan é actuar en contra de determinadas ideoloxías... Pero son os menos.
Estou segura de que ninguén desexa ser vítima do servilismo ao que nos están somentendo. Moi poucos pretendemos emular ao Pato Donald, e subsistir baixo o influxo dun tío egoísta, materialista, e... iso si, súmamente rico coma o Tío Gilito. Un persoaxe que se está facendo cada vez máis grande, máis xigante debido ao sometemento do resto do mundo.
Pero, a vida componse doutras cousas. Coma visitar exposicións. Sobre todo, cando tés unha amiga esperando coa súa filla para facelo, e, sabes que as sensacións que vivas alí van ser moi gratificantes. Por tanto, unha vez traspasamos aquela porta que nos introduciu nun mundo voluble, etéreo... onde o noso corpo semellaba ser de
plumas , que non plúmbeo, desconxestionamos o espírito por fin. Despois, podes escoitar unha canción do mesmo autor, curiosa canción composta por él mesmo, por Martin Creed. Unha melodía que fala de pensar. Ou, mellor dito, invita a pensar e a parar de facelo progresivamente.
Para rematar, concerto musical de instrumentos e voces. Perfecto... E, a cea posterior, e a andaina, e, o derradeiro café da noite... Un bo preludio do 22-M, ou un bo remate da xornada de reflexión... Cada un saberá.

viernes, 20 de mayo de 2011

Perdidas no Peleteiro... con Manuel Rivas.

Onte foi así. Tiñamos algo importante que resolver no Colexio Peleteiro. Este lugar era a Sede da entrega dos premios Minerva. Recoñecemento literario a aqueles/as rapaces e rapazas que fan da literatura unha arte.
Tocounos estar alí á conta de Antía. Ela escribiu e gustou. Así que a súa irmá e máis eu decidimos acompañala nesta andaina pola ruta das palabras. A súa titora, Sabela, tamén.
Eu aproveito para darlle as grazas. Grazas por ser persoa antes ca profesional académica. Hai demasiados dos últimos e moi poucos dos primeiros.
Que lugar tan grande para unha eterna despistada e desorientada coma min!. Xenial. Isto digo, porque comprobei que outra xente, tamén se perde. Grazas a Iria, a Sabela e a aquela mamá de Sarria por desorientarse conmigo. Non sabedes o feliz que me fixestes.
Mais, que importa ter que atravesar portas, corredores, patios... e voltar outra vez ao mesmo... se o fin é entre outras cousas, atopar a Manuel Rivas.
Ese sorriso máxico, esas palabras que flúen coma se fosen peixiños de cores flotando na auga do mar. Uns poucos, máis, máis... pero non cansan, non saturan... Agariman.
El pode falar cos ollos pechados. Pode silenciar o seu propio discurso durante breves intres e conseguir que ese son inexistente fale. Agora, o que a min me encandilou, foi a sensibilidade que demostrou cara aos rapaces e rapazas que subían a recoller os seus premios e a ler parte da súa obra...
El tamén espera que o que está por vir sexa mellor. Que estes mozos e mozas axuden a empurrar o vento que limpe o desánimo que mostra esta sociedade. Que co seu bo facer como escribintes, consigan reflectir os bos resultados como actuantes para obter a mellor humanidade que este mundo precisa.
Será posible modificar conductas?... Adiante entón!

martes, 17 de mayo de 2011

Letras galegas... Puras e tenras.

No día de hoxe, eu non estiven presente en ningún dos actos que se celebraron no noso Pais. Tampouco comprei ningún libro en galego, nin comecei a ler ningún este día. Pero, síntome tan galega coma sempre.
Porque hoxe celebreino nun pobo de Galiza. Eses onde aínda se respira aire puro. Onde a Santa Compaña sae de paseo cada noite. Onde as pedra contan historias de vellas, de meniños que xogaban mentras coidaban o gando, e, ata de homes e mulleres celtas absolutos que andiveron por alí. Un lugar onde os barrios levan nomes tales coma: "Cimadevila; "Coruxeira"; "Alén de Enriba" ou "Alén de Abaixo". Un lugar que leva por nome Calvos, e, cando se asoma a fiestra non é para outra cousa que para atopar as grandes melenas dos seus veciños de enfronte, cuxo pobo leva o nome de "Barbudo".
Estiven con amigos que falan en galego, que disfrutan cos praceres que só a Nosa Terra sabe ofrecer, que saben cheirar o aire verde, que poden distinguir o son das augas dos nosos ríos de calquera outras.
Escoitamos o cuco, algúns de nós, preocupados porque según a miña avoa, se cando o
escoitabas por primeira vez no ano, non levabas cartos no bolso, a túa economía ía andar froxiña. Case ninguén os tiña... A crise!
Eu hoxe vivín Galicia en galego... e, TÍ?

domingo, 15 de mayo de 2011

Manías.

Lembro que, de cativa a miña avoa tiña unha teima coas tesoiras. A cousa é que non soportaba velas abertas cando estaban apoiadas sobre unha superficie. Pois dicía que iso traía consigo "guerra". Creo que o meu carácter pacifista, ten como resultado a herdanza desa manía. A mín tampouco me gustan as tesoiras abertas se non están sendo utilizadas. Pero, esa non é a única. A verdade é que teño algunhas máis.
Por exemplo, case sempre estou remangada. Ou sexa, que de non ser que faga moito frío e me atope sen actividade nese intre, estarei así. Tampouco aguanto pisar azucre. Teño que levar no bolso máis dun paquete de pañuelos. Aínda que case sempre son outras persoas as que se benefician deles. Non me agradan as barras de pan colocadas boca abaixo. Descoñezo se é por estética ou por calquera outra razón. Case sempre que participo nun convite, vou a un espectáculo, ou estou nunha clase, na de ioga, por exemplo, teño tendencia a situarme nas esquinas do local, o patio de butacas, a mesa...
Non soporto os cristais das lentes sucios. Nin as pantallas dos ordenadores ou da televisión.
Pero, a peor, a peor manía que me persegue é a de acarrexar no meu bolso un cheo de cousas, algunhas das cales poucas veces utilizo. E, se as utilizo, en poucas ocasións será para beneficio propio. Tal é o caso do chisqueiro, eu non fumo pero sempre levo un. Ou o do costureiro, das tiritas, do mini set de manicura...
Hei de recoñecer que son unha perfecta maniática... Seguro que aínda me deixo algunhas... E, ti?

sábado, 14 de mayo de 2011

Borrar as engurras.

Ocórreseme que con isto das eleccións, os políticos, supoño que case todos, aínda que uns máis ca outros, pasan por un proceso de photoshop, cando non tiveron o estiramento previo anteriormente.
Non entendo o por que desta manía que se desatou agora, pero, o conto é que as engurras xa non falan. Nun dos libros cos que me agasallaron no meu aniversario, hai un apartado que di que estas, son as casiñas das emocións. Disque alí elas atopan segredos e cousiñas de valor. Que se sinten fora de perigo.
Porque, a vida vaiche deixando moitas risas, e, esas emocións teñen a casiña a beira da boca e tamén dos ollos. Están as de pensar, que moran na testa, etc.
Pois, os nosos políticos, actores, presentadores, as nosas veciñas, as perruqueiras, non lles gusta gardar emocións na faciana. Así que van, e collen o borrador máxico de eliminar experiencias visibles, e fan que desaparezan.
Despois, din que aquela política expresa non sei que, aquel outro parece que rexuveneceu... Se vos digo a verdade, a min paréceme que o que lles pasa e que todos queren dicir o mesmo: Sorpresa, sorpresa...! Porque todos eles teñen a mesma cara de sorprendidos. E, eu penso que iso é porque non entenden que a xente pretenda atopar algunha definición psicolóxica nunha cara trucada, con modelaxe perfectamente estudada.
O mesmo lles acontece as actrices. As de 20 anos queren ter o peito, o nariz, a boca, e demais partes físicas perfectas. As de 30 queren parecer que teñen 20 e pranchan un chisco a pel. As de corenta, teñen que estirar as que se volveron engurrar, e as outras engurras que non había, e, así sucesivamente. E, as miñas veciñas, acontécelles o mesmo, pero con menos presupusto para os remendos correspondentes.
Seguriño que con esa teima de desfacerlle as casiñas as emocións, elas vense obrigadas a refuxiarse no interior do cerebro, onde tamén hai moitas engurras. Pero, quedan atascadas cos pensamentos, non poden saír nin uns nin outras, e...

miércoles, 11 de mayo de 2011

Feliz cumple, María.

Si. Hoxe non che toca escribir a ti, María. Hoxe son eu, o teu alter ego, ou sexa, o outro "Eu", quen o fai por ti.
Quero que ti tamén teñas unha entrada de blog, porque son quen mellor te coñezo. Eu obsérvote desde o exterior. Libre dos impulsos do corazón e dos quebradeiros e as responsabilidades que impón a cabeza. Sei que hoxe foi un día moi especial para ti. Aínda que digas que os cumpreanos son un día calquera, e que as cousas ou as persoas non se transforman dun día para outro.
Choraches moito, pero de emoción positiva. Esa que che da cando a xente che demostra que te quere. Tamén sabes que uns te queren máis e outros non chegan a tanto, pero o fundamental do amor, é que estea aí.
Derramaches bágoas cando os nenos e nenas de 4º de primaria se abrazaron a ti e déron che as grazas. Non tiñan por que, mais fixérono de maneira desinteresada, como só o saben facer os meniños. Igual ca os da gardería. A túa amiguiña Helena, a que comparte día de aniversario contigo, esforzouse tanto en agasallarte con cousiñas... Unhas feitas por ela, que son as mellores, outras mercadas, que están moi ben. As mamás do ANPA que che cantaron o "Feliz Cumpreanos", as túas amigas do café, Gracia, Oliva, Mónica que pensou nas túas costas e regalouche ese maletín con carro que te fará chegar o cole menos esgotada. Sabela e Isabel, coas que compartiches cea. A gran cantidade de persoas que deixaron a súa felicitación no facebook... Ata eu, que non son dada as emocións, teño acenos de chorar.
Ti si que es un feixe de sensibilidade. Lémbrote toda a vida dicindo: "Non vou chorar, non vou chorar...", e xa non rematas de pronunciar a última mentras sae a primeira bágoa. Malia que es moi esixente contigo mesma, ás veces non pos en práctica esa actitude cos demáis. Baixas a garda e fanche dano. E, volta a chorar e a sufrir. Pero a túa cabeciña, pensa, pensa e pensa tanto, que o teu exceso de responsabilidade faite vulnerable constantemente ante aqueles que non exercen esa mesma actitude e parasitan a túa conta. Non sei se existe o termo, pero se non é así, gústame e vouno poñer en práctica máis a miúdo.
Se María quere, quere de verdade. Agora, como non queira... será simplemente educada.
Iso falo porque non sabes ser hipócrita. Os que te coñecen sábeno ben.
Xa che tardaba este cumpreanos. Comezando a ser ti mesma. Rodeada da xente que debe estar. Sempre lle dis as túas fillas que comezas a saír da túa etapa de obstracismo. Debes ir de vagar. Aínda queda algunha neblina que non deixa ver de todo o sol.
Es moi positiva. Iso é o que fai que loites polas cousas nas que cres. Que non te deixen vencer facilmente. E, que nos peores intres da túa vida, non te agarrases a ningún producto químico recomendado polo doutor para saír adiante por ti mesma.
Tampouco es tan divina nin tan maravillosa. Tes moitos momentos de cabezonería. En ocasións, sinto que vou quedar muda para sempre, porque ti non fas nada por escoitarme. Porque falas moito, pero tamén sabes gardar silencios... Menos mal!
Sei que ás dúas rosas que tes no floreiro, e que encargaron as túas fillas para ti, van ir parar o medio dun ou dous libros cando estean murchas. Esa é a maneira de recordar os momentos. E a túa caixiña das cousas, vai rebousar con todos os anaquiños de papel de regalo, tarxetas, lazos, etc. que chegaron ás túas mans.
Estás agardando ter tempo para comezar a ler os libros cos que te obsequiaron María, ou Carmen. E, a ver cando te decides a atopar alguén que che axude a beber a crema de oruxo que che regalou Julia. As cancións do teu MP3, soarán mellor no novo MP3 co que te agasallaron as túas fillas. Como ti o querías. Pequeniño e sinxeliño de usar.
Agora vou coas recomendacións: Non sexas tan pasional. Non deixes que o teu corazón desobedeza a túa cabeza en vez de actuar o par dela. Nin deixes que a túa cabeza impida que o teu corazón obre como deba. Segue practicando para decir "non", mais non esquezas que moitos "non" seguidos convertiránte nunha tipa pesimista... Mellor non o digas a miúdo. Loita polo que queres para que ninguén te faga escrava do que quere ese outro para si. Segue facendo do sorriso un medio, da gratitude un don, da vida un paseo agradable que queres compartir...

martes, 10 de mayo de 2011

Oliver Jebson

Este meniño británico de 3 anos de idade, padece unha síndrome denominada "de Cornelia de Lange". Esta rarísima enfermidade, provoca retrasos no crecimento, pero, a súa característica máis determinante, é que os que a padecen, non sinten dor en ningún caso.
Paradoxas da vida. Eu pásome o día decindo que non debería existir a dor. Que non temo a morte, mais si á dor que esta pode acarrexar... Pois, tras ler esta nova, plantéxome a importancia da mesma na nosa vida. Porque este neno ha de vivir vixiado todo o día. Disque o outro día caeu e cravou un dente no beizo, e nin sequera deixou escapar unha queixa.
Supoño que existe o risco de falecer conxelado, porque non experimentarás a sensación penosa da parálise progresiva dos membros. Podes morrer abrasado xa que as queimaduras non representarán a tortura que iso significa para calquera ser humano normal. E, se te cravan con un puñal, como non sanguess,vala ter clara, pois vas pensar que non é nada.
Por algunha razón a natureza dotounos con esa sensación que non é desagradable en si, malia que os axentes externos que a propician sexan terroríficos.

lunes, 9 de mayo de 2011

Premios Max de teatro.

Casualmente, mentres ollaba o telexornal da 1ª, entereime de que pola 2 de tve estaban dando a gala dos premios Max de teatro. Non entendo que para os Goya de cine, arte que me engaiola tamén, comecen a emitir desde o punto onde vai ter lugar unha hora antes, e para os premios de teatro non se faga case publicidade.
O teatro ou a danza son expresións mesmas da vida en puro directo. Non hai lugar a rectificación se erras, ou no caso de que a vexas pertinente, o público terá que ser informado e, posteriormente, cómplice.
Fabulosa a interpretación da canción de Rosana, que di: "Si tú no estás aquí..." feita por un actor mentres na pantalla ían aparecendo os nomes de todos os actores e actrices falecidos. Emocionante tamén, o intre de agradecementos do bailarín Victor Ullate, que se dirixiu en primeiro lugar a súa irmá, afectada de parálise cerebral, con esta frase: "No habla, no anda, pero baila".
Pero eu quero destacar pola parte que nos toca aos galegos a Quico Cadaval, que foi premiado como mellor autor teatral en lingua galega, pola obra:"Shakespeare para ignorantes". Asegúrovos que é un libreto fabuloso. Eu fun espectadora o ano pasado deste evento, e quedáronme ganas de máis. Estupendos tamén os actores Evaristo Calvo e Victor Mosqueira. O noso teatro, feito na nosa lingua, escoitado na nosa lingua, e premiado na lingua de España...
Claro que, falando da lingua galega, no telexornal de tve de mediodía, fixeron mención o noso idioma dando a voz de alarma. Dicían que nos últimos anos, fálase un 15% menos que anteriormente. Engadían que o feito de escribir os seus libros en castelán escritores coma Valle Inclán, Cela ou Torrente Ballester, fóra moi perxudicial cara as nosas letras. Ilustraban a nova cos estereotipos de sempre, e mostraban coma na lonxa de peixe se pasou de usar o galego a utilizar o castelán. Tamén as imaxes dos nosos marabillosos campesiños, pero non pasaron por ningunha clase de instituto, colexio, teatro, ou lugares onde se expresa a xente en galego tamén. Resaltaron a Álvaro Cunqueiro como impulsor, ben feito. Falou Ferrín. Pero, aínda así, non me deixou satisfeita esa información.
A cousa é que o galego vive alá onde queira que haxa un galego que o ame. E, en Galiza hai moitos galegos que aman a lingua. Non imos deixar que morra.

domingo, 8 de mayo de 2011

O pasado que permanece.

Hoxe foi un día especial. Si, porque viaxamos cara o pasado. Mais, non nos movemos por unha historia morta, senón que, a través dos vestixios da xente que nos precedeu, palpamos aquela maneira de facer diferente.
Eu sentínme integrada nun rito funerario de fai miles de anos. Diante da Gran Mámoa, a miña imaxinación voou ata que puden observar as facianas toscas e o andar brusco daquela xente. Penso que non había pranto polo defunto. Tal como semellaba o estreito pasadizo que conducía o seu destino final, o tempo vivido na Terra só fora daquela un corredor cara o descanso absoluto. Seguramente do corpo, porque eles tamén pensarían que a alma era outra cousa. Ían cansos, porque aquel monumento espectacular acababa de ser estreado. Entraba alí o seu primeiro morador. E, levantar aquelas lousas coa única axuda da súa forza física, agotaba, malia que eran moitos e que traballaban en equipo, porque o futuro descoñecido trala morte, era o mellor futuro.
Eses homes viviron, morreron... e outros foron nacendo, vivindo e morrendo. Ata que pasaron moitos anos. E, os que agora poboaban o noso universo galego, quixéronnos lembrar que eles ían ser os nosos predecesores máis artísticos. Porque labraban aquelas pedras coas ferramentas que, a mente inqueda dun inventor da época descubrira cómo facer, ao mellor casualmente. As novas adquisicións eran tan importantes para eles, que os máis dotados para a escultura e a pintura, decidiron facelo constar na mellor corcheira que atoparon, as grandes lousas que por alí abundaban. Pero tamén esculpían outras figuras, mostras de que eran menos progresistas ca nós, pero non menos avanzados. Eran máis prácticos, pero tamén máis espirituais.
E, pasou outra vez o tempo, outra vez morreu xente, outra vez naceu máis xente, máis, máis. E, un día, eses novos habitantes do chan galego, chamábanse "celtas". Disque eran altos e rubios. Ao mellor non eran tan atractivos. Seica eran moi brutos,que cortaban cabezas sen ningún traballiño. Mais, que sabían eles se os seus antepasados non coñecían esas leis que temos nós, as cales, en multitude de ocasións son absolutamente contradictorias. Tremendamente paradóxicas. Malia iso, eu seguía respirando e cheirando o arume da maxia. A mesma maxia que envolvía a morte. Que facía que aquelas persoas que habitaban nas casiñas máis divertidas que te poidas imaxinar(podíase xogar á roda de seguido ou andar ás voltas sen tropezar cos recunchos,tan feitiños que semellaban letras "O" con sombreiro de palla) acendesen velas dentro dos cráneos e nos deixasen en herdanza unha fermosa tradición: O Samaín.
Claro que, non fomos tan valentes para enfrontarnos a "moura" que se viu transformada en serpe. Mellor dito, os mozos que levabamos con nós, non desexaban desposarse con ela, pois estimaban que xa tiñan nas súas casas unhas boas mozas aínda que non fosen tan morenas de pel. Así que, deixámola descansar na súa cova a espera do valente cabaleiro que a liberase da súa condena.

Coma todas as viaxes, esta rematou coa nosa volta ao presente. Os estómagos comezaban a ruxir. Porque, ata ali, alimentámonos de historia, de olladas ás pegadas mellor conservadas, de maxia... Ademais, o noso mestre de ceremonias, Xosé, tiña outro fermoso quefacer. A súa voz non só serve para ser un dos veículos que te transporten a mundos antigos. Parece ser que tamén é desas que serven para conseguir que te despoxes da materia e xires no vento das ondas musicais.
Magnífico guía o que nos acompañou. Con explicacións claras e concisas, conseguiu manter a atención de nenos e adultos. Especial a viaxe polo curioso planeta, onde non faltou nin sequera a Santa Compaña para animar o camiño.
Gracias Xosé por saber tanto, mais sobre todo, por coñecer a mellor maneira de compartilo. Gracias a Alberte, a María e a Aldara por compartir un membro da vosa familia con nós. Gracias a todos os nenos e nenas, e a todos os adultos que nos atopamos periódicamente nestas viaxes onde nos empapamos de sabiduría, e, sobre todo, de convivencia.

viernes, 6 de mayo de 2011

Os apelidos.

Por fin xa temos no estado español unha lei que permite alterar a orde actual dos apelidos que un debe levar para toda a vida. Ou sexa, que xa se pode poñer o da nai en primeiro lugar. No meu caso, non tería demasiada importancia a prioridade de cada un, senón fose porque eu preferiría antepoñer o "García", que é o da miña nai, ante o "Alonso", o do meu pai. Cuestión de entendemento.
Pero, se eu poidese elixir entre dous apelidos coma "Rocha", que é o segundo do meu pai, ou o que levo, sen dúbida que me quedaría co que me representa máis, que non é outro ca o de "Rocha", cuxa orixe eu supoño auténticamente galega, pois no meu pobo hai algún ca outro. Mais, tampouco rexeitaría apelidarme o que identificaba a miña avoa coma número dous, "Pumar". Sempre me pareceu marabilloso. Iso fixo que eu catalogase a miña avoa Mercedes coma a mellor apelidada de toda a miña familia, pois os outros non saímos do Alonso, García, Martínez, Guisande, ou... Nogueira. Este tampouco está mal, pero eu quédome con aqueles dous.
Na nova lei, tamén se comtempla a posibilidade de que entre o pai e a nai non exista acordo previo... Entón, elixirá o funcionario de turno. Pois máis che vale que non deas con un deses que naceron cabreados, que che diga que o que lle tocou facer é un rollo patatero e, por culpa de botar diante a perna esquerda ese día, lle dea por escoller a prioridade menos adecuada. Por exemplo, se tivese que elixir entre colocar nun ou noutro lugar entre dous coma "Borrego" e "Blanco"... Imaxinade que a persoa encargada do asunto, escolle colocar "Borrego" primeiro... En fin, mellor non verse no caso.
Ogallá lles asista ós pais o senso común e traten de priorizar o que corra máis risco de perderse pola súa orixe galega no caso de ser cidadán de Galiza. E, se son así normaliños coma os meus, pois as mamás saberán. Eu, desexaría... que o funcionario de turno estivese moi ledo ese día, que tivese unha grande responsabilidade e, que non fixese falla que decidise él ou ela sobre a vida das miñas fillas.

jueves, 5 de mayo de 2011

Asunto: a ira

Os seres humanos vivimos abrazados ás nosas emocións. Tan amarrados a elas, que é moi complicado atopar un intre de soidade absoluta. Ese instante onde non pensas. Porque se pensas, hai emocións.
Hoxe, de calquera maneira, voume referir a unha en particular. Como xa veriades no título, esta é a "ira". Eu sempre tiven absolutamente claro que esta emoción é negativa. Sempre se fala de "un ataque de ira", "dominado pola ira"... e o adxectivo "Iracundo" non é en absoluto positivo.
Pois resulta que o outro día na clase de ioga, tivemos un pequeniño debate sobre este tema. A cousa produciuse tras ler unha entrevista feita a un reputado ciruxano, a cal nos deixou abraiados a todos os presentes. Pois o home, falaba da vida en tono espiritual e saía do tópico de moitos científicos para os que vivir está ligado a cadrar as contas todo o día. Eu só atopei unha lagoa. O home falaba da ira coma unha emoción positiva. Dicía que nos axuda a protexernos dos ataques exteriores. Que a través dela tamén nos autoafianzamos. Non estou de acordo.
O mestre tratou de indicar que en ocasións temos conceptos errados debido a educación que nos transmiten. Absolutamente certo isto. Mais é verdade que a ira desata violencia. E, a violencia é sempre perxudicial. Non atopei beneficio algún nesa emoción. É máis, penso que neste caso hai confusión entre "ira" e "valentía". Porque a primeira non te engrandece. A segunda, en cambio, si. É ben certo que se pode escupir esta emoción sin dirixila cara a ninguén. Podes berrar contigo mesmo. Podes enoxarte co mundo. O asunto é que isto case seguro será imposible de manter perennemente así... Non son quen de aprobar esta actitude. Porque penso que é un dos males do mundo. Os gobernantes falan case sempre iracundamente. Os cidadans rebosan ira en multitude de situacións. Os nenos, fan uso da ira que non saben conter ante situacións molestas para eles... Sinxelamente, penso que a "ira" está posta no mundo para que o ser humano nunca poida rozar a perfección... Bueno, a "ira", a "envexa", o "rancor"...

miércoles, 4 de mayo de 2011

Carta ao señor Javier Marías

Para quen descoñeza a identidade deste home, que o dubido, dicir que é un membro da Real Academia Española dende o ano 2006, ocupando a letra R. É un escritor, editor e tradutor español, nado no ano 1951. Ten publicadas un bo número de obras, algunhas delas líderes en ventas. E eu teño algo que dicirlle hoxe:

Señor Javier Marías:
Diríxolle unha misiva que, seguramente, nunca lerá vostede. Pero, despois de ter ocasión de coñecer unha das súas opinións no xornal El País, datada no ano 2008, penso que teño o deber e o dereito de expresarme neste pequeno espazo da rede.
O artigo en cuestión, titúlase "Una región ocultamente furibunda". Facendo uso da palabra que se lle concede nese medio de comunicación, previo pago, obviamente, arremete vostede contra as persoas que facemos uso da nosa liberdade de expresar a nosa opinión a través dun blog, ou crítica de libros, ou recomendación de películas, ou ata aquelas que se sinten a gusto facendo de asesores de imaxe doutros. Porque cando un escribe con educación absoluta, non ten por que sufrir a etiquetaxe coa que vostede define este tipo de expresión escrita.
A xeneralización sempre é nefasta cando se usa para insultar ou menosprezar. As comparacións son absolutamente de mal gusto, sobre todo cando un pretende ridiculizar as actuacións do seu país respecto a outro. Para vostede, os blogs en lingua inglesa teñen moito mellor estilo cos de lingua española( en España hai outras linguas que seguramente a vostede lle costará entender), adxectivando a estes ou a xente que participa neles, como zafios.
Paréceme que vostede dispón agora mesmo dun blog. Non sei se escribe en español, pero vai ser mellor que se pase ao galego, pois senón vai ser vítima da súa propia crítica... Un home que vive da palabra escrita, non pode despreciar así o traballo doutra xente que, aínda porriba, non cobra e comparte solidariamente o que pensa. Unhas veces mellor e outras... máis desafortunadamente. En moitísimas ocasións, a verdade non radica en ser un persoaxe público, nin en ter un sillón na R.A.E., nin sequera en ser recoñecido mundialmente. Case sempre a verdade se atopa nas palabras de xente que se comunica con educación, sentido común e a sabiduría da experiencia vivida.
Absolutamente de acordo por outro lado na existencia de blogs insultantes... pero en calquera língua.

martes, 3 de mayo de 2011

Choque deportivo ou enfrontamento de culturas?

Non son unha gran amante do fútbol, pero hei de recoñecer que estes partidos de grande expectación, chámanme poderosamente a atención. Sobre todo, porque as miñas simpatías van cara ao Barça, non sei moi ben por que... ou si.
Xustamente, no remate do partido recibín un correo dun amigo que me felicitaba por estar mandando correos mentras media España estaba pendente do partido. A verdade, é que na miña casa tamén se estaba vendo o encontro. O que acontece é que durante a cea, ollámolo na tele da cociña. Iso si, sen tensión nin enfrontamentos. E, iso que dos cinco que estabamos, só había unha simpatizante do Madrid, miña sobriña. As miñas fillas, o amigo de Antía e máis eu, tirabamos polo outro bando.
Claro que, a min que me gusta moitísimo observar, non atopei desperdicio na Tribuna do estadio. Pois as expresións eran tan transparentes, que penso que o deporte non era o protagonista na vida daquela xentiña. Pagaría por saber os seus pensamentos máis ocultos, porque os outros xa os adiviñei. O alcalde de Madrid e Florentino Pérez, desexarían non ter que formar parte do espectáculo. Tensos e descontentos... Cousas do ambiente reinante. O presidente do Barça, estaba tan contentiño que, a duras penas se mantiña quieto na butaca. Mesmo parecía a noiva na voda. Ou mellor, o neno que consegue manterse de pé sobre os patíns e xa pode andar soíño... Era só unha metáfora.
O caso é que non houbo moita violencia, nin encontros desagradables entre os deportistas. Iso é bo. Outra cousa serán os comentarios que se escoiten mañá... Eu xa deixei constancia do meu. Gústame o Barça de Guardiola!

lunes, 2 de mayo de 2011

Coma se se tratase dun videoxogo...

Non sei se con esta entrada de hoxe levantarei algunha polémica, pero, nada máis lonxe da miña intención.
Non vou ser nada orixinal se me refiro á nova que fala da morte de Bin Laden. Mais se vos digo a sensación que tiven durante a emisión do telexornal do mediodía, xa será outra cousiña. Porque non entendo esa celebración derivada do acto de "matar". Non quero dicir que estivese de acordo con este home en ningún dos casos, só que facer unha festa dun acto que non debería producirse por parte de ningún ser humano cara a outro, paréceme aberrante. Ata unha muller americana saía dicindo que lle daba moita mágoa que o seu pai falecese hai dous anos porque estaba desexando isto desde que o seu irmán morrese na caída das torres xemelgas.
Esta actitude de vivir ollando cara atrás, de engrandecerse coa escenificación do rancor, non pode incluír nada positivo. Mesmo tiven a sensación de escoitar comentarios referentes a un videoxogo. Pero, tristemente isto é a vida real. E, malia que nin sequera é absolutamente crible que o acto tivese lugar da maneira que nolo contan, se a realidade é esta, non se arranxa o mundo co suceso en cuestión.
Porque, eu fun testigo da actitude de certas persoas, algunhas delas personaxes públicos, outras xentiña de a pé, que estaban pletóricos. Mesmo semellaba que gañara o seu equipo de fútbol unha copa prezadísima. Mais, eu tamén estiven presente cando eses señores ou señoras, criticaban o aborto, ou a eutanasia. Segundo eles, o segundo é matar, o primeiro é xustiza.
Obviamente que se debe perseguir os terroristas, os asasinos. Deben ser capturados e xulgados. Sufrir castigo polas súas tremendas accións... Hai cadeas, sobre todo en EE.UU., de moita seguridade. Algúns din que deixalo vivo era ter un mártir polo que loitar para os seus. Outros, coma min, pensamos que morto aínda é máis símbolo para a causa dos fanáticos que o veneran; mellor dito, veneraban.
Está claro que, a canción de John Lennon, "Imagine", seguirá soando sen conclusións sobre o seu contido. Senón, reflexionade sobre esta estrofa: "Imaxina que non hai países, non é difícil facelo. Nada polo que matar ou morrer, nin relixións tampouco. Imaxina a toda a xente vivindo en paz".
Eu quédome cunha frase de Gandhi: "O que se obtén con violencia, só se pode manter coa violencia"...

domingo, 1 de mayo de 2011

As bonecas quitapenas de... Guatemala.

É moi curioso. Na miña derradeira viaxe a Barcelona, atopei nunha pequena tenda de artesanía unhas bonequiñas indíxenas, exactamente procedentes de Guatemala. Forman parte da tradición dos maias, e, a lenda dí que no país guatemalteco, son utilizadas para rematar cos pánicos nocturnos que sofren algúns nenos. Teñen que contarlle a boneca os problemas que os acucian, despois deben depositala debaixo da almofada,e, mañá seguinte, logo de que algún dos adultos que rodean o meniño retiren a boneca sen que este se decate, supostamente, todos os problemas desaparecen do mesmo xeito.
A verdade, é que este tipo de cousas gústamme máis pola súa simboloxía que por outra cousa, mais, é ben certo, que mentras fagas un exercicio de concentración sobre aqueles asuntos que te inquedan, e o mesmo tempo desexes con moita forza acadar a súa resolución, seguro que estás un anaquiño menos lonxe de conseguila.
Porque, ogallá tivesen os habitantes de Guatemala unha maneira tan doada de arranxar as cousas. Un país onde a explotación infantil está á orde do día. Onde a pobreza cobre a maior parte da poboación. Onde o dereito á menciñas é privilexio duns poucos. A educación é un luxo... E durmir debe de ser o mellor remedio para esquecelo todo.
Pois eu tamén vou dar en pensar que se as bonecas quitapenas non fosen efectivas, as cousas alí aínda estarían peor. Así que vou tentar poñer o seu poder en práctica na miña vida cada noite.
A cantante israeĺí Noa, ten unha canción adicada a este amuleto. O tema chámase "Worry doll", e, unha das estrofas di algo así na súa traducción ao castelán:
"Listas, hago listas, de todas las cosas que intenté pero perdí, de todas las cosas en que me rendí, aunque las quería, de todas las palabras de amor que quedaron sin decir. Sueña sin miedo, tu muñeca india de las penas está aquí, bajo la pequeña almohada del dios,para que no tengas que preocuparte por nada..."