sábado, 30 de abril de 2011

O poder da palabra escrita.

Hoxe vou usar este blog para felicitar a unha rapaza cuxo esforzo tivo recompensa. Pero, tamén vou agarimar coas verbas deste texto a unhas mestras que loitan cada día para que o feito de expresarse en galego sexa un dereito o alcance de todos.
Cando comecei a escribir neste espazo, fíxeno en castelán. Foi así porque eu tamén fun unha vítima da chantaxe emocional que supuña falar a túa propia língua. Por iso, o meu apego a escritura, desenvolveuse nese idioma case sempre. Mais, despois pensei que o español non está en perigo de desaparecer en ningún momento, mentras que o noso galego, pode quedar restrinxido a unha anécdota, se non o coidamos.
De todos os xeitos, hoxe é día de celebración. Porque Antía conseguiu acadar un segundo premio nun concurso literario. Un concurso que lle recomendou unha profesora do seu instituto. Un concurso en galego e para Galicia.
Foi un traballo feito con esmero. Ela soubo mesturar nun texto a máis pura tradición galega ou doutros lugares do mundo coas novas tecnoloxías. As mestras do departamento de Galego do instituto, apoiaron o relato coas súas valoracións tras ler a obriña. Por tanto, elas tamén son protagonistas por empurrar a vocación dunha alumna. Pero, son asimesmo, por seguir sostendo a vela dun barco que ás veces recibe demasiado vento en contra para poder seguir navegando... Enhoraboa polo éxito compartido!

miércoles, 27 de abril de 2011

Letras de auga e de xabón.

Hoxe puidemos escoitar en tódolos telexornais unha desas novas amables. Das que non fan arrepentirse de pertencer a sociedade mundial. Trátase da lavandería de Manhattan, onde dúas escritoras, Emily Rubin e Lisa Ferber, decidiron poñer en práctica unha nova modalidade de lectura. Consiste en ler fragmentos cortos da súa obra, ou en ocasións de Homero Nebble, un coñecido escritor neiorkino. Con esta acción, pretenden suavizar a espera que produce a máquina mentras realiza o seu traballo, e, ao mesmo tempo, endozan os oídos daqueles que gozan coas palabras enfiadas e contadas en forma de historia.
Son pequenas iniciativas, provintes de grandes ideas. Un sistema de troco perfecto. As que escriben, disfrutan difundindo a súa obra, ou transmitindo a de outros. Os que escoitan, reláxanse e, tal vez divulguen, a información literaria que lles chegou cando só esperaban atopar... contínuas visitas ao reloxo.

martes, 26 de abril de 2011

A máquina de escribir... unha máquina de escribir.

No telexornal de hoxe fixeron mención a unha nova sobre as máquinas de escribir. Dicían que máis que nunca, agora comezan a ser historia, pois a última fábrica india que aínda comercializaba estes artiluxios, pechou.
Eu sigo sendo unha incondicional destes aparellos. Non é que continúe escribindo con elas, cousa que fixen moitos anos, senón que me sigue engaiolando ese son rutinario das súas teclas. Ese tac, tac, tac, que non é o mesmo para cada letra. Polo menos, iso é o que observas cando a usas diariamente.
De feito, na miña casa conviven tres modelos distintos de máquinas de escribir. Unha Olivetti portátil, unha Olivetti eléctrica e unha Olivetti antiga, das negras do ano 1939. Esta última, repousa sobre unha mesa na entrada do meu salón. E, para min é considerado un dos obxectos con máis valor sentimental da miña vida.
Na tenda de segunda man onde foi mercada, aconsellaban restaurala e pintala de novo. Mais, eu decidín que non fose así. Malia que os seus anos están dabondo reflectidos no seu exterior,isto non fai senón confirmar a historia da que foi testigo, coma a experiencia que expresan as enrugas na faciana dunha muller. Cando reparo nela con detemento, sempre recreo algún anaquiño de vida ficticio, ou non tanto. Por exemplo, canto amor transcurriría polos dedos dalgunhas das persoas que materializaron este sentimento nun papel gracias a este aparello?, cantas novas da guerra civil ou da II Mundial se transmitirían a través dos seus contundentes toques?...
Eu só sei que cando esta Máquina chegou o meu fogar, trouxo con ela un anaco de pasado. De seguro que contén bágoas, risas, dor, medo... amor.
Agora atópome batendo nas teclas dun ordenador, mais nos meus oídos retumba o son dos pálpitos de reliquia que preside un lugar de honra na miña casa.

lunes, 25 de abril de 2011

Falando de nais...

En primeiro lugar, e dado que se achega o "día da nai", que eu substituín en algún momento polo día "da non nai", xa que son nai todos os días da miña vida, e... ese día tamén, aínda que procuro selo un pouco menos, dicir que é un estado tan emocionante, que non te aburres nunca.
Porque eu penso que hai varios tipos de nai. E, todas elas respetables absolutamente para os seus fillos. Mais, o ideal é que todas nos acheguemos, ou polo menos, tentemos achegarnos o concepto absoluto. Eu distingo varios tipos:
a) A nai mestra: Esta é ese tipo de muller que pasa o día poñendo normas os fillos e tentando que as cumplan. Poucas veces incita ós nenos a asumir as ordes con amabilidade, senón que pasa o día facendo de poli malo.
b) A nai veciña: Con perdón das veciñas, porque está mamá é das que se relaxa máis da conta. Vamos, coma se fose unha veciña que queda encargada do neno do lado, e o único que desexa é que non lle fastidie a telenovela.
c) A nai dependente: É aquela que ameaza de seguido con contarlle as cousas o pai. Así que os fillos esperan que cando chegue o xefe, veña canso dabondo para non ter ganas de escoitar o polo menos de castigar.
Pero, por sorte, eu penso que a maioría delas son NAIS. Sen adxectivo. E a cada pouco tócalles facer de mestras, de enfermeiras, de compañeiras de xogo, de psicólogas... E, ata de veciñas.
Eu pretendín todo o tempo ser unha mamá a secas, pero... Non me toca a mín xulgarme. Espero que o conseguise. Desde logo, escoitei moitas historias, xoguei a cousas inimaxinables, fixen step cos libros da enciclopedia, impartín clases particulares moitos días, case asistín a todas as estreas da factoría Disney, durmín cos ollos abertos nos días de febre, participei en desfiles de modelos do máis variopinto... e seguro que algunha vez... fixen de veciña.

domingo, 24 de abril de 2011

Onde está o salvavidas?

Xa sabedes que voltei onte de Barcelona. Pois agora vou falar da viaxe de volta. Imos alá con un pouquiño, non, un bo anaco de humor.
A verdade é que teño a sorte de non ser demasiado aprensiva en certas cousas,que senon... Ou sexa, que estou aboada a quedar pechada no ascensor e por espacios de tempo longos de abondo, media hora, tres cuartos de hora ou vinte minutos... das tres veces que me lembro. E, digo eu, que entón os da compañía aérea máis económica do entorno, deberon dicir: "Imos por un pouquiño de emoción na viaxe, que vai María..."
O caso é que, despois de levantarme as 4 da mañá, pois o avión despegaba do Prat as 7:50 h., e cando xa estabamos cómodamente instalados os pasaxeiros, o piloto informounos de que tiña malas novas, xa que, debido a unha restricción aérea, non podiamos despegar ata as 9:30h. De seguido, fixo unha nova intervención para comunicar que conseguira que nos adiantaran a saída as 8:45h. Cando xa tiveramos o espectáculo da mímica das azafatas, o avión comezou a moverse, e nós a percibir un lixeiro cheiro a queimado. Pero, entón, a xefa das tripulación de cabina, chamada Amanda, entrou polo corredor, tal coma un cabaliño de Atila, colleu o aparello telefónico polo que nos transmitían información, e dixo tan chea e con aquela cara de "Que pinto eu aquí?": "Os salvavidas están enriba das súas cabezas..." Máis nada ca iso. Eu mirei para o resto do pasaxe, e, coma min, todos con ese xesto de "eu non fun". Despegamos, aínda que o avión a min lembrábame a un autobús que facía a liña o meu pobo. Se te descuidabas, ata chovía dentro. Desde logo, debaixo dos meus pés movíase algo, e o tren de aterrizaxe, parecía un tren deses antigos de vapor, que case parecía que tivesemos que axudarlle a baixalo a man.
Ai, que magoa! Conteivos isto, e, agora se sodes medosos... Pois nada diso! Que che pode pasar? que se lle rompa algo mentras voas e... Pero, xa escoitaches, ou máis ben xa ollaches o que representaron as e os azafatas/os. Se che da tempo polo en práctica e xa está. Que parvada! Pero se case nunca pasa nada...!

sábado, 23 de abril de 2011

Ola, Vigo!

Vaia, vaia, vaia! Cinco diíñas que pasaron sen pausa, pero con gloria. Si, porque voltar a Barcelona e atoparme con Tina, Manuel e Minaya foi xenial. Pero vivir Barcelona coma nunca o fixera en ningunha das outras ocasións... deixoume unha sensación de plenitude total.
Ás veces, nas viaxes facemos o uso do tópico. Ou sexa, visitar os lugares emblemáticos que xa coñecemos vía prensa, internet ou a través de libros perfectamente ilustrados. Claro que é fantástico acudir a eses sitios, pero unha cidade é máis ca iso. Unha cidade é a súa xente, a súa maneira de vivir, de pasear, de comprar, de comer...
Nesta ocasión, eu vivín de primeira man, con anécdotas incluídas, moitas desas situacións. Paseei polos barrios máis antigos de Barcelona. Puiden observar as pequenas tendas, cuxas persianas están decoradas con uns grafitis artísticos maravillosos. As rúas estreitas,os bloques adornados con aquelas balconadas, que, mesmo parecen linguas que asoman das moitas bocas dos edificios para xuntarse e pechar así os estreitos calexóns gardando un segredo inmenso.
Claro que, ata eu adoecía por entrar naqueles mercados tan fermosos e facerme con algunha das viandas que se expoñen alí dentro. Dun deses lugares, saíu a butifarra de ovo que provei e quedei gratamente sorprendida polo seu sabor. Tanto, que me agasallaron con algunha para degustar na miña terriña. Mais, nestas datas, os escaparates das panaderías cheíños de monas de pascua, fan do chocolate unha arte cunha fin agarimosamente dixestiva.
As Ramblas floridas, máis floridas onte, pois xa estaban tomando posicións as rosas que hoxe habían de ser protagonistas xuntos cos libros. Que mágoa que a volta houbera de ser xustamente hoxe, no marabilloso día da cultura catalana, pero xa sabemos o que teñen certas compañías aéreas.
Desta viaxe, trouxen unha palabra nova. Entre as moitas da lingua catalana que eu tentei absorver, atopei unha que me agradou moito. Nada que ver coa súa traducción ao español ou ao galego. Trátase de "Julivert". Ou sexa, perexil para nós. Non me negaredes que en catalán a pranta tornase máis fermosa.
Agora, todas as cousas son mellores se os seres humanos que as rodean teñen encanto. E, claro que tamén coñecín persoas en singular. Aparte das tres que nomeei no comezo, e de Felip que foi tamén un grande anfitrión, gardei no meu corazón e na miña caluga, tres sorrisos, tres maneiras de falar que rescato do anonimato.
O primeiro, un home, que volto a pedir perdón, pero non me lembro como se chama. Non importa, recordo a súa cara amable, a súa conversa amigable e o seu bar, todo decorado con aparellos de radio moi antigas. Tiña máis de trinta, colocadas estratéxicamente polo local. Non importa o nome, porque o bo trato que tivo conmigo foi inmellorable. Así que un pouquiño do espírito galego de aquel home, viaxou conmigo.
Tampouco coñezo o nome daquela muller da tenda de revelado de fotografía, pero podería ser "encantadora". O noso primeiro contacto tivo lugar cando ela se dirixiu a min en catalán e eu tentei adiviñar o que me dixera. Entón disculpouse, pero non había lugar para disculpa algunha. A partír de aí, comezamos unha conversa, non demasiado longa, pero moi produtiva.
E, deixo para o fin a Montse. Sorprendentemente, coñezo a seu nome. Pero sorprendida quedei eu coa súa personalidade tan abraiante. Con ela interambiei tantas palabras en poucas horas, que penso que ata debaixo da auga poderíamos seguir falando en vez de afogarnos. Síntoo polo resto de comensales, aínda que creo que a nosa conversa era moi interesante para todos. A imaxe que me reflectiu Montse, é a dunha muller que non ten anos, senón que ten experiencias. Non vive, senón que disfruta. É fabulosamente independente, pero grandiosamente nai e avoa. Unha muller cheíña de saber, que non de coñecemento... Absolutamente engaiolante. Espero verte pronto. Porque seguro que podo aprender de ti unha chea de cousas.
E quero adicarlle a Tina o fin deste comentario de hoxe. Xa sabes o que penso de ti. Porque non hai ningún mal que poida romper un espíritu xeneroso coma o teu. Se acaso, pode ralentizalo, mais, apagalo... nunca.

domingo, 17 de abril de 2011

Positivismo

Para min, xa comezaron as vacións da Semana Santa. Hoxe, tomarei o tren da primeira hora da mañá cara a Santiago, para dirixirme o aeroporto, en dirección a Barcelona. Non tiña pensado saír de Vigo nesta ocasión, pero a miña prima Tina, decidiu que o meu lugar nestes momentos está alí, durante cinco días. Espero que intensos, pois penso que ela xa se encargou de elaborar un programa ben compretiño.
De todos os xeitos, non importa se é alá ou aquí, ou onde queira que transcurran. Non importa tampouco a que nos adiquemos nestas datas. O mellor, é que saibamos positivizar cada pequena ou grande cousa que fagamos. E, se un destes días non resulta ser tan fabuloso como tiñamos pensado, imos pensar que o seguinte será mellor.
Noutronte, non tiven unha mañá perfecta, que digamos no meu traballo xurdiu un enfrontamento que se produce de vez en cando da boca da mesma persoa, que sempre consigue alterarme. O chegar a miña casa, atascouse a lavadora, coa conseguinte auga por todo o chan, desmontaxe de todos os filtros habidos e por haber, desprazamento da máquina que pesa un montón... E, para rematar, a fruta recén comprada que estaba dentro do fruteiro esparcida por todo o solo. Entón, pensei... "Isto é unha proba. Pero o meu día vai rematar ben, vai rematar ben..." E rematou ben. Así que divertídevos coa choiva. Analizade o son que produce cando cae sobre o paraugas. Máis forte, máis suave. Se tomades un café, reparade no que hai o voso arredor. Xente, alegre, deprimida, persoas que se superan, persoas que se deixan vencer por calquera cousa. Entón, decidide de que grupo queredes ser. Eu apúntome a vivir... Comezamos por un sorriso.

jueves, 14 de abril de 2011

O que puido ser e non foi.

Hoxe conmemoramos o aniversario da II República Española. Exactamente, 80 anos. Un día coma hoxe do ano 1931, consolidouse o sistema republicano en substitución da monarquía.
Con ela, chegaron cambios, tremendamente esperados por uns, temerosamente recibidos por outros. Desde o meu punto de vista, unha época fructífera, pois os avances máis importantes tiveron lugar no sistema educativo e no agrario.
Galiza, tamén foi partícipe das modificacións, aínda que non houbo tempo de levar a cabo algún dos cambios pertinentes.
No 1932, unha asamblea rexional de municipios galegos, aproba unha proposta de Estatuto de Autonomía, que foi sometido a plebiscito 4 anos despois, no 1936. Este proxecto, foi entregado nas Cortes o 15 de xullo de 1936. Alí, é admitido a trámite no ano 1938, pero non é rexeitado nin aprobado.
Non podo deixar de preguntarme que sucedería se a República non se vise quebrada pola dictadura do señor Franco. Xa sei que falar do que puido ser é non foi, é traballar con conxeturas, mais, eu estou segura que ese oscurantismo que vivimos nas nosas Letras e na nosa sociedade en xeral; ese servilismo que se estendeu pola nosa terra;
ese atraso nas infraestructuras, na sanidade... non sería tal.
Seguriño que eu non tería que saúdar de brazos cruzados a aquela mestra que nos obrigaba a comunicarlle en forma de saúdo que eramos as súas servidoras. Nin ter que repetir todo o día que España era Unha e Grande. Ou que o excelentísimo señor... palabra que a min me costaba moito pronunciar pois só estiven con aquela muller ata os oito anos, era o benefactor das nosas vidas. Aqueles gardas civís que metían máis medo ca outra cousa, aqueles curas tan seguros de ser autoridade en todas as circunstancias, aquela Semana Santa de Telapaixón... E iso que eu apenas vivín os derradeiros coletazos, ou sexa, case nada.
Non teño nada en contra da Familia Real. Tan altos, rubios e guapos. Falan un montón de linguas e xa se xuntan con persoas de sangre vermella... Pero, as cores da bandeira republicana combínanme mellor, e o himno... esa música tan leda a que non fai falla engadirlle letras desas de "Franco, Franco, que tiene el culo blanco"...
Non sei se quero dicir máis nada, cada un que pense o que queira.

miércoles, 13 de abril de 2011

Unha actitude moi nobre...

Hoxe fun moi afortunada, pois presenciei en vivo e directo un acto de gran catadura moral.
O feito tivo lugar na xestoría onde eu acostumo a arranxar os asuntos burocráticos. Dirixímme ali para solucionar un papeleo. A xestora, ROSA, estaba ocupada cuns clientes. Tal vez vos chame a atención que destaque o nome da muller en maiúscula, pero xa veredes por que.
Na oficiña atopábanse tres homes negros. Según puiden saber despois, do Senegal. Rosa estaba cubrindo a declaración da renda dun deles. Enseguida entablamos conversa. Iso despois de que os homes me ofrecesen os asentos que ocupaban e me axudasen a descargar o maletín e algunha outra cousa que eu levaba. Coñezo perfectamente a esta muller e sei bastante da súa xenerosidade. Así que, non me estranou demasiado que se implicase moitísimo aconsellando a aquel home a mellor solución para pagar o importe que lle esixía o ente gubernamental. Pero, o que me deixou asombrada, foi cando lle dixo que o traballo que acababa de levar, e non foi pouco, era de balde. Ou sexa, que lle saía a xestión gratuita. O home deulle as grazas e díxolle que en canto poidese pagaríallo...
Polo tanto, eu que estou acostumada a que a xente me vexa de modo raro porque teño unha actitude xenerosa, ou porque dou as grazas, ou porque saúdo cando entro nun lugar... tiven o impulso de felicitar a Rosa pola súa acción. Porque penso que hai que utilizar as palabras para alabar as persoas cando o merecen. Iso non nos fai máis vulnerables como pensan algúns. Nin nos empobrece. Nin nos debilita. Todo o contrario, engrandécenos como persoas. Seguro que deberiamos practicar máis a miúdo o deporte dar, para obter como resulta o disfrute de recibir.
Es xenial, Rosa. E, aínda máis despois de que me contestases que adoptaches esa actitude despois de ver moitas inxustizas no teu traballo.
Mañá, Antía e máis eu, mercaremos "pastillas para el dolor ajeno" na botica. Pero, mañá, agradeceremos á xente coma Rosa que traballe en prol dos outros desinteresadamente. Mañá haberá un sorriso, un bico, e, tal vez un euro para a señora que pide na rúa. Mañá sentarei no colo a un neno ou nena que se sinta soíño. Mañá voltarei a dicir bos días cando entre nalgún establecemento público para que moitos se volvan con cara de... De que?

martes, 12 de abril de 2011

Feliz aniversario, Antía

A partir de hoxe, xa non fará falla que eu firme ningunha autorización no seu nome, nin que sexa a súa responsable civil ante calquera incidente. Xa poderá sacar o carné de conducir cando o desexe ou realizar unha viaxe o estranxeiro sen permiso materno. Porque xa é maior de idade.
Claro que, legalmente rómpense moitos lazos chegados os 18 anos. Pero, os que seguro non rachan, son os do corazón. Porque Antía, é grande en sentimentos. E, a bo seguro que a partir de agora, será máis consciente da importancia do amor na vida das persoas. Aínda que é complicado que unha persoa que quere tanto, queira mellor.
Creo que todos lle demostramos con agarimos diarios o que a queremos, pero, se aínda existise algunha dúbida... Querémoste, Antía! Nunca perdas ese sorriso que levas sempre contigo!

lunes, 11 de abril de 2011

Trepidante.

Unha fin de semana absolutamente intensa. Un venres de tarde compartindo segredo coa miña filla maior(creo que hai alguén que cumpre mañá). Despois, departindo cunha amiga sobre un proxecto interesantísimo...
O sábado, camiñata con ambiente escolar. Comezamos a andar guiados polo discurrir daquel río. Acompañados do murmurio que desprenden as augas fluviais, os cales se tornan as veces en ruxidos tímidos, outras, en música contundente. Canta xente pisaría aqueles camiños ascendendo co lombo castigado polo peso do saco de millo! Porque a súa meta, era o muíño. Con sorte, o primeiro. Senón, sería o segundo, o terceiro ou calquera dos outros. Aqueles corpos curtidos no traballo do campo ,obrigados a botar man daqueles aparellos que aparecían expostos no camiño. O arado manual, ou o outro máis innovador que vai enganchado nas bestas. Depositando as sementes naquela sementeira para despois recoller os froitos da colleita e transportalos no carro de madeira, onde, dúas vacas ou dous bois, unidos polo xugo do poder humano, tiraban a vez para mover os moitos kg. de peso que acarrexaban. Augas transparentes, frías, e, unha fervenza que, animosa, invitounos a uns cantos membros do grupo a seguir na busca da súa predecesora, cara arriba. Os máis cativos, e os seus proxenitores, debido á perigosidade do terreo, abandoaron. Os demais, créndonos Indiana Jones ou algo similar, tentamos coroar o cumio, mais, a nosa solidariedade cos compañeiros(quedamos a unha hora determinada con eles) ou algo así... non nos permitiu continuar...Que solidarios!
Despois, o xantar no Lago Castiñeiras. Fame e frío... Pero, había unha casa grande de pedra, un bar instalado nela, e... un café quentiño, que... fixo de acubillo temporal, perfecto para reparar forzas e, disfrutar da posterior visita guiada polo parque natural. Un guía fenomenal que nos volveu concienciar a todos do coidado que precisa a natureza. "Non se pode tirar nada que non tirarías no teu tapete". "Non se pode coller nada do que vexas". A verdade é que a min, alguén me regalou un trébol de 4 follas. Non te sintas culpable. Fixéchelo porque me queres ben, e estou segura de que me vai encher de sorte.
Unha maravillosa noite de teatro foi o cumio do día. Gracias, Cándido Pazó. Es xenial. Gracias tamén a Flori, María e Alberte. Disfrutei moito con vos naquela sala branca da cafetería. Toda branquiña, con aqueles camareiros tan ríxidos. Nunca entrara alí, e, sempre o pasar me lembraba de Valle Inclán(Luces de Bohemia). Un ambiente... perfecto na nosa mesa, onde seguro que había un baile de palabras que non existía en ningunha outra.
Domingo. Outra proba. A andaina pola Costa do Morrazo. Barco grande. Cheo. Alcalde recibindo os pasaxeiros. Chegada. Inicio da ruta. Sol. Calor. Xente nova coa que tratar. Agradable. Outra vez auga. Pero esta vez de mar. Azul. Ondeante. Frío. Presente durante todo o camiño. Compañeiro murmurante. Son agarimoso. Area amable e receptiva cara ao gran grupo. Paxariños do Morrazo que nos acompañaron aos que repetimos na península. Isa, monitora de sorriso engaiolador. Tenue e sensible. Boa xente... Volta ao barco. Un refresco coas miñas amigas, e, a casiña. Co pouquiño que a pisei estes dous días, deime conta do acolledora que é. Claro que as dúas mozas que atopei dentro, son... tan maravillosas coma a súa nai... Non... Máis!
Non me vou esquecer de darlle a benvida ao meu novo seguidor. Gracias, Alberte. Non sei se merece a pena todo o que verto aquí. Pero, o que sí é seguro, é que o fago utilizando a cabeza e o corazón para que estas palabras agarimen os ollos dos receptores. Non sei se sempre o consigo. Agora, tentalo... Tento.

viernes, 8 de abril de 2011

Anacos de vida.

A vida non deixa de ser coma un pachwork. Ou sexa, está composta de pequenas probas, de probas tremendas, de cousas insignificantes, de grandes cousas. De persoas que pasan, de persoas que permanecen, e de outras... que aparecen.
No collage da miña existencia, porque tamén se podería representar así, hai variedade. Hai cor, hai flores, raias, branco, gris...negro.
Coma todas as vidas. Coma cada vida, a miña sofre todo tipo de climatoloxía. Calor, frío, ventos, furacans, choiva melosa, saraiba violenta, neves perennes, nevadas pasaxeiras que deixan fermosos monecos de neve que alguén decide moldear. Porque por esta circunstancia vital, ten pasado moita xente. Mais, eu prefiro cando veñen a poucos, a modo de persoa e non de pelotón. Seres interesantes entraron a formar parte do meu mundo particular. Eses que che demostran que ser xeneroso provoca correos de xenerosidade. Que che poden vir de Oliva, de Carmen, de Rosa, de Gracia... Perfecta a derradeira palabra para un remate inmellorable...Gracias.

jueves, 7 de abril de 2011

Unha patoloxía... unha película.

Case dúas horas de película. Un tempo que transcorre na marabunta das palabras. Unhas palabras que non queren saír, ou que fluen cunha virulencia extrema.
O film serve para adentrarse nun mundo que,non descoñecemos por proximidade, senón pola actitude que deberíamos manter ante as persoas que padecen un tatexo constante. Un problema que se agranda cando o suxeito comeza a diminuír a súa autoestima pola imposibilidade de comunicarse. Ou polo menos, de facerse entender sen situar o seu opoñente nunha circunstancia dificultosa.
Ese era o problema do rei Xurxo VI. O pai da actual raíña do Reino Unido. Un home víctima da educación fría e conservadora da monarquía daquel país. Sucesos desagradables que se manifestaron en forma de palabras atrancadas constantemente na gorxa. A obriga de levar plantillas para endereitar as pernas noite e día. A modificación traumática do uso da diestra pola siniestra. E o maltrato físico e psicolóxico fixeron del un rapaz inseguro. Un home incapaz de enfrontarse a tradución oral dos seus sentimentos. Un rei atemorizado por ser lembrado polo pobo coma o "Monarca tatexo".
A aparición na súa vida dun actor fracasado, experto en dicción,moi manido na arte de axudar as persoas a liberarse do caos mental que supón a incapacidade de dar saída as ideas xurdidas no circuíto cerebral, representa un cambio de actitude. Significa a xenreira duns que non agardaban que poidese gañar a carreira de obstaculos de palabras que supuxo a súa estrea como orador radiofónico. E, representou a ledicia dos que estiveron o seu carón constantemente. Mirándolle aos ollos, sen negar o problema, pero axudándolle a superalo.
O actor que encarna ó mestre, impecable. Os dous protagonistas remontan o tempo sen que o espectador perciba a duración. Os xestos, as miradas... os silencios... Que tremendos os silencios impostos!

miércoles, 6 de abril de 2011

Luís Tosar

Se me preguntas que actor español ou galego é o meu preferido, eu respóndoche: Luís Tosar.
A grandiosidade de este actor, radica na súa sinxeleza. Porque Tosar é autodidacta. Tal vez esa sexa parte da súa humildade. Cando un se forma a sí mesmo, adquire seguridade, moldea o seu propio talento ata conseguir o resultado desexado. Non te avala ningunha escola. Por iso, se non arrancas, ti es o culpable. Pero, se triunfas, ti es o heroe.
Hai outra xente que cunha traxectoria menos brillante, pretende acaparar toda a escuridade para que resalte o seu refulxir máis ca ningún outro. Tosar, en cambio, escintila máis ca ninguén nun ceo cheíño de estrelas.
A violencia de Mala Madre, non desvirtúa a xenreira dun parado dos asteleiros. O maltratador de "Te doy mis ojos" non consegue borrar a sensibilidade do cantante da rúa en "18 comidas". E, que dicir de "Y también la lluvia". Neste film, pasa dun rexistro o outro convencendo absolutamente.
Sen dúbida, este galego de pro, un dos representantes da Plataforma Nunca Máis, lugués de oficio e beneficio, transmisor indiscutible da beleza do Casco Vello vigués, amigo dos seus amigos, e persoa sempre disposta a votar a man os colegas que se embarcan en pequenos proxectos,tal coma a película que se estrea mañá en versión galega: "Os Krevinsky", leva unha etiqueta de calidade... "Calidade humana de primeira orde".

domingo, 3 de abril de 2011

Risas virtuais

Eu son unha aboada o sorriso. Gústame rir, aínda que non son quen de facelo perennemente. Pero iso debe ser algo que lle acontece ao máis pintado. Agora, se hai algo que de verdade se me resiste, é a risa virtual. Quero dicir que, son incapaz de usar esa onomatopeia. Para aqueles que descoñezan este termo, explicar que a onomatopeia, é a transcripción de certos sons con letras ou palabras. Ou sexa, que me nego a escribir "ja,ja,ja" para demostrar que o que digo é para rirse. Porque supoño eu que polo ton que utilice, xa se sabe se estou de broma ou non.
Vamos que, nin ja, nin je, nin ji... nin sequera estou certa de que sexan eses os sons exactos que transcriben ese estado tan delicioso.
Porque cada risa é un mundo. E un mundo non se pode encerrar nunha sílaba, nin en dúas.
A risa é etérea, confúndese co vento e recréase no berce da lúa minguante ou refléxase na lúa chea. Non pode estar presa nas redes de ningunha máquina.

viernes, 1 de abril de 2011

E mira que hoxe estou anoxada...

Pois sí. Hoxe non foi un día malo nin bo. A verdade é que recibín un par de novas que non me fixeron moita gracia, nin tampouco me provocaron depre, pero bueno... Un dos meus pequenos, xustamente o máis pequeniño, sufriu unha caída na hora de recoller, e, pensei que se mancara de verdade nunha man, pero ao final, non foi nada. Menos mal. Sería a primeira vez en moitos anos que me acontecese algo así, aínda que cos rapaces xa se sabe... E, para rematar, cando me atopaba pola tarde colocando a compra na miña casa, caiume na cabeza un cacharriño, a caixa dos pauciños de dentes, e... a miña filla riuse!
Agora, iso si, o peor do día, foi a carraxe que tiña gardada desde que onte escoitei o home ese que cando ve a Rajoy, imaxínase el mesmo coma vendedor de alfalfa. Ou sexa, que o considera un burro. Pero, claro, un burro con denominación de orixe. Orixe galega. Porque para el, somos unha manada. E, non se engana moito, porque para ter aquí gobernando o seu secuaz, que toma coma un halago as declaracións do suxeito, é a imaxe que transmitimos. Aínda que polo meu gusto non están aí. Que quede claro. Pois eu teño unha mensaxe para todos aqueles que coma o señor Aznar, (ou era Ánsar?), consideran aos galegos pouca cousa, os que, para eles, que cren tanto en Deus, lle enchen as igrexas no día da Festa, teñen a catedral de Santiago no seu territorio, marchan correndo as manifestacións da familia a Madrid, mándanlle para alá a Rouco Varela, e paralizan unha cidade porque chega o Papa. Mais, cal é o Mandamento que di "Non cometerás falso testimonio nin mentirás"? Debe ser algo parecido. Pois estes sáltano todos os días. E mira que contentiños andan por ahí, ríndose dos que lles votan masivamente! Para que te fastidies, Aznar. Son galega. Tiven pais galegos, avós galegos, fillas galegas, amigos e amigas galegas, falo galego... E non voto ao P.P.!