domingo, 10 de julio de 2011

A sabiduría dos selenitas...

Hoxe contarei un contiño. Na miña cabeza xurden moitas historias as cais, en ocasións transcribo para participar en algún concurso puntual, pero, as veces,só son contos para cubrir eses espazos de insonnio que me visita moi a miúdo. Este é un sistema que me permite ter o cerebro ocupado, mais non agobiado, que xa lle chegarán as horas do día para iso.
O conto de hoxe fala duns selenitas. Para aqueles que non saiban que orixe ten esta palabriña, direilles que procede do grego, e refírese aos posibles habitantes da Lúa.
Aqueles que len periódicamente este blog, xa saben da miña admiración polo satélite. Dubido da existencia dos selenitas, pero, nesta historia... son os protagonistas.
"En certa ocasión, un selenita pediulle aos seus pais que o deixasen percorrer o universo. Mellor dito, el quería chegar ata a Terra. Os selenitas, vivían recluídos no seu pequeno espazo redondo. Alí había luz, había escuridade, había silencio, había risas, falas, medos... Existía todo aquilo que os terrícolas pensamos que posuímos en exclusiva. Así que, tras facer un consello de familia, decidiron dar carta branca a partida do meniño. Porque, físicamente, as diferenzas co noso modelo humano, eran apenas imperceptibles. Había unha moi evidente, iso si, radicaba nos seus ollos. Todos tiñan os ollos de cores claras. E todos podían falar coa mirada. Parece que nós tamén. Pero estamos tan estresados, que poucas veces reparamos neses detalles.
A eles non lles fixo falla tanta infraestructura para planificar a viaxe de Luín, que así se chamaba o cativo. Argallaron os sabios un veículo que estaba dotado duns potentes imáns( xa é coñecida a atracción magnética entre planeta e satélite).
Aterrou un día calquera de choiva e vento. El non coñecía este último fenómeno meteorolóxico. No seu mundo non existía. Polo tanto, unha vez estivo fora do artiluxo que o trasladou, tivo que amarrarse forte a unha muller que pasaba, pois a piques estivo de voltar a Lúa voando. Luín case morre do susto. A muller comezou a berrar, e non pola presenza física do selenita, senón polo feito de que alguén lle puidese asir un brazo daquela maneira. El fixouse nos seus ollos. Non miraban... ollaban. Cando se viu libre daquela tremenda situación, observou que case toda a xente facía o mesmo. Os ollos, servían para andar e non tropezar nen caer, pero non miraban dentro das outras persoas. Por iso sempre se perdían cousas, sempre descoñecían a quen tiñan diante.
Por outra banda, apenas existía contacto físico. De feito, abraiouno atoparse con un home que repartía abrazos gratis. Os selenitas eran coñecedores da nosa lingua. Ía camiñando polo medio da xente, percibía mensaxes de carraxe, de amor, de simpatía nas miradas. Pero a xente continuaba co seu camiño coma se tal cousa. Non lle agradaba aquela sociedade, e aínda menos, cando se deu conta de que había algúns que mantiñan contacto a través das máquinas (que eles tamén utilizaban), mais, en moitos casos, nin se coñecían, nin sabían case nada uns dos outros. No seu mundo, estes aparellos servían para comunicarse, para aprender, para experimentar... pero nunca para sustituír ao corazón.
Quería voltar para a Lúa... mais, antes acordou que debía deixar pegadas do seu paso polo Planeta Nai. Eles posuían un don moi especial. Consistía nun poder hipnótico que lles permitía facer reflexionar aos individuos hipnotizados sobre o verdadeiro senso da súa existencia. Comezou a súa labor. Primeiro, un home de negocios, despois unha muller divina da morte, a continuación, un médico, unha conductora de autobús, un motorista... un adolescente... Inexplicablemente, xurdiu diálogo, sinxeleza, amabilidade, serenidade, historias de amor ocultas...
O aire comezou a ser menos denso, máis respirable, había menos ruídos e máis ritmos, menos berros e máis palabras agarimosas, menos coñecidos e máis amigos, menos formalismos e máis amor...
Rematada a súa labor, o selenita Luín, voltou a Lúa, lugar que decidiu non volver a abandonar, a non ser que... a súa presenza na Terra fose imprescindible.
¿Alguén avistou por aquí un cativo de mirada profunda?... Estou esperando a súa chegada.

sábado, 9 de julio de 2011

"La vida es bella"... ou é unha paradoxa?

Acaba de finar o xudeo italiano que serveu de inspiración para Roberto Benigni na película "La vida es bella", ou "A vida é fermosa", que diríamos en galego.
Este home, que contaba con 91 anos de idade, chamado Rubino Romeo Salmone, era un dos últimos sobrevivintes do campo de concentración de Auschwitz. O número que o identificaba nese inferno era o A15810. Foi detido en Roma no ano 1944 pola policía fascista. Tras pasar polo campo de Fossoli, no norte de Italia, foi conducido ao temible destino, do que regresou un ano despois para atoparse en Roma cos seus pais. Non así cos seus irmáns, que faleceron a mans dos nazis.
Repetía continuamente, que cada mañá víanse moitas persoas pegadas nas redes daquel campo de concentración, mortas pola descarga dos cables eléctricos. Era a búsqueda desesperada dunha morte a través dunha vida infernal.
Supoño que todo o mundo saberá de que vai a peli do título. Senón, atención que vai haber un spoiler. Esta palabra serve para anunciarvos que vou contar cousiñas do film. Descoñecía isto, pero alguén me advertiu que cando fose falar dun libro, unha película, unha obra de teatro, etc., debería anuncialo con este termo...
Unha historia que te fai rir e chorar a un tempo. Así é "La vida es bella". Un home que nos ensina o poder do amor. Porque, grazas ao que el sinte polo seu fillo, é capaz de inventar a risa no recuncho máis ateigado de dor... Maxistral.
Se ollamos o noso arredor, atoparemos miles de casos semellantes. Pequenos campos de concentración nas casas, nas familias, nas cidades, nos países, na cabeciña de moitos e moitas... Mais, o que non se pode repetir é que os individuos vendamos o noso corazón a unha propaganda política ou a un líder suficientemente intelixente e sobradamente tolo para ser cómplices destas masacres... Hakuna Matata(Vive e deixa vivir).

jueves, 7 de julio de 2011

Misóxenos e misandras.

Para os que teñan dúbidas: Misóxeno(do grego "miso": Odio, "gine": Muller) son aqueles seres masculinos que demostran unha terrible adversión polo noso sexo. Eu son muller.
As misandras("miso": Odio, "andria": Home), mulleres que teñen a mesma actitude cara aos homes. Por certo, a R.A.E., non recoñece este termo. Penso que é porque numerosos estudiosos do tema aseguran que esta patoloxía non existe, posto que as mulleres nunca chegan a desenrolar un profundo rechazo aos homes. Eu teño dúbidas. Cando unha muller adopta posturas radicais cara ao sexo oposto, pode ser misandra ao máximo. Todas coñecemos as típicas que esixen cousas que denostan a calquera xénero humano. Sexa do tipo que sexa.
Máis é verdade, que o que abonda, son os misóxenos. Eses están aí. Podémolos ver cada día. Penso que, a maioría das veces, esquecen que son fillos dunha muller, ou pais de outra ou outras. Disfrutan ríndose cos chistes machistas. Non aceptan que as mulleres os igualen ou superen intelectualmente. Considérannos mediocres. Para eles, se és guapa, es parva. Se és fea, podes ser un pouco intelixente. Agora, se és guapa e intelixente, seguro que és unha lixeiriña de cascos. Non aceptan que haxa mulleres que os rebasen físicamente. Están tan convencidos da súa superioridade, que se te arriscas a retalos nunha mera discusión temática, comezarán a vapulearte verbalmente con sentencias machistas radicais.
Dentro dos misóxenos están os de nacemento ou os resentidos, debido estes últimos a certas situacións que lles tocou vivir. Continuamente, estes atacarante con frases coma " Todas sodes iguais", ou "todas ides detrás da mesma cousa"... Moi a miúdo, estes suxeitos, citan a personaxes coma Oscar Wilde, Nietzsche, Camilo José Cela, ou un libro entretidísimo coma a Biblia.
Normalmente, co paso dos anos, esta xente esquécese de querer, porque non saben mirar o amor coa mirada limpa.
Creo que esta é unha enfermidade contaxiosa e de difícil curación se o suxeito se nega a participar no tratamento.
Eu fago un chamamento a todos os homes e mulleres do mundo: Non etiquetes. Non queiras controlar aos elementos da vida... DISFRÚTAOS!
Por certo, apetéceme rematar con outro tema. Que me dicides do roubo do Códice Calixtino? Inaudito... Esta obra do século XII, que se lle atribúe ao monxe cluniacense Aymerico Picaud está composta de cinco libros: O das Liturxias, O dos milagres, A Traslación de Santiago, As conquistas de Carlomagno e A guía do Peregrino. Trátase dunha xoia que nos permite coñecer a dificuldade das rutas, as diferentes culturas do Camiño e outros feitos históricos... En fin...
Por certo, un bico para todos os homes e mulleres do mundo.

