lunes, 6 de diciembre de 2010

El camino

Hoxe sentínme un pouquiño soa, asi que a mellor opción que atopei, foi acudir ao cine. E, desde logo, fun o meu cine favorito. O da rúa Via Norte. Xa sei que non é o máis bonito, nin ten as mellores condicións de comodidade, nin che dá a garantía de que se se che senta unha persoa de elevada estatura diante, poidas ver o film medianamente ben, pero pola contra, non soan móbiles, hai boas películas, e, eu particularmente, síntome moi a gusto.
A película que escollín, foi a chamada "The way"(El camino). Trata sobre o Camiño de Santiago. Claro que o cine magnifica todo aquilo que toca. Mais, neste caso, a emoción que te embarga durante a reproducción da película, é de verdade.
É certo que, para mín, entusiasmada pola idea de facer o Camiño, obedecendo a un reto personal, isto supuxo un empurronciño máis na miña intención. Porque non sei se a vida me regalará tempo para cumprilo, ou se as condicións físicas, ou ata intelectuais, serán propicias para dar cabo do asunto, pero, o caso, é que o prazo para levar a bo remate esta acción, debe ter o seu inicio e o seu fin, no vindeiro verán.
Nesta película, o protagonista comeza o Camiño Francés, sustituíndo o seu fillo, que faleceu recén comezada esta aventura, exáctamente no primeiro día, víctima dunha tronada nos Pirineos. Así que, o seu pai decide concluír a ruta coas cinzas do finado para depositalas en Santiago. Coma sempre, aparecen outros persoaxes que comparten o traxecto con él. Un escritor irlandés, un tanto fracasado, que decide novelar a vida do protagonista, unha muller canadiense, muller maltratada, que se viu na circunstancia de abortar e non conseguiu superalo, e un holandés apegado os praceres terrenais, cuxo fin é enfraquecer para aproveitar un traxe na boda do seu irmá e reconquistar a súa muller. Todos eles cos seus medos, pero coas súas ganas de saír adiante e chegar a Santiago.
A mín este film, serviume para reafirmarme, para apostar polo meu reto, para prometerme a mín que, se non atopo acompañante para realizalo, levareino a cabo soíña. Non sei a onde chegarei, porque o meu sentido da orientación é case nulo. Mais, xa conseguirei un método para saír adiante coa camiñata. Aínda que, eu non o vexo coma unha camiñata, nin teño motivo relixioso, nin pretendo medirme en forzas, nin obter un documento que acredite que o fixen. Tan só quero atopar a frase adecuada que me permita parar o cabalo de Atila que as veces levo dentro.
Espero escribir algún día as miñas experiencias neste blog a propósito desta viaxe. Sei que non faltará dor, nin desesperación, nin ledicia, nin sorpresas de todo tipo. Seguro que haberá nomes de persoas, de lugares, de animais ou de prantas. Pero, a que ha de dar conta de todo iso, debo de ser eu... Iso espero.
Ei de rematar dicindo que hoxe é o día da Constitución. Alguén me dixo que a entrada de hoxe debía adicarlla a este asunto. Pero, xa haberá quen o faga de abondo. Porque a pesar da súa importancia, non deixa de ser un conxunto de leis que cada goberno interpreta o seu antollo. Eu, hoxe, precisaba falar das cousas da alma.

No hay comentarios:

Publicar un comentario