lunes, 11 de abril de 2011

Trepidante.

Unha fin de semana absolutamente intensa. Un venres de tarde compartindo segredo coa miña filla maior(creo que hai alguén que cumpre mañá). Despois, departindo cunha amiga sobre un proxecto interesantísimo...
O sábado, camiñata con ambiente escolar. Comezamos a andar guiados polo discurrir daquel río. Acompañados do murmurio que desprenden as augas fluviais, os cales se tornan as veces en ruxidos tímidos, outras, en música contundente. Canta xente pisaría aqueles camiños ascendendo co lombo castigado polo peso do saco de millo! Porque a súa meta, era o muíño. Con sorte, o primeiro. Senón, sería o segundo, o terceiro ou calquera dos outros. Aqueles corpos curtidos no traballo do campo ,obrigados a botar man daqueles aparellos que aparecían expostos no camiño. O arado manual, ou o outro máis innovador que vai enganchado nas bestas. Depositando as sementes naquela sementeira para despois recoller os froitos da colleita e transportalos no carro de madeira, onde, dúas vacas ou dous bois, unidos polo xugo do poder humano, tiraban a vez para mover os moitos kg. de peso que acarrexaban. Augas transparentes, frías, e, unha fervenza que, animosa, invitounos a uns cantos membros do grupo a seguir na busca da súa predecesora, cara arriba. Os máis cativos, e os seus proxenitores, debido á perigosidade do terreo, abandoaron. Os demais, créndonos Indiana Jones ou algo similar, tentamos coroar o cumio, mais, a nosa solidariedade cos compañeiros(quedamos a unha hora determinada con eles) ou algo así... non nos permitiu continuar...Que solidarios!
Despois, o xantar no Lago Castiñeiras. Fame e frío... Pero, había unha casa grande de pedra, un bar instalado nela, e... un café quentiño, que... fixo de acubillo temporal, perfecto para reparar forzas e, disfrutar da posterior visita guiada polo parque natural. Un guía fenomenal que nos volveu concienciar a todos do coidado que precisa a natureza. "Non se pode tirar nada que non tirarías no teu tapete". "Non se pode coller nada do que vexas". A verdade é que a min, alguén me regalou un trébol de 4 follas. Non te sintas culpable. Fixéchelo porque me queres ben, e estou segura de que me vai encher de sorte.
Unha maravillosa noite de teatro foi o cumio do día. Gracias, Cándido Pazó. Es xenial. Gracias tamén a Flori, María e Alberte. Disfrutei moito con vos naquela sala branca da cafetería. Toda branquiña, con aqueles camareiros tan ríxidos. Nunca entrara alí, e, sempre o pasar me lembraba de Valle Inclán(Luces de Bohemia). Un ambiente... perfecto na nosa mesa, onde seguro que había un baile de palabras que non existía en ningunha outra.
Domingo. Outra proba. A andaina pola Costa do Morrazo. Barco grande. Cheo. Alcalde recibindo os pasaxeiros. Chegada. Inicio da ruta. Sol. Calor. Xente nova coa que tratar. Agradable. Outra vez auga. Pero esta vez de mar. Azul. Ondeante. Frío. Presente durante todo o camiño. Compañeiro murmurante. Son agarimoso. Area amable e receptiva cara ao gran grupo. Paxariños do Morrazo que nos acompañaron aos que repetimos na península. Isa, monitora de sorriso engaiolador. Tenue e sensible. Boa xente... Volta ao barco. Un refresco coas miñas amigas, e, a casiña. Co pouquiño que a pisei estes dous días, deime conta do acolledora que é. Claro que as dúas mozas que atopei dentro, son... tan maravillosas coma a súa nai... Non... Máis!
Non me vou esquecer de darlle a benvida ao meu novo seguidor. Gracias, Alberte. Non sei se merece a pena todo o que verto aquí. Pero, o que sí é seguro, é que o fago utilizando a cabeza e o corazón para que estas palabras agarimen os ollos dos receptores. Non sei se sempre o consigo. Agora, tentalo... Tento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario