Vaia, vaia, vaia! Cinco diíñas que pasaron sen pausa, pero con gloria. Si, porque voltar a Barcelona e atoparme con Tina, Manuel e Minaya foi xenial. Pero vivir Barcelona coma nunca o fixera en ningunha das outras ocasións... deixoume unha sensación de plenitude total.
Ás veces, nas viaxes facemos o uso do tópico. Ou sexa, visitar os lugares emblemáticos que xa coñecemos vía prensa, internet ou a través de libros perfectamente ilustrados. Claro que é fantástico acudir a eses sitios, pero unha cidade é máis ca iso. Unha cidade é a súa xente, a súa maneira de vivir, de pasear, de comprar, de comer...
Nesta ocasión, eu vivín de primeira man, con anécdotas incluídas, moitas desas situacións. Paseei polos barrios máis antigos de Barcelona. Puiden observar as pequenas tendas, cuxas persianas están decoradas con uns grafitis artísticos maravillosos. As rúas estreitas,os bloques adornados con aquelas balconadas, que, mesmo parecen linguas que asoman das moitas bocas dos edificios para xuntarse e pechar así os estreitos calexóns gardando un segredo inmenso.
Claro que, ata eu adoecía por entrar naqueles mercados tan fermosos e facerme con algunha das viandas que se expoñen alí dentro. Dun deses lugares, saíu a butifarra de ovo que provei e quedei gratamente sorprendida polo seu sabor. Tanto, que me agasallaron con algunha para degustar na miña terriña. Mais, nestas datas, os escaparates das panaderías cheíños de monas de pascua, fan do chocolate unha arte cunha fin agarimosamente dixestiva.
As Ramblas floridas, máis floridas onte, pois xa estaban tomando posicións as rosas que hoxe habían de ser protagonistas xuntos cos libros. Que mágoa que a volta houbera de ser xustamente hoxe, no marabilloso día da cultura catalana, pero xa sabemos o que teñen certas compañías aéreas.
Desta viaxe, trouxen unha palabra nova. Entre as moitas da lingua catalana que eu tentei absorver, atopei unha que me agradou moito. Nada que ver coa súa traducción ao español ou ao galego. Trátase de "Julivert". Ou sexa, perexil para nós. Non me negaredes que en catalán a pranta tornase máis fermosa.
Agora, todas as cousas son mellores se os seres humanos que as rodean teñen encanto. E, claro que tamén coñecín persoas en singular. Aparte das tres que nomeei no comezo, e de Felip que foi tamén un grande anfitrión, gardei no meu corazón e na miña caluga, tres sorrisos, tres maneiras de falar que rescato do anonimato.
O primeiro, un home, que volto a pedir perdón, pero non me lembro como se chama. Non importa, recordo a súa cara amable, a súa conversa amigable e o seu bar, todo decorado con aparellos de radio moi antigas. Tiña máis de trinta, colocadas estratéxicamente polo local. Non importa o nome, porque o bo trato que tivo conmigo foi inmellorable. Así que un pouquiño do espírito galego de aquel home, viaxou conmigo.
Tampouco coñezo o nome daquela muller da tenda de revelado de fotografía, pero podería ser "encantadora". O noso primeiro contacto tivo lugar cando ela se dirixiu a min en catalán e eu tentei adiviñar o que me dixera. Entón disculpouse, pero non había lugar para disculpa algunha. A partír de aí, comezamos unha conversa, non demasiado longa, pero moi produtiva.
E, deixo para o fin a Montse. Sorprendentemente, coñezo a seu nome. Pero sorprendida quedei eu coa súa personalidade tan abraiante. Con ela interambiei tantas palabras en poucas horas, que penso que ata debaixo da auga poderíamos seguir falando en vez de afogarnos. Síntoo polo resto de comensales, aínda que creo que a nosa conversa era moi interesante para todos. A imaxe que me reflectiu Montse, é a dunha muller que non ten anos, senón que ten experiencias. Non vive, senón que disfruta. É fabulosamente independente, pero grandiosamente nai e avoa. Unha muller cheíña de saber, que non de coñecemento... Absolutamente engaiolante. Espero verte pronto. Porque seguro que podo aprender de ti unha chea de cousas.
E quero adicarlle a Tina o fin deste comentario de hoxe. Xa sabes o que penso de ti. Porque non hai ningún mal que poida romper un espíritu xeneroso coma o teu. Se acaso, pode ralentizalo, mais, apagalo... nunca.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario