Hoxe conmemoramos o aniversario da II República Española. Exactamente, 80 anos. Un día coma hoxe do ano 1931, consolidouse o sistema republicano en substitución da monarquía.
Con ela, chegaron cambios, tremendamente esperados por uns, temerosamente recibidos por outros. Desde o meu punto de vista, unha época fructífera, pois os avances máis importantes tiveron lugar no sistema educativo e no agrario.
Galiza, tamén foi partícipe das modificacións, aínda que non houbo tempo de levar a cabo algún dos cambios pertinentes.
No 1932, unha asamblea rexional de municipios galegos, aproba unha proposta de Estatuto de Autonomía, que foi sometido a plebiscito 4 anos despois, no 1936. Este proxecto, foi entregado nas Cortes o 15 de xullo de 1936. Alí, é admitido a trámite no ano 1938, pero non é rexeitado nin aprobado.
Non podo deixar de preguntarme que sucedería se a República non se vise quebrada pola dictadura do señor Franco. Xa sei que falar do que puido ser é non foi, é traballar con conxeturas, mais, eu estou segura que ese oscurantismo que vivimos nas nosas Letras e na nosa sociedade en xeral; ese servilismo que se estendeu pola nosa terra;
ese atraso nas infraestructuras, na sanidade... non sería tal.
Seguriño que eu non tería que saúdar de brazos cruzados a aquela mestra que nos obrigaba a comunicarlle en forma de saúdo que eramos as súas servidoras. Nin ter que repetir todo o día que España era Unha e Grande. Ou que o excelentísimo señor... palabra que a min me costaba moito pronunciar pois só estiven con aquela muller ata os oito anos, era o benefactor das nosas vidas. Aqueles gardas civís que metían máis medo ca outra cousa, aqueles curas tan seguros de ser autoridade en todas as circunstancias, aquela Semana Santa de Telapaixón... E iso que eu apenas vivín os derradeiros coletazos, ou sexa, case nada.
Non teño nada en contra da Familia Real. Tan altos, rubios e guapos. Falan un montón de linguas e xa se xuntan con persoas de sangre vermella... Pero, as cores da bandeira republicana combínanme mellor, e o himno... esa música tan leda a que non fai falla engadirlle letras desas de "Franco, Franco, que tiene el culo blanco"...
Non sei se quero dicir máis nada, cada un que pense o que queira.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario