lunes, 11 de octubre de 2010

A estrela fugaz

Hoxe é un día especial para min. Porque cando cheguei a un colexio calquera onde desenrolo o meu traballo, tiven o pracer de observar as estrelas. Isto non é máis ca un feito común nas mañáns despexadas. O mellor, foi o espectáculo visual que ofreceu ós meus ollos unha delas. Esa, a estrela fugaz.
Facía moitos anos que non contemplaba esa fuxida a ningún lugar dun deses astros. Remonteime os meus anos infantís, cando polas noites xogaba as adiviñas, tratando de atopar a Osa Maior, A Osa Menor, A Estrela Polar... E, de vez en cando, máis a miúdo ca menos, algunhas delas movíanse polo Universo. Coma se pretendesen xogar as agochadas ou tivesen que emprender unha viaxe urxente polo ceo.
Miña irmá ensinoume que, cando vias unha delas, debías ser áxil e pedir un desexo. Pero o feito de hoxe aconteceu tan de súpeto, que o meu cerebro paralizouse, e o meu espíritu retornou ata aquela aldea de algún lugar. Non fun quen de construír unha petición. De xeito que, se aínda se me permite, fareina agora... ¡Desexo atopar esa estrela que fuxiu esta mañá, observar a súa guarida e recrearme no seu escintilar!

No hay comentarios:

Publicar un comentario