Non sei se desexarvos Boas Festas, ou sinxelamente non mencionar o tema. A verdade, é que eu, despois do último suceso que narrei onte, e que prexudicou máis o meu maltreito espíritu, sigo esperando que o reloxo, do que teño unha grande dependencia, tictaquee raudo e veloz. Así, xa será un novo ano,soñaremos novos soños, forxaremos outras ilusións, e, todo volverá a ser... como era, ou como será. Uns, atoparán traballo, ou mellorará a súa saúde, ou comprarán unha casa, ou atoparán o amor, ou terán un fillo, ou aprobarán o exame que marcará a súa vida, ou atoparánse con eles mesmos, porque ao mellor estaban perdidos... Outros, engrosarán as listas do paro, enfermarán, venderán unha casa ou se quedarán coas ganas de mercar unha nova, sufrirán desamor, suspenderán exames importantes para o seu futuro, e perderánse, esqueceránse de sentir, de responsabilizarse, de amar, de soñar... todo isto, porque queren ou porque os obrigou unha enfermidade calquera.
Porque un ano novo non é unha fronteira, só é unha continuación da vida que vivimos. Claro que, como esta vai a tramos, se no vindeiro ano nos toca o tramo bo, mellor, senón...
Por ende, eu agardo que nesta etapa que se achega o meu barómetro non sufra variacións tan virulentas coma esta que remata. Na que se sucederon feitos moi bos, acompañados de outras historias fatales.
Por iso, vou vivir este Nadal o mellor que poida. Débollo as miñas fillas. Pero estarei pensando como debe ser o día a día que eu quero. Para mín e para os demáis.
Vou engadir novas persoas ao meu envío de enerxía positiva. Ahí van a estar Adri e o seu papá. Son moi valentes e van aprobar o peor exame da súa vida coa mellor nota. Sentirán máis preto a mamá, aínda que non poidan tocala. Acostumaranse a cheirala, a oíla, a imaxinala...
Para todos os que leades isto, deséxovos que vivades o Nadal como poidades ou como queirades. Non deixan de ser días da vida que nos toca vivir. Vós decidides se queredes que o reloxo galope, ou trote... pero tentade atopar unha estrela escintilando no deslumbrante ceo dunha cidade...
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario