lunes, 17 de mayo de 2010

O tesouro de Galicia

Hoxe é o día das nosas "Letras". Fóra de calquera vinculación ou manipulación política, lonxe de sentimentos de inferioridade, e seguros da riqueza que supón albergar este tesouro composto de colares, pulseiras, pendentes e aneis de verbas confeccionadas con pequenas e grandes perlas que semellan letras.Xoias tales coma: Bolboreta, andaina, fiestra, trasno, escintilar, corredeira, bico, agarimo, ledicia, vagalume ou lucecú, cóxega, asemellar, lóstrego, lúa, arco da vella, fada...
Hai outras pezas valiosas que se atopan fóra do cofre. Estaban no poder dos vellos, e, ás veces, foron retocadas. Adaptadas as condicions do lugar onde permaneceron ancladas. Tales coma: troujallo(mal axeitado), tarabela(persoa que fala demais), fadexo(pantasma), finiquita(demasiado fina e delicada), toutizo(pouco disposta e axeitada), xota(persoa moi parada), mondonga(persoa forte, descoidada e pouco traballadora), escomongada(persoa moi malvada), pandorca(muller folgazana e obesa)... Todas elas pertencen ao vocabulario daquel pobo perdido entre montañas onde eu aterrei neste mundo. Non podo deixar de nomear outra coa que fun definida en innumerables ocasións sendo cativa. Esta é: serodia(rapaza fraca que vén ao mundo dunha nai xa madura).
Daquel lugar, rescatei frases coma esta: "Rubias ao mar, vellas ao solar". Con estas palabras, a miña avoa prometía a chegada dun bo día de sol mentras albiscaba ao anoitecer un reflexo vermello cara ao mar.
Ogallá mañá todas as vellas e habitantes do mundo poidan saír ao solar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario