jueves, 30 de diciembre de 2010

Despois dun 2010...Por un 2011...

Ahí estamos. No límite que marca o calendario para comunicarnos que pasa o tempo na nosa idade, que volverán os Reis Magos, que haberá un novo entroido, que disfrutaremos unha semana santa, que reaparecerán outra primavera e, despois outro verán...
Pero cada ano non é máis ca un anaco da nosa vida enlatado nunha cifra.
Eu despido este 2010 despois de:

· Abrir unha fiestra na miña vida e pechar outra.
· Que a crise empeorase a vida de moita xente e mellorase a fortuna doutros poucos.
· A perda de moitas vidas por desastres naturais, provocados as veces polo cambio climático.
· O caos provocado en Haití tras sufrir unha cadea de fatalidades.
· A perda de persoeiros que deixaron pegada na vida de case todos.
· Un Ano Santo... cheíño de peregrinos.
· Que en África a xente continúe morrendo de fame ou enfermidades erradicadas no noso avanzado mundo.
· Que continúen morrendo moitas mulleres nas mans de terroristas do partido machista.
· Que as relixións limiten as liberdades do ser humano. Por ser muller, por ser gay, por ser neno...
· Vivir nunha sociedade que ás veces non sei cara a onde vai. E noutras ocasións sorpréndeme gratamente.


Por un 2011:

· No que floreza a humanidade e se murche a crueldade.
· Onde acochemos a nosa Terra dos perigos dun Universo hostil.
· No que os homes e as mulleres non se maten. Pero se respeiten e se amen.
· Para a mellora do continente Africano e outros países acuciados pola pobreza.
· Cheo de traballo para os parados. E de solucións para afogar a crise.
· Que borre enfermidades que agochan a vida sen precipitar a morte, que fan esquecer, que paralizan, que causan dor, moita dor.
· Cuxa música de fondo sexa Paz, paz, paz...
· Onde eu poida alcanzar as miñas pequenas metas. Onde non nos abandoe a saúde. No que eu comece O Camiño de Santiago, e remate o Camiño en Santiago.
· Que todos comecemos como poidamos e acabemos como de verdade desexamos.

martes, 28 de diciembre de 2010

Luís Mariñas

A información está de loito. Hoxe foi incinerado en Madrid Luís Mariñas. Un periodista galego cuxo espíritu verá as súas cinzas navegar polas augas do mar Cantábrico. Ese era o seu desexo.
Foi un dos profesionais da nova onda informativa.A él debémoslle os galegos a andaina do primeiro telexornal na nosa lingua.
Este home que ía para enxeneiro de telecomunicacións, deixou esta carreira para comezar a traballar, con tan só 19 anos, en TVE.
Na súa viaxe a non se sabe onde, irá arroupado polo cerre da canle CNN+. Non se esperou o ano vello como se dicía nun principio.
Hoxe é o día dos Inocentes... Pero isto que acabo de escribir, é unha triste realidade.

lunes, 27 de diciembre de 2010

Julio Cortázar...único

Por si no conocéis a este autor argentino, cuyo trabajo creativo tuvo lugar en París, os recomiendo que os remitáis a una pequeña historia del libro titulado "Historia de Cronopios y Famas". El relato se llama "Preámbulo a las instrucciones para dar cuerda al reloj".
Leer a Cortázar exige poseer una buena dosis de imaginación. Si eres de los que no hacen mucho uso de ella, desempólvala y sácala a relucir. Te ayudará a relajarte y pasarás un buen rato.
El Cortázar psicólogo se evidenció en la novela que lleva por título "Los premios". Un grupo de personas de diversa índole, han de convivir en un barco...
Por supuesto, no nos olvidemos de "Rayuela", obra maestra de la literatura que basa su originalidad no sólo en su argumento, sino en la forma en que ha de ser leída.
Déjate llevar por la extravagancia y contacta con su obra. Descubrirás al Cortázar excéntrico, observador, inteligente, sensible...humano.

domingo, 26 de diciembre de 2010

Último domingo da CNN+

Hoxe é un domingo negro para a información. Hoxe é o último domingo de emisión da cadea de televisión CNN+. Aínda que o canal non dará o peche definitivo ata o próximo 31 de decembro, xa non haberá máis fins de semana, pois o día de ano vello cae un venres.
Paréceme tremendo que canles chabacanas e horteras manteñan o seu estatus e suban a súa audiencia mentras outras que ofrecen unha información medianamente obxectiva, e digo medianamente, porque non creo que haxa ningún medio de comunicación neutral ao 100%, teñan que deixar de emitir. Isto é debido a malas xestións empresariais que os levan ás mans de propietarios que potencian o entretemento de mal gusto ante a seriedade no producto ofrecido.
Coa cadea caen grandes profesionais como Iñaki Gabilondo, José María Calleja ou Basterra. Pero tamén quedan en peores condicións os de menos relevancia, que non de menos importancia. Estes, non gozarán da sorte dos primeiros, que sempre terán as portas abertas en emisoras de radio e outras televisións, aínda que sexa para facer de tertulianos. Os periodistas de a pé, volverán buscar un lugar onde colocarse, a expresar a información como lles manden, e a cobrar o que lles paguen se queren volver a traballar. Os que nin sequera teñan esa sorte, voltarán a facer cola no INEM.
Haberá que replantexar por quE sucede isto. Haberá que pensar por que hai xente que nin sequera sabe de qué canal falamos. Debemos meditar quEn encumbra este tipo de espectáculos cheos de barullo, algarabía, e violencia. Ao fin, todos colaboramos un pouquiño niso. Porque dubido que haxa algún español ou española que non coñeza a Belén Esteban, e, por ende, moitísimos que a consideran unha supermuller. Mais, seguro que de todos eses, non haberá moitos que saiban o labor de mulleres coma Emilia Pardo Bazán, Marie Curie, Frida Kahlo ou Dolores Ibárruri, por exemplo.
Hei de confesar que eu son espectadora desas canles algunha vez, dentro do pouco tempo que adico a ver a tele. Pero tamén hei de confesar a miña tristura polo cerre dunha canle ao que dirixía máis tempo de atención. Entre outras cousas porque aí estaba un home a quen eu considero o rei da información actual pola súa serenidade, pola súa tenacidade á hora de destapar inxustizas, por ser tan sensible ante calquera noticia ou acontecemento...Iñaki Gabilondo. A onde queira que vaia, tratarei de seguilo. Isto só é un preludio do cambio que ha de levar a sociedade. Unha sociedade frívola. Unha sociedade onde os sentimentos son usados coma se fosen globos que se inchan e se desinchan ao antollo duns cantos, e, senón interesa manter o globo... explótase.

sábado, 25 de diciembre de 2010

Grazas

Onte levei unha sorpresa cando abrín o blog. Este contador de visitas que foi instalado no verán, vai marcando con precisión cada vez que alguén pasa por esta páxina. Chegar aos 1000 visitantes antes de rematar este 2010, era un reto, ou máis ben, unha aposta, feita conmigo mesma... Pois a María optimista gañou. Onte pola tarde, este blog contaba exactamente con 1021 visitantes...
Así que quero agradecer a todos aqueles e aquelas que pasan algúns minutiños do seu tempo lendo, e, se puidese ser, reflexionando, sobre o que aquí se reflicte. Grazas por interesarvos polas miñas cousiñas. Grazas por tratar de entender o que escribo. Grazas por crer que alguén que se esconde detrás dun vaso de auga, porque se considera así, transparente e translúcida, poida compartir ilusións, ideais, ou realidades contigo. Grazas por aceptarme como son. Porque se les e entendes o meu blog, coñécesme un pouquiño a min.
Desexo,aproveitando o momento, axeitado para solicitar favores, que pronto chegue aos 2000, pero que nese espazo, poidamos compartir momentos felices. Poidamos compartir consecución de desexos. Poidamos ter esperanza nun futuro mellor. Poidamos seguir o fin desta crise, ou celebrar outras cousas...
Para min sodes importantes todos os que estades aí. Non vos coñezo, ou si. Pero se vos importo un chisquiño, seguide conmigo. Se só queredes curiosear, non o fagades porque podedes equivocarvos. Bicos para todos.

jueves, 23 de diciembre de 2010

Cada quen como poida ou como queira...

Non sei se desexarvos Boas Festas, ou sinxelamente non mencionar o tema. A verdade, é que eu, despois do último suceso que narrei onte, e que prexudicou máis o meu maltreito espíritu, sigo esperando que o reloxo, do que teño unha grande dependencia, tictaquee raudo e veloz. Así, xa será un novo ano,soñaremos novos soños, forxaremos outras ilusións, e, todo volverá a ser... como era, ou como será. Uns, atoparán traballo, ou mellorará a súa saúde, ou comprarán unha casa, ou atoparán o amor, ou terán un fillo, ou aprobarán o exame que marcará a súa vida, ou atoparánse con eles mesmos, porque ao mellor estaban perdidos... Outros, engrosarán as listas do paro, enfermarán, venderán unha casa ou se quedarán coas ganas de mercar unha nova, sufrirán desamor, suspenderán exames importantes para o seu futuro, e perderánse, esqueceránse de sentir, de responsabilizarse, de amar, de soñar... todo isto, porque queren ou porque os obrigou unha enfermidade calquera.
Porque un ano novo non é unha fronteira, só é unha continuación da vida que vivimos. Claro que, como esta vai a tramos, se no vindeiro ano nos toca o tramo bo, mellor, senón...
Por ende, eu agardo que nesta etapa que se achega o meu barómetro non sufra variacións tan virulentas coma esta que remata. Na que se sucederon feitos moi bos, acompañados de outras historias fatales.
Por iso, vou vivir este Nadal o mellor que poida. Débollo as miñas fillas. Pero estarei pensando como debe ser o día a día que eu quero. Para mín e para os demáis.
Vou engadir novas persoas ao meu envío de enerxía positiva. Ahí van a estar Adri e o seu papá. Son moi valentes e van aprobar o peor exame da súa vida coa mellor nota. Sentirán máis preto a mamá, aínda que non poidan tocala. Acostumaranse a cheirala, a oíla, a imaxinala...
Para todos os que leades isto, deséxovos que vivades o Nadal como poidades ou como queirades. Non deixan de ser días da vida que nos toca vivir. Vós decidides se queredes que o reloxo galope, ou trote... pero tentade atopar unha estrela escintilando no deslumbrante ceo dunha cidade...

miércoles, 22 de diciembre de 2010

Para ti, Marta.

A lotería invadiu os noticieiros, as rúas, os bares e ata as universidades. Contodo, o mundo seguiu rodando. Eu non fun agraciada pola lotería, cousa que xa tiña máis que segura. Pero recibín unha moi mala nova...
Collín o móbil para que unha mestra do cole onde traballo me comunicase que faleceu a nai de Adrián, un neno que leva asistindo á xornada matutina desde os 3 anos, e agora conta 5. A mamá de Adri, Marta, agardaba dar a luz do seu segundo bebé nas datas do Nadal. O embarazo transcorreu sen problemas maiores e xa se atopaba en Ourense co fillo, pois alí reside a súa familia e a do seu home. Onte foi o día que elixiu o bebé para chegar. Onte foi o día no que Marta perdeu a súa vida.
Non podo deixar de lembrar a súa cara, que observei cada mañá durante os dous últimos anos. Ela era correcta, responsable, agradable, e unha mamá marabillosa. Sempre preocupada porque a actitude de Adrián non causara problemas. Sempre disposta a colaborar en calquera cousa que se lle propuxese. Sempre mostrando un sorriso aberto, cando eu lle comentaba a debilidade que tiña por Adrián, pois era calcadiño a un sobriño meu de meniño. Tan loiros, tan guapos...
Non podo deixar de retroceder uns meses atrás e lembrar a paixón que este neno tiña pola súa nai. E como se lle iluminaba a cara cada vez que non tiña que ir ao comedor porque viña a mamá antes de tempo. Non é xusto que unha mala circunstancia che arrebate a un ser que necesitas tanto, cando só contas os mesmos anos ca os dedos
dunha man.
Para tí, Gonzalo, desexo que poidas atopar o valor preciso para levar os teus fillos cara adiante. Para saber explicarlle a Adri que con isto tamén se pode continuar. Recordo o día que che dixen que este bebé ía ser un gran regalo de Papá Noel. Entón non sabiamos que viña acompañado de este maldito castigo... Poderás facelo, seguro.
Adri, aínda que esta viaxe de mamá provócalle unha grande mágoa a moita xente, aínda que penses que esta dor non vai rematar máis, recorda que o sorriso dela, e o seu amor non se foron. Que só tes que pechar os ollos e abrir o corazón. Respirar fondo... e aí está ela. Con eses ollos tan bonitos.
A ti, Marta, despidote con toda a simpatía e a naturalidade que che ofrecín durante todo este tempo. Espero que estas palabras transmitan a amabilidade que nos intercambiamos. Cando se abra a porta da aula, imaxinareite alí de vez en cando. Porque só morre de verdade o que non deixa razón para ser lembrado. E ti, deixas un bo rastro. O último día que te vin, foi no carrefour. Xa faltaba pouquiño para que chegase o bebé... moi pouquiño, Marta.
Non te vou despedir con un "descansa en paz, Marta". Porque eu non creo que despois da morte o único que nos espere sexa descansar en paz. ¡Que aburrido! Ti tes que facer que a túa enerxía envolva os teus fillos, os teus pais, o teu home... e iso vaite manter moi ocupada. Querémoste, Marta. Ata sempre.

martes, 21 de diciembre de 2010

Estreamos...e... gustamos.

A vida proporciónanos as cousas boas en pequenas doses. Así que, despois de levar dous meses involucrada nos preparativos da obra de teatro cos meus pequenos actores, nos que tiven momentos de moito cansancio emocional debido a asuntos persoais, por fin chegou o momento da estrea. E, o máis importante nestes casos, śon as críticas posteriores, que neste caso foron absolutamente positivas. Agás as dirixidas á megafonía que sempre dá algún problemiña, pero en todo caso, iso non é da miña competencia arranxalo.
Penso que sorprendemos o público cos nosos anxiños rapeiros, rockeiros ou punkis coas súas ás branquiñas. O seu xefe extremadamente cabreado, traxeado e coa súa coroíña na caluga. A policía, enteiramente entregada ao seu cometido. A bombeira, intrépida e desafiante ante os estraños seres sobrenaturais. E as pequenas, anxiños marabillosos, doces e travesas. Do demo non vou dicir moito, porque non me parece prudente xulgalo. O demo, ás veces fai honra ao seu tópico, outras seguro que non. Creo que a maioría delas, non. O demo interpretábao eu mesma.
Desde aquí, felicito a Ares, Álvaro, Adrián, Pablo, Silvia, Dayana, Fabiola e Sabela. Desde aquí, celebro que o teatro forme parte das ilusións de moita xente, que estea presente en moitos colexios, que no cole do que falamos, me elixisen a min para impartir esta actividade. Desde aquí, agradezo a toda a xente que colaborou neste proxecto, o apoio prestado.
Eu son das que tamén digo que "a vida é puro teatro". Pero tamén afirmo que "o teatro é unha forma de vida". Non sei como se vive sen que che guste o teatro, pero co teatro, vívese un pouquiño mellor.

lunes, 20 de diciembre de 2010

A polémica do xamón

Imaxino que a maioría de vós tivestes noticia do sucedido na Línea(Cádiz), onde un profesor de instituto foi denunciado ante as autoridades por facer mención nunha clase de xeografía ao xamón para explicar o clima das distintas zonas. Os autores da denuncia, foron os familiares dun alumno musulmán, despois de que o rapaz chegara a casa dicindo que se sentira maltratado psicolóxicamente porque o profesor para explicar o clima de Trevélez aludiu a importancia das baixas temperaturas para a curación deste producto. Segundo o rapaz, il pediulle ó profesor que se sentía incómodo con esa comparación, e, según a súa versión, o profesor díxolle que se volvese ó seu país.
Este é un exemplo da intolerancia que, en innumerables ocasións ten lugar provocada polas relixións. Eu non estou en contra das crenzas de cada quen, mais ,os fanatismos que xerminan ás veces nos seguidores de calquera doutrina, son a causa de males maiores. Por suposto, hai que conceder o beneficio da dúbida ante a actitude do profesor xa que descoñecemos o encarrilamento dos feitos.
Tamén estaremos de acordo en que hoxe nas aulas, algúns rapaces están máis atentos a destapar posibles segundas lecturas por parte dos docentes, que a aproveitar o momento intelectual que se lles ofrece. E non digo que neste caso fose asi. No obstante, a mente infantil ou adolescente, tende a magnificar feitos que,ás veces non son máis que meras anécdotas. En todo caso, a figura paterna ou tutorial, está para dar un voto de confianza a tolerancia.E iso, conséguese tratando de calmar ánimos en vez de exaltalos. Razoando, en vez de aferrarse a determinados ideales. Dialogando, en vez de ameazando. Démoslle unha oportunidade á ... paz.

domingo, 19 de diciembre de 2010

Símbolos do Nadal

Hoxe aparece un titular nun xornal calquera, que fala do matrato recibido polos renos, un símbolo do Nadal. Esta acción ten lugar principalmente en Suecia e Finlandia, países que figuran entre os máis sensibilizados co maltrato animal. O parecer, estes animais son cazados de forma pouco apropiada, sufren estrés ao ser amontoados en camións para ser levados o matadeiro, e, unha vez alí, sacrifícanos de maneira bastante dolorosa. Esta carne é unha das máis apreciadas nestes países. Mais parece ser que tras deixar de ser tratados exclusivamente pola población sami, os novos negociantes, non respectan ningunha norma.
Pero, isto non ocorre só cos renos. Outros símbolos do Nadal, caso das árbores, levan un trato semellante. Mais neste caso, non sangran nin berran. No obstante, son un producto vivo, que, en moitos casos rematan nos contedores no fin das Festiñas. E, ¿que dicir das mascotas?. Regaliño xenial. Pero a maioría delas duran na casa ata que chega semana santa. Iso se non fan moito barullo de noite. Ou non se cansa antes o encargado ou encargada de levalos a rúa.
Tamén son símbolos do Nadal os empregados dos comercios onde mercamos. Éstes son explotados na maioría dos casos tendo que cumplir horarios intensísimos, e facendo horas que, na maioría dos casos non cobran. Agora máis ca nunca amparándose na crise os seus xefes.
Nós, os humanos, tamén representamos o Nadal. E, moitas veces sufrimos maltrato. Cando tés que parecer ledo se non o estás. Cando tés que compartir mesa con xente que non desexas o teu carón. Cando se esperan obsequios que non che apetece facer. Ou cando debes sentirte tentado por esa innumerable cantidade de doces que mellor estarían repartidos o longo do ano.
Claro que, ser Papá Noel no Nadal, xa debe ser do máis estresante e, seguro que non demasiado ben pagado.
E, que me dicides das perruqueiras, dos camareiros...
Eu desexovos Felices Festas para todos os que o sintades así. E Felicidades por soportar estas Festas a todos os que vos atopedes na outra banda. Eu...só espero poder seguindo lucir un sorriso, onde queira que me atope.

viernes, 17 de diciembre de 2010

A piques de estrear...

Xa case non falta nada. Con un pouco de sorte, o vindeiro luns levaremos a cabo o ensaio xeral da obra de teatro, na que levamos traballando os nenos e máis eu desde outubro. Moi pouco tempo, tendo en conta que, no medio tivemos días non lectivos, e que só contamos con unhas tres horas semanais para os ensaios. Se todo nos vai ben ese día, enfrontaremos a estrea do martes con máis folgos. Se non fose así...Mellor non pensar niso.
A obra da que falo, ten por título "O arco da vella". Hai anxiños, mais non son uns seres sobrenaturais o uso. Éstes teñen ás, pero tamén son rockeiros, rapeiros, ou punkis. O seu xefe, leva traxe e garabata, pero ten ás, e moi mal carácter. Hai outros dous anxiños pequenos, éstas do xénero feminino. Visten de morado unha e de verde a outra. E advírtovos que son xeniais. Ademáis está o policía e o bombeiro. Personaxes interpretados por nenas, que bordan a personaxe. Claro que neste rebumbio de seres divinos e humanos, falta o máis diabólico deles: O Demo. Como non tiñamos actores dabondo para interpretalo, tocoume a mín. De calquera maneira, non é a primeira vez que fago de directora e intérprete a un tempo. En fin...
A historia vai de que os tres anxos travesos, deciden facer desaparecer o arco da vella para non ter que limpalo. E, despois do desenlace, agárdanos un final moi musical, pois usando de banda sonora o tema "Over the rainbow", que se traduce "Sobre o arco da vella", lanzamos mensaxes de carácter pacifista.
Estou agardando que chegue o momento, aínda que estou atacada dos nervios, coma cada vez que me enfrento a unha estrea ou calquera cousa que esixe toda a miña atención e responsabilidade. A verdade, é que concordaron moitas cousas na miña vida neste intre. Moitas delas non demasiado boas. E isto fai que o meu estado anímico se debata entre o pracer de disfrutar da miña paixón, o teatro, e o temor de que fallen cousas e todo se bote a perder.
O que conta, en todo caso, é que os meniños disfruten e aprendan a un tempo. Hoxe atopei a unha mamá que me felicitou porque as súas fillas están encantadas con esta actividade. Polo menos, escintilan estrelas polo camiño...

miércoles, 15 de diciembre de 2010

Eva e Ruth

Eva e Ruth, son duas meniñas, para ser máis exacta, son irmás. Tódalas mañás pasamos xuntas un bo anaco de tempo.
Ademáis das típicas rifas de parentesco, e de algún que outro capricho puntual, que a todos nos acontece algunha vez, son unas rapazas sensacionais.
O primeiro adxectivo que lles engado, é o de "agarimosas". Desbordan cariño por tódolos poros da súa pel. A verdade, é que, a carón delas, experimentas un subidón de autoestima permanente. Calquera cousiña é abondo para que me honren coas súas alabanzas, xa sexa persoal ou estéticamente. Supoño que vos podedes imaxinar o ben que senta iso as sete e pico da mañá, ou se o teu estado anímico, que ocorre as veces, non é o mellor.
Pero teñen outras cualidades. Por exemplo, non vos imaxinades a boa disposición que mostran para axudar a desplazar o mobiliario, traballo que temos que facer cada mañá. Son currantas de verdade.
No caso de Ruth, que é a maior, destaca a súa facilidade para plasmar nun papel branco calquera cousa que pretenda debuxar. Faino realmente ben.
Eva é unha pequena coqueta, muy coqueta. Tamén disfruta debuxando e pintando, e, o mellor de todo, é que a maioría desas pequena obras de arte, teñen como receptora a unha servidora, si señores, adícanmos e deixanme e moi bo lugar.
Claro que non vou esquecer enviar un guiño a súa nai, Mamen. Ela esmérase un montón en que as súas fillas sexan boa xente.
Pois esta é a miña felicitación de... a miña felicitación perpétua para as tres amigas máis madrugadoras que teño. Ahí van tres bicos de frío, de escuridade, de chuvia, de vento, de mirar o reloxo, de acarrexar mesas e cadeiras... de agradecemento.

lunes, 13 de diciembre de 2010

De volta

Despois do inciso... voltan a aparecer as palabras neste panel branco.
Quero saúdar aos novos lectores. Non sei se vos sorprendín gratamente ou se vos defraudei. O caso, é que para a primeira persoa que escribo, é para min. Son a máis crítica e a máis fiel.
Hoxe, coas datas do Nadal sobre a caluga, ou envolvendo o ambiente, según como se viva o acto, vou agradecer ou reprobar.
Os agradecementos, van dirixidos a:

· Ás persoas que están na miña vida porque o desexan. Que disfrutan conmigo, solidarízanse conmigo, querénme, aconséllanme, repréndenme, anímanme...


· Ós meus pequenos madrugadores. Que, cos seus berros, risas, contos, etc., proporciónanme traballo, e endozan a miña vida.


· Ás miñas fillas. Sobran palabras. E, ó membros da miña familia que están aí.

· A Google, por permitirme chegar aos que así o queredes.


· Aos meus expertos teatreiros, que, ademáis de deixarme a gorxa desfeita, proporciónanme momentos de gran ledicia.


· Se estás incluído nalgún destes grupos, felicítote, senón trata de atoparte nos seguintes

Chega o intre das reprobacións:


· Reprobo as actitudes egoístas, que fan sufrir a moitos para o beneficio dunha soa persoa.


· Á mentira, á violencia, ó desprezo...


· Ós gobernantes de discurso aprendido. Ós opositores de discurso aprendido.


· Ós deportistas tramposos.


· A aquelas persoas que se consideran en posesión da verdade. Sempre rebaten aos outros. Sempre tan seguros de sí mesmos. Cobardes, a maioría das veces.


·Ós que só dan algo a cambio de algo. Ós que non dan nada. Ós que descoñecen o verbo "dar".


· Ós que basándose en motivos relixiosos, políticos, estéticos, etc, denostan e insultan, ou asasinan.


· A toda especie humana que abandoa as súas mascotas. Ou ós seus conxéneres.


· A mín. Por ser incauta. Por ser hipersensible. Por ser confiada en exceso. Por ser un cabalo de Atila, cando debía ser unha tartaruga. Por ser unha tartaruga cando debía ser unha bolboreta...

martes, 7 de diciembre de 2010

Maná

Hoxe adícolle esta entrada a un grupo musical que a mín me gusta. Non só por como interpretan, que tamén, se non polo que dín.
Gústanme un montón de cancións da súa andaina musical, pero hai dúas en especial que me fascinan. Unha é "clavado en un bar". Fala dun home que acaba vítima da barra dun bar, por desamor. Supoño que moitos de nós coñecemos casos así. Xente egoísta, ou tal vez cobarde que rodean o seu espazo de toxos e logo non poden saír nin pode entrar ninguén. Eu particularmente sabía dunha historia similar que rematou desa maneira. E coñezo outras que van camiño diso.
Outra das cancións,titúlase "Rayando el sol". Unha das frases desta dí:"Es más fácil llegar al sol que a tu corazón". Unha historia que encaixa perfectamente coa narrada na outra. O home(ou a muller) do toxo.
Sempre que as escoito, lémbrome daquel home que eu coñecía e rematou a súa vida vítima dun cancro de fígado. A miña nai sempre dicía que ese home non era así, e acabou desta maneira porque non tivo valor para aceptar o amor dunha muller, e, tampouco para vela emparellada con outro home do pobo pasados uns anos. Pobre.
Se lés este blog, e corres perigo de que che pase o que lle aconteceu a Laureano, cóidate. Se te coñezo, non me gustaría acordarme de ti cando escoite a Maná.
A verdade,é que toda a discografía destes mexicanos xira en torno ao desamor. Pero hai moitas maneiras de cantar a mesma cousa. E a súa é mesmo perfecta.

lunes, 6 de diciembre de 2010

El camino

Hoxe sentínme un pouquiño soa, asi que a mellor opción que atopei, foi acudir ao cine. E, desde logo, fun o meu cine favorito. O da rúa Via Norte. Xa sei que non é o máis bonito, nin ten as mellores condicións de comodidade, nin che dá a garantía de que se se che senta unha persoa de elevada estatura diante, poidas ver o film medianamente ben, pero pola contra, non soan móbiles, hai boas películas, e, eu particularmente, síntome moi a gusto.
A película que escollín, foi a chamada "The way"(El camino). Trata sobre o Camiño de Santiago. Claro que o cine magnifica todo aquilo que toca. Mais, neste caso, a emoción que te embarga durante a reproducción da película, é de verdade.
É certo que, para mín, entusiasmada pola idea de facer o Camiño, obedecendo a un reto personal, isto supuxo un empurronciño máis na miña intención. Porque non sei se a vida me regalará tempo para cumprilo, ou se as condicións físicas, ou ata intelectuais, serán propicias para dar cabo do asunto, pero, o caso, é que o prazo para levar a bo remate esta acción, debe ter o seu inicio e o seu fin, no vindeiro verán.
Nesta película, o protagonista comeza o Camiño Francés, sustituíndo o seu fillo, que faleceu recén comezada esta aventura, exáctamente no primeiro día, víctima dunha tronada nos Pirineos. Así que, o seu pai decide concluír a ruta coas cinzas do finado para depositalas en Santiago. Coma sempre, aparecen outros persoaxes que comparten o traxecto con él. Un escritor irlandés, un tanto fracasado, que decide novelar a vida do protagonista, unha muller canadiense, muller maltratada, que se viu na circunstancia de abortar e non conseguiu superalo, e un holandés apegado os praceres terrenais, cuxo fin é enfraquecer para aproveitar un traxe na boda do seu irmá e reconquistar a súa muller. Todos eles cos seus medos, pero coas súas ganas de saír adiante e chegar a Santiago.
A mín este film, serviume para reafirmarme, para apostar polo meu reto, para prometerme a mín que, se non atopo acompañante para realizalo, levareino a cabo soíña. Non sei a onde chegarei, porque o meu sentido da orientación é case nulo. Mais, xa conseguirei un método para saír adiante coa camiñata. Aínda que, eu non o vexo coma unha camiñata, nin teño motivo relixioso, nin pretendo medirme en forzas, nin obter un documento que acredite que o fixen. Tan só quero atopar a frase adecuada que me permita parar o cabalo de Atila que as veces levo dentro.
Espero escribir algún día as miñas experiencias neste blog a propósito desta viaxe. Sei que non faltará dor, nin desesperación, nin ledicia, nin sorpresas de todo tipo. Seguro que haberá nomes de persoas, de lugares, de animais ou de prantas. Pero, a que ha de dar conta de todo iso, debo de ser eu... Iso espero.
Ei de rematar dicindo que hoxe é o día da Constitución. Alguén me dixo que a entrada de hoxe debía adicarlla a este asunto. Pero, xa haberá quen o faga de abondo. Porque a pesar da súa importancia, non deixa de ser un conxunto de leis que cada goberno interpreta o seu antollo. Eu, hoxe, precisaba falar das cousas da alma.

domingo, 5 de diciembre de 2010

Palabriñas nosas

Somos galegos,e a moita honra. Por iso temos unha lingua nosa. E, unha maneira de utilizala moi particular.
Por exemplo, quen pode dicir con tanto aplomo aquilo de "eu non creo nas meigas, pero habelas hailas". En primeiro lugar, porque as meigas son nosas. Noutras partes do mundo, chámanlle "bruxas", "fadas", "adiviñas"... Mais nada que ver coas nosas mulleres máxicas. Estas son froito do lugar que as viu nacer. Os poderes nacen con elas, porque forman parte da súa propia enerxía.
Podemos crear lendas como a de San Andrés de Teixido, aquela que dí que "vai de morto o que non vai de vivo". Facendo honra a ese dito, fixen eu unha viaxe a ese lugar. Porque a miña avoa, que xa contaba moitos anos, pediume que fora alí e encendese unha vela por ela. A verdade, é que non me importou moito, entre outras cousas porque xa estivera e decidín que era un lugar paradisíaco. Mais iría de bo gusto se fose de outro xeito, debido o motivo que impulsaba a viaxe. Polo menos, ela quedou satisfeita.
Tamén miña avoa repetía constantemente "se queres ser bo, ou morras ou te vaias". Verdadeira esta sentencia. Absolutamente certa. Penso que todos tivemos constancia da súa veracidade nalgún momento das nosas vidas.
Os galegos tamén contestamos con preguntas, berramos para pedir silencio, queixámonos cando chove e pedimos choiva cando fai frío.
Quedamos no currunchiño, xogamos as agochadas, e, de vez en cando, ven un barco negro e inventamos un campo de traballo onde é imprescindible vestir de branco.
Pero tamén temos mestres da costura, políticos no goberno, escritores célebres, periodistas reputados e homes e mulleres que se sinten ... donos do seu presente e capitáns do seu futuro.

viernes, 3 de diciembre de 2010

A vida é un milagre

Ese é o título dunha película de Emir Kusturica, un músico e director de cine serbio. Mesmo me fascina esa banda sonora, de feito, é a que forma parte do meu perfil de audio.
Mais hoxe, vou utilizar esa frase para demostrar que vivir é un milagre. Sí señor, un milagre. Se eres traballador, dependes de que o teu xefe non te despida por quen sabe qué cousas. Se eres un bo xefe, preocupache ter que despedir empregados por non poder pagarlles. Pero se eres controlador aéreo, fas folga porque... polo que sexa. Fas folga, e mantés os aeroportos saturados, con pasaxeiros desesperados, e empregados desbordados.
Agora, o milagre máis grande é ter que comer sen ter un duro no peto, ou durmir a cuberto sen ter teito no que acubillarte, ou permanecer alegre cando a túa vida está ameazada por un mal calquera...ou parecer enteiro cando por dentro estás desfeito.
Eu son deísta, non debería crer nos milagres. Pero, cómo me vou resistir a semellante satisfacción. Porque, aínda que éstes se basen en imposibles, a esperanza é o último que se perde.
Dicídeme a verdade, non esperades un milagriño na vosa vida? Seguriño que se estades nun aeroporto a estas horas... Sinto, sinto moito... Sempre vos pode acontecer un milagre.

jueves, 2 de diciembre de 2010

Karaokeando

Seguriño que non son, nin por asomo, a mellor cantante do mundo. Por non ser, non son nin afeccionada. Aínda que, estando no colexio, pertencía a coral, e, ata facía de voz solista.
¿Onde ficou aquela voz de anxiño? Porque o que sei é que agora a miña gorxa quéixase a esgalla cando me paso facendo gorgoritos. Sobre todo, a partir do mércores, debido o volume da miña voz para ser oída entre tanto infante desaforado.
Pero, sexa como sexa, últimamente, comezo a ter adicción polo karaoke. Ben, unha adicción que non vai máis alá de visitalo tres ou catro veces. Pero, ante a próxima aparición por alí, que está prevista para o sábado 11 de decembro, atópome encantada.
E, se o señor Ignacio lé isto, non opinará o mesmo, pois a miña amiga Ana, sabe ben a qué me refiro. Creo que conseguimos incomodar o home, cando destrozamos, e nunca mellor dito, a canción Y.M.C.A. dos Village People. A cousa, é que bailar e cantar a vez é moi complicado. E,se sumamos a dificultade de cantar en inglés, ata penso que saímos un pouco victoriosas.
Claro que, Ignacio canta a Frank Sinatra con moito estilo, máis, todas a veces que tivemos o pracer de velo, repitiu tema. Polo tanto, nós actuamos de mulleres innovadoras, cambiando de estilo, bailando, facendo duetos ou tríos... e dando un espectáculo canto menos, gracioso. Seguro que cómico dabondo para que a xente enrolada se rise con nós, que non de nós.
Esta vez, a miña volta o lugar en cuestión, vai ser con outra compañía. Pero coas mesmas ganas de pasar un momento marabilloso. Nenas... a por todas.

miércoles, 1 de diciembre de 2010

Capicúas

Hoxe adícolle este blog os números capicúas. A verdade, é que a idea xurdiu así, de súpeto, en canto entrei neste espazo. A razón é que o marcador de visitas hoxe reflicte o 777.
Desde pequena, tiven paixón por este tipo de cifras. De feito, teño tendencia a mirar as matrículas dos coches, ou calquera combinación que poidera reflexar un capicúa.
O 777, gústame ademáis polo número que se repite, o 7. Penso que é elegante na súa forma, simple na súa construcción, e, ademáis era o preferido da miña nai. Ela sempre dicía que se un día lle acontecía algo bo, había de ter que ver con número en cuestión.
De cativa, unha amiga miña dicía que, se te atopabas de súpeto con un número capicúa, ías ter moita sorte.
Na miña vida, as ocasións nas que ditas combinacións se cruzaron no meu camiño, serviron para satisfacer a miña sensación de benestar porque me agradan. Pero non creo que cambiaran a miña traxectoria.
De todos os xeitos, alegroume atopar esta cifra a carón do meu blog. Polo tanto... aportou unha pequena chispiña a miña vida.