martes, 21 de diciembre de 2010

Estreamos...e... gustamos.

A vida proporciónanos as cousas boas en pequenas doses. Así que, despois de levar dous meses involucrada nos preparativos da obra de teatro cos meus pequenos actores, nos que tiven momentos de moito cansancio emocional debido a asuntos persoais, por fin chegou o momento da estrea. E, o máis importante nestes casos, śon as críticas posteriores, que neste caso foron absolutamente positivas. Agás as dirixidas á megafonía que sempre dá algún problemiña, pero en todo caso, iso non é da miña competencia arranxalo.
Penso que sorprendemos o público cos nosos anxiños rapeiros, rockeiros ou punkis coas súas ás branquiñas. O seu xefe extremadamente cabreado, traxeado e coa súa coroíña na caluga. A policía, enteiramente entregada ao seu cometido. A bombeira, intrépida e desafiante ante os estraños seres sobrenaturais. E as pequenas, anxiños marabillosos, doces e travesas. Do demo non vou dicir moito, porque non me parece prudente xulgalo. O demo, ás veces fai honra ao seu tópico, outras seguro que non. Creo que a maioría delas, non. O demo interpretábao eu mesma.
Desde aquí, felicito a Ares, Álvaro, Adrián, Pablo, Silvia, Dayana, Fabiola e Sabela. Desde aquí, celebro que o teatro forme parte das ilusións de moita xente, que estea presente en moitos colexios, que no cole do que falamos, me elixisen a min para impartir esta actividade. Desde aquí, agradezo a toda a xente que colaborou neste proxecto, o apoio prestado.
Eu son das que tamén digo que "a vida é puro teatro". Pero tamén afirmo que "o teatro é unha forma de vida". Non sei como se vive sen que che guste o teatro, pero co teatro, vívese un pouquiño mellor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario