sábado, 30 de abril de 2011

O poder da palabra escrita.

Hoxe vou usar este blog para felicitar a unha rapaza cuxo esforzo tivo recompensa. Pero, tamén vou agarimar coas verbas deste texto a unhas mestras que loitan cada día para que o feito de expresarse en galego sexa un dereito o alcance de todos.
Cando comecei a escribir neste espazo, fíxeno en castelán. Foi así porque eu tamén fun unha vítima da chantaxe emocional que supuña falar a túa propia língua. Por iso, o meu apego a escritura, desenvolveuse nese idioma case sempre. Mais, despois pensei que o español non está en perigo de desaparecer en ningún momento, mentras que o noso galego, pode quedar restrinxido a unha anécdota, se non o coidamos.
De todos os xeitos, hoxe é día de celebración. Porque Antía conseguiu acadar un segundo premio nun concurso literario. Un concurso que lle recomendou unha profesora do seu instituto. Un concurso en galego e para Galicia.
Foi un traballo feito con esmero. Ela soubo mesturar nun texto a máis pura tradición galega ou doutros lugares do mundo coas novas tecnoloxías. As mestras do departamento de Galego do instituto, apoiaron o relato coas súas valoracións tras ler a obriña. Por tanto, elas tamén son protagonistas por empurrar a vocación dunha alumna. Pero, son asimesmo, por seguir sostendo a vela dun barco que ás veces recibe demasiado vento en contra para poder seguir navegando... Enhoraboa polo éxito compartido!

1 comentario:

  1. Parabéns para estas dúas mulleres (ou tres: nai e fillas), que a base de labrar incansablemente cada día a terra da lingua, acaban obtendo unha colleita tan merecida. Sabela seguro que estará orgullosísima desta alumna excepcional e eu, que non tiven culpa de nada neste premio, síntome tremendamente motivada para seguir cultivando a terra deste cativo pero frondoso horto lingüístico que nos tocou en herdanza e que animosamente compartimos.
    Bicos grandes.
    María

    ResponderEliminar