viernes, 17 de diciembre de 2010

A piques de estrear...

Xa case non falta nada. Con un pouco de sorte, o vindeiro luns levaremos a cabo o ensaio xeral da obra de teatro, na que levamos traballando os nenos e máis eu desde outubro. Moi pouco tempo, tendo en conta que, no medio tivemos días non lectivos, e que só contamos con unhas tres horas semanais para os ensaios. Se todo nos vai ben ese día, enfrontaremos a estrea do martes con máis folgos. Se non fose así...Mellor non pensar niso.
A obra da que falo, ten por título "O arco da vella". Hai anxiños, mais non son uns seres sobrenaturais o uso. Éstes teñen ás, pero tamén son rockeiros, rapeiros, ou punkis. O seu xefe, leva traxe e garabata, pero ten ás, e moi mal carácter. Hai outros dous anxiños pequenos, éstas do xénero feminino. Visten de morado unha e de verde a outra. E advírtovos que son xeniais. Ademáis está o policía e o bombeiro. Personaxes interpretados por nenas, que bordan a personaxe. Claro que neste rebumbio de seres divinos e humanos, falta o máis diabólico deles: O Demo. Como non tiñamos actores dabondo para interpretalo, tocoume a mín. De calquera maneira, non é a primeira vez que fago de directora e intérprete a un tempo. En fin...
A historia vai de que os tres anxos travesos, deciden facer desaparecer o arco da vella para non ter que limpalo. E, despois do desenlace, agárdanos un final moi musical, pois usando de banda sonora o tema "Over the rainbow", que se traduce "Sobre o arco da vella", lanzamos mensaxes de carácter pacifista.
Estou agardando que chegue o momento, aínda que estou atacada dos nervios, coma cada vez que me enfrento a unha estrea ou calquera cousa que esixe toda a miña atención e responsabilidade. A verdade, é que concordaron moitas cousas na miña vida neste intre. Moitas delas non demasiado boas. E isto fai que o meu estado anímico se debata entre o pracer de disfrutar da miña paixón, o teatro, e o temor de que fallen cousas e todo se bote a perder.
O que conta, en todo caso, é que os meniños disfruten e aprendan a un tempo. Hoxe atopei a unha mamá que me felicitou porque as súas fillas están encantadas con esta actividade. Polo menos, escintilan estrelas polo camiño...

No hay comentarios:

Publicar un comentario