domingo, 11 de abril de 2010

Xogando coa educación

Cando trocamos a existencia no seo materno, protector e acolledor, pola supervivencia no anaco de terra na que nos tocou vivir, comeza un camiño de sorpresas, ledicias, penas... todo isto cosido co fío da aprendizaxe. Porque cada vez que unha desas e outras emocións recala nas nosas vidas, temos ocasión para aprender. Estes ensinos, sempre son compartidos, pois tanto aprende o que sofre a experiencia, como o que a administra. Entón se pola nosa natureza humana ou de seres vivos, estamos destinados a relacionarnos, deberíamos practicar o proceso da boa educación. Non se trata de ser excesivamente "cursi", aínda que ás veces segundo o momento social, pode ser necesario. Mais se o que está interaccionando con nós, nos adica un sorriso, un por favor, un gracias... calquera momento difícil se tornaría máis sinxelo. Hai moitos críticos coa mocidade á que acusan de non facer uso dos bos modais, e non van de todo desencamiñados. Non obstante, eu mesma tiven ocasión de comprobar como aqueles que esgrimen esa crítica perpetuamente, fan as persoas que tanto denostan uns anxiños mimosos.
Nunha das moitas ocasións que entrei na oficina bancaria coa que traballo, observei que unha das persoas que estaba formando fieira para ser atendida e non contestou o meu saúdo (como sucede case sempre)era unha muller que non ve ningún adxectivo mellor para denominar os mozos e mozas que "maleducados". Así constantemente. Por tanto, cheguei á conclusión de que se ben é certo que unha boa parte da xuventude padece deste mal, non o é menos que tendo eses exemplos, que seguro abundarán en moitas familias e entornos veciñais, hai que chegar ao fondo da cuestión. Cando facemos pé no planeta, comezamos a ser alimentados físicamente, pero tamen precisamos certa variedade intelectual que forma parte do ensino. E esta substancia, precisa para facernos a vida máis levadeira, debe ser proporcionada polos nosos pais, ou no seu defecto por aqueles que se ocupen de manternos nutridos de forma adecuada. Non podemos deixar na man da escola o groso da nosa labor. Porque cando tes un fillo, eres o responsable directo do proxecto ata que este xa pode desenvolverse por sí mesmo. Tentemos pór en práctica unha actitude de estar abertos a aprender e conseguiremos estar preparados para ensinar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario