miércoles, 22 de diciembre de 2010

Para ti, Marta.

A lotería invadiu os noticieiros, as rúas, os bares e ata as universidades. Contodo, o mundo seguiu rodando. Eu non fun agraciada pola lotería, cousa que xa tiña máis que segura. Pero recibín unha moi mala nova...
Collín o móbil para que unha mestra do cole onde traballo me comunicase que faleceu a nai de Adrián, un neno que leva asistindo á xornada matutina desde os 3 anos, e agora conta 5. A mamá de Adri, Marta, agardaba dar a luz do seu segundo bebé nas datas do Nadal. O embarazo transcorreu sen problemas maiores e xa se atopaba en Ourense co fillo, pois alí reside a súa familia e a do seu home. Onte foi o día que elixiu o bebé para chegar. Onte foi o día no que Marta perdeu a súa vida.
Non podo deixar de lembrar a súa cara, que observei cada mañá durante os dous últimos anos. Ela era correcta, responsable, agradable, e unha mamá marabillosa. Sempre preocupada porque a actitude de Adrián non causara problemas. Sempre disposta a colaborar en calquera cousa que se lle propuxese. Sempre mostrando un sorriso aberto, cando eu lle comentaba a debilidade que tiña por Adrián, pois era calcadiño a un sobriño meu de meniño. Tan loiros, tan guapos...
Non podo deixar de retroceder uns meses atrás e lembrar a paixón que este neno tiña pola súa nai. E como se lle iluminaba a cara cada vez que non tiña que ir ao comedor porque viña a mamá antes de tempo. Non é xusto que unha mala circunstancia che arrebate a un ser que necesitas tanto, cando só contas os mesmos anos ca os dedos
dunha man.
Para tí, Gonzalo, desexo que poidas atopar o valor preciso para levar os teus fillos cara adiante. Para saber explicarlle a Adri que con isto tamén se pode continuar. Recordo o día que che dixen que este bebé ía ser un gran regalo de Papá Noel. Entón non sabiamos que viña acompañado de este maldito castigo... Poderás facelo, seguro.
Adri, aínda que esta viaxe de mamá provócalle unha grande mágoa a moita xente, aínda que penses que esta dor non vai rematar máis, recorda que o sorriso dela, e o seu amor non se foron. Que só tes que pechar os ollos e abrir o corazón. Respirar fondo... e aí está ela. Con eses ollos tan bonitos.
A ti, Marta, despidote con toda a simpatía e a naturalidade que che ofrecín durante todo este tempo. Espero que estas palabras transmitan a amabilidade que nos intercambiamos. Cando se abra a porta da aula, imaxinareite alí de vez en cando. Porque só morre de verdade o que non deixa razón para ser lembrado. E ti, deixas un bo rastro. O último día que te vin, foi no carrefour. Xa faltaba pouquiño para que chegase o bebé... moi pouquiño, Marta.
Non te vou despedir con un "descansa en paz, Marta". Porque eu non creo que despois da morte o único que nos espere sexa descansar en paz. ¡Que aburrido! Ti tes que facer que a túa enerxía envolva os teus fillos, os teus pais, o teu home... e iso vaite manter moi ocupada. Querémoste, Marta. Ata sempre.

No hay comentarios:

Publicar un comentario