domingo, 5 de diciembre de 2010

Palabriñas nosas

Somos galegos,e a moita honra. Por iso temos unha lingua nosa. E, unha maneira de utilizala moi particular.
Por exemplo, quen pode dicir con tanto aplomo aquilo de "eu non creo nas meigas, pero habelas hailas". En primeiro lugar, porque as meigas son nosas. Noutras partes do mundo, chámanlle "bruxas", "fadas", "adiviñas"... Mais nada que ver coas nosas mulleres máxicas. Estas son froito do lugar que as viu nacer. Os poderes nacen con elas, porque forman parte da súa propia enerxía.
Podemos crear lendas como a de San Andrés de Teixido, aquela que dí que "vai de morto o que non vai de vivo". Facendo honra a ese dito, fixen eu unha viaxe a ese lugar. Porque a miña avoa, que xa contaba moitos anos, pediume que fora alí e encendese unha vela por ela. A verdade, é que non me importou moito, entre outras cousas porque xa estivera e decidín que era un lugar paradisíaco. Mais iría de bo gusto se fose de outro xeito, debido o motivo que impulsaba a viaxe. Polo menos, ela quedou satisfeita.
Tamén miña avoa repetía constantemente "se queres ser bo, ou morras ou te vaias". Verdadeira esta sentencia. Absolutamente certa. Penso que todos tivemos constancia da súa veracidade nalgún momento das nosas vidas.
Os galegos tamén contestamos con preguntas, berramos para pedir silencio, queixámonos cando chove e pedimos choiva cando fai frío.
Quedamos no currunchiño, xogamos as agochadas, e, de vez en cando, ven un barco negro e inventamos un campo de traballo onde é imprescindible vestir de branco.
Pero tamén temos mestres da costura, políticos no goberno, escritores célebres, periodistas reputados e homes e mulleres que se sinten ... donos do seu presente e capitáns do seu futuro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario