miércoles, 2 de junio de 2010

O misterioso caso das cruces brancas

Aquela aldea onde eu me criei, estaba case sempre envolta nun misterio de meigallos contínuos, deses que axudaban a que alguén pasase un bo pouco de tempo da mellor maneira posible. Lembro aquel día de verán de fai bastantes anos, no que conseguín na escola do pobo, un anaco de xiz que me fixo sentir a raíña dos graffitis. Daquela contaba con seis anos, mais ou menos,e aínda que vivía inmersa naquel mundo rodeado de maxia e fantasía, non sabía o impacto que ía ter a acción que eu estaba disposta a realizar.

Para chegar ata a miña casa, tiña que transitar por un camiño cheo de grandes lousas. Entón, decidín, coa miña arma pintora, marcar algunhas daquelas grandes con cruces. Xa de noite, e na sobremesa da cea, cando se achegaba a veciña á nosa casa para ver a televisión, saiu o tema que me ía manter en tensión toda a noite. Aquela muller, a cal lle gustaba máis mirar pantasmas na escuridade, ver unha bruxa nun gato negro ou percibir o paso da Santa Compaña tan só co cheiro que según ela deixaba ao seu paso, dixo a frase fatal. Contou que ao volver da tenda, observou unhas cruces debidamente marcadas a xeito, que indicaban ter sido feitas por unha experta meiga. Miña avoa horrorizouse co feito, e, de seguido, comezaron as dúas a barallar nomes de posibles enfeitizadoras, capaces de realizar aquel malvado acto. Posteriormente, chegaron os avisos para min, indicándome que nunca debía pisar ningunha daquelas marcas, pois se o facía, o mal fario apoderaríase da miña xente. Miña nai, miñas irmás, e o resto da xente da casa, non fixeron comentarios ao respecto, aínda que tamén crían que se trataba dun caso ben raro.

Eu estaba morta de medo, pensando na posibilidade de que algunha das contertulias descubrise o verdadeiro asunto, ou que algún veciño que tivese visto o meu divertimento, llo contase ao día seguinte. Máis nunca se soubo a verdade ata pasados moitos anos cando eu decidín contalo.

De todos os xeitos, a lección que aprendín ese día foi excelente. Sempre hai que poñer en dúbida calquera cousa que pareza máxica... Ou non.

No hay comentarios:

Publicar un comentario