jueves, 30 de junio de 2011

Príncipes, rás, señores...

Algúen pode dicirme por que hai príncipes azuis e non hai princesas azuis? Resulta que se se é princesiña, xa se dá por descontado que se posúe sangue real. Agora, se se é un príncipe... pódese ser azul ou non. Se non é desa cor, será un que herdou un título sen máis. Pode ser alto, baixo, listo, torpe, etc. Total, xa ten o choio asegurado. Pero... un príncipe azul, debe ser... Pois non debe ser nada. Tan só ten que (sempre supostamente) chegar a vida dalgunha muller e amosarlle que é o home adecuado para ela.
Ou sexa, que a min, ou a ti, ou a ti, mulleres do mundo, prívannos do dereito de convertirnos en princesas azuis. Nós non chegamos a vida de ninguén, nós esperamos a que cheguen a nosa. Iso será o que cren eles. Eses señores que, de príncipes non teñen nada. Pero eu si que os encaixo nun catálogo de cores. Por exemplo, está o sr. Azul. Este é o típico home que se cré con todo o dereito do mundo de irrumpir na vida de alguén cando lle apetece. O seu medo máis grande, é converterse en rá. Ben sexa porque chegou tarde, ou, porque como dicían na peli "O clube dos poetas mortos", non colleron a rosa mentras podían e despois xa non a atoparon. Está o sr. Verde. Se o primeiro que mencionamos era un clásico, este é un cursi. Non vive nun mundo real. Se te atopas con él... mellor non. Os srs. Vermellos son antes ca nada, radicais. Eles están en posesión da verdade. Tratarán de convencerte a ti, muller que os estás toleando coas túas exposicións verbais, para despois vir a dicir o mesmo que ti mantiñas desde o principio. Se tamén ten cor azul, ou sexa, é bicolor, fai soar as alarmas, pois será un clásico radical. Independentemente da cor da súa pel, os srs. Negros, son os pesimistas por excelencia. Pretenderán que olles a vida desa cor todo o día. Se tí tentas facer o contrario, vivirás mal, moi mal con estes tipos. Non vai ser mellor o teu futuro se no teu camiño se cruza un sr. Amarelo. Un soñador. Seguramente será maravilloso pasar con él anaquiños de tempo. Pero... sempre... eu non podería. Son Tauro e teño os pes na Terra moi a miúdo.
A conclusión é que xa non existen os príncipes azuis. Só existe a persoa adecuada para a persoa axeitada. Ambos con defectos, ambos con virtudes. Ambos con soños, con medos... Pero sen soberbia.
Que tipo de sr. és ti? Sabes que tipo de sra. son eu?...

miércoles, 29 de junio de 2011

Por ser vos quen sodes...


Onte tocoume volver a retocarme un pouquiño máis da conta para asistir ao acto de graduación de Antía.
No seu instituto, xa non se trata de celebrar a marcha dos alumnos cara a universidade, a Formación Profesional, o mundo laboral, ou calquera outra saída, con un festa entrañable de convivencia entre alumnos, profesores, pais, nais, etc. Agora, celebran uns macrofestivais que poden chegar a ter unha duración de cinco horiñas. Iso, sí, todo moi ben "coordinado" polo xefe da expedición, o Sr. Director. Púxenno con maiúsculas, non?... A cousa é que a primeira parada ten lugar no auditorio de Caixanova... Xa non se chama así!... Novacaixagalicia. Rapaces e rapazas marabillosos. Tratando de non trastocar o discurrir do acto en ningún momento. Discursos, entregas de premios... Noraboa, Antía polo teu ao mellor expediente, gañáchelo ti, co teu traballo e a túa vontade. Entrega de bandas, discurso de D. Luís, o director antes mencionado. Concerto da coral de Vilagarcía. Moi ben. Música escollida con bo gusto e unha excelente interpretación do Gaudeamos Igitur. A min este himno ségueme emocionando cada vez que o escoito.
Pero o mellor, o mellor, foi cando os mozos e mozas foron eles mesmos. Isto tivo lugar ao final. Todos acompañaron coas súas voces a canción que escolleron, "Hai un amigo en ti", da peli de Disney "Toy story". Todos estaban xa deshinibidos, sorrintes... penso que xa comezaban a sentirse libres de tanto formalismo. Bueno, claro que aínda lles quedaban, mellor dito, nos quedaba, pasar polas instalacións do Real Clube Nautico para tomar un viño, e uns pinchos. Polos que previamente cada membro da familia houbo de pagar 10 euros, incluído o alumno ou alumna en cuestión.
Como se trataba dun acto de despedida, eu tamén vou agradecer. Así que, agradezo ao equipo de docentes do centro público, a súa labor. Bueno, case a todos. Pero iso acontece en todos os lugares. A todo o persoal e ao equipo directivo... A estes, especialmente ao que os representa, agradecerlles o traballiño, que estou segura que o levan. Pero, tamén reprocharlles, mellor en terceira persoa, sen "s". Eu penso que estas festas son para os rapaces e rapazas. Non fai falla que haxa prensa. Non fai falla que para comer unhas croquetas, un pouco de tortilla e catro cousiñas máis, te vexas obrigado a pagar. Polo menos, esa cantidade. Non fai falla que nos conte que lle sae máis barato celebralo así que no instituto, como se fixo toda a vida. Porque non somos usuarios dun centro privado de luxo. Somos familias que facemos uso da ensiñanza pública. E, se algo ten que distinguir a ensinanza gratuita da que non o é, é precisamente o achegamento a todos e todas. Sen distincións. Sen etiquetas.
Eu estiven alí pola miña filla. Preferiría estar no centro onde pasou seis anos da súa vida. Desexaría non ter que escoitar falar da única rapaza que suspendeu selectividade dese centro en público, como tivo a "ben" D. Luís mencionala. Non dixo o nome, pero todos nos demos conta cara a onde ollaba, onde estaba sentada "el bomboncito"...
Para ti, Antía, noraboa por ser ti. Por non deixarte engaiolar por certas paranoias. Porque o que de verdade importa, e que deixas un montón de mestres que te queren, de amigos, máis que compañeiros, de traballo convertido en boas calificacións, de ideais plasmados en recoñecementos... E, de crecemento persoal, onde foches capaz de demostrar, que todas as persoas son iguais, teñan a categoría social que teñan, a capacidade intelectual ou problemas de outra índole.
Espero poñer tacóns en breve. Pero será porque quero estar toda mona para asistir a eu qué sei o que... Ou sexa, un acto social deses que está no sitio onde de verdade debe estar. Será que eu non podo cantar aquilo de "antes muerta que sencilla". A min gústame máis, "antes sencilla que barroca".

lunes, 27 de junio de 2011

A dourada cervexa.

A verdade, é que non debería ser ese o título do día. Porque, a cervexa tamén pode ser negra ou máis tostadiña. Eu mesma lembro cando estaba non instituto. Naquela bocatería, que aínda existe e mantén o éxito dos bos tempos, só que, rexentada polas novas xeracións. Pois aí, foi o meu primeiro contacto coa cervexa negra. Aconselladas polo dono do local, as miñas amigas e máis eu, comezamos a degustar aquela bebida que, segundo o hosteleiro, era mellor para as mozas. Descoñezo a razón, pero estaba moi boa...
Se nos remontamos tempos atrás, atopamos que a cervexa era unha bebida popular entre os exipcios, mais, para quen constituía un brebaxe "oficial", era para os galos, os bretóns e os xermanos. O imperio romano, familiarizouse con ela durante a súa expansión polo norte de Europa.
Na Idade Media, comezou a dependencia dos europeos polo lúpulo, pois o viño quedaba relegado ás mesas máis ricas. A cervexa daquela, era unha bebida doméstica, que se elaboraba nos fogares dos campesiños, mentras que o viño adquiría un carácter máis monacal. Para iso os mosteiros posuían a maioría dos viñedos. Mira para iso...! Daquela, esta bebida, tiña unha graduación máis baixa. Había a lenda de que os ríos e os pozos eran transmisores de todo tipo de enfermidades, polo cal, a xente apagaba a súa sede a golpe de cervexa. Comezaban no almorzo. O normal, era tomar medio litro de lúpulo, no cal mollaban pan seco. Durante o resto da xornada, podían tomar uns dous ou tres litros máis. Por exemplo, Eduardo I de Inglaterra, estableceu que os seus soldados tiñan dereito a recibir cada día 4 litros de cervexa.
En España, o monarca impulsor da bebida, foi Carlos V. Para que o seu labor no noso país non o alonxara da súa brebaxe preferida, trouxo consigo a célebres mestres cerveceiros, tales coma Enrique Van der Trehen, a quen se lle encargou poñer en marcha unha fábrica de cervexa no Mosteiro de Yuste...
Sexa como sexa, a cervexa é un veículo de comunicación. Algunhas operacións de marketing, transformadas en anuncios que traspasan o obxectivo e se convirten en emblemas sociais, demóstranos que as reunións en torno a cervexa, seguen tendo máis espontaneidade que as que xiran cara os viños.
Eu non entendo moito de cervexa. Na miña humilde realidade, sei apreciar se o seu sabor me gusta máis ou menos. Tamén é verdade que, debido ao seu amargor, apaga a sede mellor ca calquera outra. E, segue estando vinculada a igrexa, polo menos no que respecta os nomes comerciais, onde abondan cantidade de referencias a frades.
Polo tanto, fagamos un brinde cerveceiro... Por certo, esta palabra chegou a nosa linguaxe nos tempos de Carlos V. Xa que, despois de que saqueara Roma, as súas tropas axeonlláronse ante o emperador co berro de "ich bring dir's", que, traducido do alemán viña a ser algo así coma "eu ofrézocho". A frase evolucionou ata a actualidade pasando a chamarse "Brinde", modificando a fonética alemana.
Remato escoitando a canción de John Lennon: "Woman". Buscádea se non a coñecedes, xa veredes que merece a pena.

jueves, 23 de junio de 2011

A noite máis meiga...

Xa está aquí. O 23 de Xuño, día que trai consigo a noite meiga por excelencia. Para os galegos, cuxo orixe celta nos deixou a sombra da maxia, o lume e a auga contribuen a que a diversión e os rituais vaian da man.
A verdade, é que fai moitos anos que eu non vou a unha fogueira. Lembro algunhas das veces nas que acudín e o pasei realmente ben, outras, tan só estiven alí. Agora, o que non deixo de facer periódicamente cada unha destas noites especiais, é o rito das herbas. Ou como se chame. Eu refírome ao feito de depositar o ramallo de herbas nunha cunca de auga e colocalas no balcón toda a noite baixo a influenza da lúa, para lavarse con elas a mañá seguinte. Xa sei que iso se pode facer calquera noite do ano, xa sei que non ten propiedades máxicas nin nada diso. Pero, eu, que nacín nunha aldea, que vivín alí ata pouco máis ca miña adolescencia, non coñecía ese ritual. Descubrino a través dunha marabillosa veciña que vivía ao meu carón no primeiro edificio no que residín aquí, na cidade. Era unha grande muller, e ela sempre dicía que, así polo menos asegurábaste que unha vez no ano ías facer algo bo pola túa pel. Adoptei esta postura e as miñas fillas tamén se lavan cada mañá do 24 coa maravillosa auga resultante da noite. Todos e todas deberíamos adoptar algunha actitude meiga en certos intres, senón, tanta realidade anóxate.
A lúa, é outro elemento fundamental nesta noite. Para mín, a lúa é parte indispensable todas as noites da miña vida. Creo que vivo baixo o seu influxo constante. E, os que ides lendo o meu blog, xa o comprobariades por vos mesmos.
Disque esta celebración se remonta o nacemento de San Xoan, que tivo lugar o 24 de Xuño. Parece ser que a proximidade desa data co solsticio, fixo que poderosas enerxías solares actuasen sobre a Terra. Unha simple explicación de orixe católica, penso. A ver se agora imos ter que plocamar o 11 maio, data na que eu nacín, un día especial porque as flores se conxuraron para facer o planeta máis... ou na que naciches ti, ou ti, ou ti... Chorradas!
O que toda a xente que participa activamente nesta noite acaba facendo, sen dúbida, é saltar olas ou fogueiras. En Galicia, o número de olas que debes saltar, son nove. en outras zonas de España, creo que son 7. Sonche cousas da maxia!
Pero o lume. O que máis me gusta do lume é o seu crepitar e o seu escintilar. Iso sí que enmeigalla. Mais, o feito de que logo quedas cheirando a afumado toda a noite ata que chegas a casa e te duchas, sexa a hora que sexa, xa non che me fai tanta graza.
Cousas da sociedade. Sempre hai que ter intres máxicos para as multitudes. A lúa sempre está aí. O lume sempre está aí. A auga acompáñanos cada día. Sexa doce ou salgada. As esperanzas, as peticións, os soños... os riscos de saltar porriba das cinzas quentes, están ahí, cada noite ou cada día... Uhm! esquecíame que agora non se poden facer fogueiras en calquera momento. E, as herbas, tamén están no monte durante unha chea de días. Algunhas coma o laurel, sempre... Pero a mín agrádame ter algo especial que facer unha sóa vez no ano... Seguro que a ti, tamén.
Non sei se vou acudir a unha fogueira. Se o fago, será porque os meus acompañantes o decidan así. Pero, se non estou alí... Non deixarei menos meiga por iso. Porque o feito de ser galega, implica levar a maxia na sangue...

miércoles, 22 de junio de 2011

"Fala para que eu te coñeza..."

A frase de enriba pertence a Sócrates. Acordei titular a entrada desta maneira, porque, as veces, lembro que falo un montón. Pero, hoxe mesmo, unha amiga, unha boa amiga, díxome que era un pracer que tivese tanta locuacidade disparando palabras, porque cando lle chegaban sempre lle dicían algo... Aínda asi... tamén sei facer silencios. De verdade... Incrible!, pero non deixo de ser unha grande tímida.
Mais, agora voume remitir a unha peli fenomenal: "O clube dos poetas mortos". Lembreime dela, sen máis, e penso que hai frases deste film que merecen a pena. Por exemplo, hai unha que di:"Non esquezan que a pesar do que lles digan, as palabras e as ideas poden cambiar o mundo". Indiscutiblemente, si. É máis, non existe outra maneira de facelo. As modificación progresivas que se desencadenan nesta "Boliña" nosa, veñen sempre impulsadas por unha idea puntual respaldada por unha palabra acertada. Aínda que en ocasións non sexa nin unha cousa nin a outra. Porque para o mestre da peli, a felicidade consiste en ter soños limpos, por iso dicía: "Móstrame un corazón que estexa libre de soños necios, e eu mostrareiche a un home felíz".
A cousa é saber disfrutar do que te rodea. A iso se refire con " Collede as rosas mentras podades. Velóz o tempo voa. A mesma flor que hoxe admirades, mañá estará morta". Según o protagonista, o lema a seguir é: " O día de hoxe non se voltará a repetir. Vive intensamente cada intre. O que non significa alocadamente, senón mimando a situación, escoitando ao outro, tentando acadar cada soño positivo, buscando o éxito do outro, examinándose da asignatura fundamental:O Amor. Para que un día non lamentes ter malgastado egoístamente a túa capacidade de amar".
Claro que, sempre están aqueles que se pasan o día criticando a forma de pensar dos que tendemos o romanticismo en certos campos. Eses para os que as ciencias explícano todo. A ver se lendo a seguinte frase, entendedes o que pretendo dicir: "Non lemos e escribimos poesía porque sexa bonita. Lemos e escribimos poesía porque pertencemos a raza humana, e a raza humana está chea de paixón. A mediciña, o dereito, o comercio, a inxeniería... son carreiras nobres e necesarias para dignificar a vida humana. Pero, a poesía, a beleza, o romanticismo ou o amor, son cousas que nos manteñen vivos".
Neste momento no que milleiros de estudantes modifican ilusión por práctica. Inducidos a maioría das veces por pais e mestres que pretenden inculcarlles a "Virtude" de forxar un bo futuro, eu fago apoloxía das humanidades. Hai un mundo máis alá das ciencias... As letras construen palabras que enlazan frases que transmiten pensamentos que naceron dun sentimento... Esta é miña.
Para rematar, voume remitir a Paulo Coelho, que di: Loita polos teus soños ou os outros farante escravo dos seus".

martes, 21 de junio de 2011

Ola, verán...

Entra o verán. Vaise a primavera. Sinxelamente un proceso natural marcado nun almanaque artificial, elaborado para machucarnos a caluga cós días, as semanas e os meses. Agora, xa que está así estipulado, pódense marcar fronteiras.
Por exemplo, para min, o feito de que comece o verán, indica que entro a formar parte das listas do paro. Si, xa sei, con vistas a ser readmitida en setembro, sen moitos visos de inactividade total. Iso é case imposible na miña persoa. Pero, coa primavera, vanse persoas que han de tardar un pouquiño en voltar a miña vida. A maioría dos meus madrugadores, ou dos meus meniños de teatro. Algúns deles, aparecerán de vez en cando por aí, outros rexurdirán da súa desaparición estival en setembro, máis grandes, máis maduros. Mesmo sei que haberá persoas coma Hugo, que leva asomando na miña vida durante seis anos cada mañá,que xa non voltará a estar con nós todos os días, pois agora reclámao o instituto. Sei que todo irá ben. Eres un bo rapaz, Huguiño. De todos os xeitos, mamá e máis eu continuaremos convidándonos a eses cafés que, ás veces,se dilatan máis do debido, pero sempre chegan.
Seguramente aquí queda a miña cor clariña para tornar nun moreno, espero que aceptable. Aínda que non me inqueda iso, pero os paseos contínuos pola beira do mar, traen esas consecuencias positivas... creo.
No cole onde traballo, haberá cambios respecto a algunhas persoas. Non pasa nada. A vida sigue. Ata pode ser que mellor. Penso que mellor. Igual... moito mellor... Non digo nada, que miña avoa sempre dicía que é mellor ruín coñecido cá bo por coñecer...
Pero... mañá perderei de vista a ese admirador madrugador. Ese que leva desde o inverno facéndose notar. Non sei quen é. Non me importa demasiado. Ou nada. Seguro que ata ten un libro de familia onde figuran máis de dous. Él tampouco sabe nada de min. Iso espero. Mais desde a súa presentación días atrás, que me desagradou en exceso, non para de agasallarme ao meu paso con palabras... en español, iso si. Vamos, o que se chaman piropos.E acompañados, ante o meu mutismo, de sons de cláxon e lanzamento de bicos. Non o podo crer. Esas cousas que ollas nas pelis e que parecen que non poden acontecer a pé de rúa. Sobre todo tratándose de persoas que procedemos dos anos 60 e xa non somos críos. Seguro que ese home naceu neses anos? Intuición:SI. Mira, Mister Admirador, sei que nunca lerás isto. Non sabes quen son, nin o que me gusta, nin a onde vou, nin de onde veño. Por non saber non sabes nin como me chamo... Menos mal! É máis, estou segura de que o que te atrae da miña persoa é a miña maneira de camiñar co meu maletín de rodas e o meu cabelo solto ou o vento. Tampouco é a cousa para parar o tráfico, mais algunha xente que me observa desde o autobús, por exemplo, din que infundo enerxía. Así que, xa podes ir buscala a outra parte, se se trata diso, porque a partir de mañá, acabóuseche o espectáculo... Espero que en setembro haxa máis. Sobre todo polo meu ben... Falo do traballo.
O verán tamén marcará unha paréntese na miña vida e a das miñas fillas. Para Antía, comeza a súa andaina polo CUVI. Penso que o disfrutará. Vai facer o que lle gusta. Ela vale moito e tan só ten que ser así... Boa persoa e férrea estudante... Iria, ten outro reto diferente. Reino Unido. Será a súa primeira experiencia como ensinante. Como extranxeira nun país anglosaxón. Como independente. Máis ca nunca... Pero ti podes, Iria. Se te queres dabondo e compartes sabiduría e amor, conseguiralo.
Pola miña banda, non sei que expectativas amosa o outro lado do límite do verán. So sei que terei que remitirme unha nova carta. Ao mesmo plazo dun ano ca anterior. Naquela non houbo tantas modificacións na miña vida como estaba previsto, pero o balance foi positivo. Eu son a única que pode facer subir e baixar os pratos da balanza, e sei cal deles debe estar enriba e cal embaixo... Mira que domino a teoría!
Hai certas expectativas que non deixarán de ser iso ata que se concrete a venda da miña casa. Pero, ninguén me poderá impedir bailar descalza, cantar no Karaoke, tomar café con xente, pasear por Samil o ritmo do meu MP3, acudir ao teatro, a concertos, ao cine, falar, falar... a modo. Ler, compartir... Ou seguir pensando que vivir merece a pena e que elexín o camiño exacto para tentar facelo ben.

lunes, 20 de junio de 2011

Pequenas mentiras ... sen importancia.

Hoxe vai de peli. Exactamente unha que fun ver este domingo con Jose. A verdade, é que o título non leva puntos suspensivos, pero, a min paréceme máis lóxico engadirllos.
Digo eu que, cando un minte, non será pola falla de importancia do asunto en sí. Aínda que, a mín paréceme que neste caso, non eran mentiras o que había, senón omisións da verdade. Cousa absolutamente diferente.
O film refírese a un grupo de amigos que veranean xuntos por norma. Entre eles, hai dúas parellas. Unha delas formada polo dono da casa. Home de negocios. Sen dúbida algunha. A súa dona, é a gran muller que está detrás do éxito deste home. Organizadora, que non mandona, e sensata. A outra, compóñena un doutor e unha muller sufridora e frustada. Despois saberedes por que.
Ademáis destes están unha moza insatisfeita coa súa vida amorosa. Ela disfraza o seu problema coa práctica de sexo compulsivo. Eu penso que era así, non?
Tamén forma parte do grupo un home que vive preso do amor que sinte pola súa moza coa que rompeu e él tenta recuperar. Hai outro persoaxe que destaca. Trátase doutro home, que, despois de levar unha vida do máis movida, pasaba dun ligue a outro probando todas as novidades sexuais que se lle prantexaban, namórase dunha muller...
Esta peli merecíase ter o filósofo espiritual encarnado por un amigo residente no lugar de vacacións que lles aporta estabilidade interna, ou iso pretende. E,como non, tamén o realista. O que olla a vida a través dos sentimentos e das emocións.
A película comeza sinalando ao amigo ausente. Un home que ten problemas coas drogas e vai dar cara a UCI cando é arrollado por un camión.
De aí parte o primeiro dilema. Algúns deles propoñen non desplazarse de París para permanecer ao seu carón. Pero, a maioría decide que so son quince días durante os cales estarán en contacto con él. E, agora, aproveito para argumentar: realmente a amizade non consiste tamén en permanecer ao lado do amigo aínda que iso supoña renunciar o teu merecido descanso?... As veces hai cousas que só a familia ou unha parella faría por un... Ou un amigo de verdade.
Xurden problemas do tipo de un dos emparellados que descobre o seu lado homosexual namorándose do outro home casado. Situación que o segundo resolve, mellor dito complica adoptando unha postura irascible e un chisco agresiva. Ao mesmo tempo, a gran sufridora, a muller do inadaptado sexual, que se ve desplazada na súa parella e ignora o por que. Destacar a actitude da outra muller, a cal pretende en todo momento reubicar as pezas que o seu compañeiro descoloca contínuamente.
A muller desencantada que disfraza con sexo a súa soidade. O mozo que loita pola muller que quere e consegue reafirmar a súa relación. O outro home que tamén quere reconquistar a muller que ama, e non o consegue. Este persoaxe, vese envolto no medo ao futuro e fracasado por non poder afianzar algo que era importante para él... A vida mesma... Mensaxe para os aprendices de chinos que pretenden fortificarse cunha muralla que nunca poderá ser tan longa, tan forte, nin tan duradeira coma a deles. O peor é que non sabes en que intre da túa vida se derrumbará, o que te agardará fora daquela, ou se atoparás alguén que aínda estea disposto a axudarche a saír do pequeno territorio.
Boísimo o experimento que plantexa o "guía espiritual". Coloca o mesmo arroz en dous botes diferentes, pero semellantes. Fálalle a un deles todos os días con palabra agarimosas. Co outro invirte o ton das túas verbas. Insúltos e berros. Disque o primeiro se manterá en perfecto estado, mentras o segundo se pudrirá. Eu vou tentar probalo... Total, tan só perderei un pouco de arroz. E, de seguro que poñer un pouco de ira cara a un bote de cereal, axudarame a liberarme de calquera cousa negativa... Ou non?
Non faltan os tópicos. Hipocresía, porque creo que se percibe. Iso sempre ocorre nas relacións persoais en algún momento. Ata no último adeus ao amigo. Por que hai que vestirse de negro riguroso? Mira ti, tan avanzados e despois cheíños de formalismos estúpidos! E, neste caso, créome con potestade para criticar estas conductas. Eu fun nun momento da miña vida duramente criticada por vestir de cor clara no enterro dun familiar... Necios os que xulgan a vestimenta mentras desprezan outras actitudes máis importantes.
Por iso, non había mentiras. Senón omisións puntuais da verdade. Cousa que facemos todos de vez en cando. No meu caso, procuro que sexa puntualmente e por imperativo legal, máis estou segura que en ocasións non debería facelo nin así. Nin ti, nin tampouco vostede...
A vida é máis dura. A vida é máis grata. Pero hai que querela vivir. Mellor dito, hai que querela dabondo para podela disfrutar.
Coa experiencia de vida que teño, decidín que quero ter un grupo de amigos. Con un deles que verta bolboretas na última reunión que manteñamos, ou que manteñan o redor do meu cadaleito... Xa sei que era area, pero eu prefiro que voen bolboretas. Tamén quero contar con xente que me queira acompañar se estou seriamente perxudicada nun hospital. Ou o que é o mesmo, que sexa dabondo importante para renunciar a uns días de ocio e texer unha ponte de sentimentos... A palabra exacta é "amor" en todas as súas variedades.
Será que en todos os grupos de xente se quere igual por tódalas bandas... Por todas, por todas?... Eu que sei.
Remato escoitando "a miña maneira" de Frank Sinatra. Onte chorei con ela. Hoxe tento non pensar demasiado e quédome coas risas do meu colega de butaca que me superou, e mira que é difícil... Moi ben...
O problema é para os que non víchedes a peli. Conteivos un montón de cousiñas. Mais, aínda así, se tedes ocasión non vos perdades esas duas horiñas e medias de emocións, se sentimentos, de hipocresías, de amor incondicional... en definitiva, de VIDA MESMA.