miércoles, 6 de julio de 2011

Corenta anos...

Vaia, vaia! Hoxe teño unha amiga que cumple corenta anos. Desde aquí, parabéns, Mari!
Estamos na sociedade da tecnoloxía e o progreso. Polo tanto, corenta anos non son máis ca un pouco menos da metade da vida. Mari afronta esta idade coa sensación que a caracteriza de perenne satisfacción. Iso é moi bo. Non che vou dicir, moza, que hoxe entras nunha nova etapa nin rolos deses que non son máis ca meras parvadas. Hoxe a túa vida pode cambiar coma a de calquera, pero sin que o cumpreanos inflúa niso. Agora, aproveita o que che queda de celebración, que me da a min que é moita... dos agasallos, caricias estupendas para o espíritu e... do amor dos que te queren. Un biquiño.
Mais, non quero deixar escapar esta oportunidade que se me brinda para falar do corenta cumpreanos. Porque, ata hai quen di que existe un síndrome, que afecta principalmente aos homes... Non mo podo crer! Eu acabo de cumprir corenta e oito anos. Nin sequera me lembro de cando cumprín os corenta. Pola miña actitude na vida, fun cumprindo anos, que afectan, como non, a miña pel, ou o meu documento de identidade. Pero, non deixei que perturben o meu camiñar por esta senda vital.
Aprendín que a mellor maneira de celebralo, é ir sumando decisións tomadas. Quero dicir, hai aniversarios, nos que miras cara atrás e ves o ano medio valeiro. Outros, en cambio, observas que non esperaches para o seguinte nin para dentro de dous. Aceptaches retos. Diso consta a vida. De plantarlle cara ás probas que che prantexa. Nada sucede porque sí. Cos anos aprendes a decidirte antes. Moitas das veces debemos deixar que sexa o corazón o que decida. Outras, será a cabeza a que nos guíe. Non se poden aliar estes dous para certas cousas. Cando lle toca ao primeiro, hai que deixarse levar polo seu criterio, sempre que saibamos que o que posuímos é un corazón e non unha batata. Cando se trata de temas referentes ao cerebro, é interesante reflexionar ben, pero non demasiado. Corremos o risco de que se nos destrague a caixa de pensar de tanto forzala. Os anos apórtanche a tranquilidade de esperar a que suceda o intre exacto no que has de tomar a decisión. Non coñeces sobre que terás que escoller, pero sabes que estás preparado para disfrutar ou para lamentarte e volver a decidir. Non hai outra forma de vivir. Non se evitan riscos acobardándose ou escóndendose.
A diferenza está en converter cada nova etapa en un momento de posible esplendor ou nunha frustante crise da que non che vai ser doado saír, porque cada ano, repites.
Eu adoezo por enfrontar novos retos... E, ti?

martes, 5 de julio de 2011

Saúdos...

Non sei exactamente o que quero facer hoxe. Refírome ao caríz que pretendo darlle a esta entrada, pero sei que vai ser persoal e intransferible. É verdade que está escrita en carácter xeral, pero cada un de vós, ao ler estas palabras, ten que adiviñar o que realmente quero dicir segundo o retrato persoal que elaborastes de min.
Todo isto, ven dado polo comentario que me deixaches no facebook, Alberte. Xa fai tempo que non nos vemos, a ti menos que a María, aínda que a través dos correos e do facebook, teñamos continuamente contacto. Xa sabedes que vos quero moito. Penso que en xeral, a xente que se adique a ler este blog durante uns minutiños, non pode ser, polo menos, insensible.
Se che digo que o teu comentario fíxome chorar. Claro que, non é difícil, pero merece a pena, e a iso viña o estado do facebook, ter amigos así.
Por suposto que non fai falla que me penduredes comentarios contínuamente. Coñezo á maioría dos meus seguidores, porque non pretendo que me lea demasiada xente, ou, polo menos, persoas que non entenderían o que escribo.
Encántame que María me diga que se enterou polo blog que a Iria lle foi todo ben. Que Montse me conte o intrigada que estaba que non tiña tempo de ir a buscar o vaso de auga que lle apetecía beber, que algún amigo me felicitase pola entrada que falaba dos bebedores de celebracións ou os de necesidade, que alguén me comentase que aprendeu unha palabra preciosa, "escintilar", e non deixou de ler o blog desde aquela, que outros amigos máis recentes compartan tamén ideoloxías, aínda que sexa para rebatir, que isto enriquece, sempre que se faga con educación... Sabedes que vos quero a todos, aínda que aquí non mencione cada nome.
Somos unha familia virtual. Fíxate, eu que son unha romántica primitiva nisto da infórmatica, electrónica e esas cousas... Unha persoa a que se lle resiste un reloxo dixital... Pois, recoñezo que teño unha suficientemente grande familia virtual. Iso si, desas que nos vemos, nos falamos pola rúa, ou tomamos cafés, ou compartimos actividades... Non tería senso para min que fose doutro xeito.
Teño que dar as grazas a miña filla, que foi a impulsora de que estas cousas saísen a luz. Porque durante a miña vida, foron moitos escritos ao lixo. Deste xeito, véxome obrigada a pensar ben o que escribo, porque a nova tecnoloxía teramo en conta toda a vida.
Remato con un GRAZAS. Sobre todo a ti, Alberte. Porque sei que eres un bo colega e un magnífico seguidor, e espero que crítico tamén. Non vou engadir máis nomes, porque non é necesario. Só me vou remitir a Oliva, unha das últimas incorporacións a este mundo e a este blog. É o uso que eu quero facer da infórmatica. Compartir. Para que saibades un pouquiño máis de min, e, eu, que estades aí. Con iso abonda... E, dende logo, non esquezamos o grande servizo que nos fai Mr. Google cando temos que alimentar a ignorancia que todos posuímos en maior ou menor grao... A miña, tremenda... de grande, quero dicir.
Un bico para todos e todas. Se estades aí, é porque nos precisamos.

domingo, 3 de julio de 2011

Só sei que non sei nada...

Remítome a esta frase de Sócrates para dar título ao meu comentario de hoxe porque onte houbo xente que pretendeu poñer en dúbida que fose este home o que pronunciou a célebre sentencia, que marcou unha diferenza cos seus coetáneos, xa que,deixaba claro que a primeira regla da sabiduría é facer da humildade un medio de vida. Eu estaba certa, pero busquei axuda para corroboralo.
Considero que esta frase encerra unha verdade case que absoluta, porque "nada" pode significar "moito" no mundo do descoñecemento. Por outra banda, debo recoñecer que non son unha grande lectora de clásicos gregos ou romanos. Mellor dito, atéñome na maioría das veces a sentencias puntuais, das cales, discrepo a miúdo.
A miña experiencia demóstrame, que a xente que se aferra a Platón, Aristóteles, Sócrates, etc., convertendo as súas obras en libros de cabeceira, a miúdo se transforman en fanáticos, víctimas dun pensamento que non sempre é apropiado para a vida que lles tocou vivir. En moitas das ocasións, camuflan a impotencia de poder solventar certos problemas amparándose únicamente nas palabras destes sabios, que, se ben é certo que contribuíron favorablemente en moitos campos, non esquezamos que sucumbiron a desprestixios humanos coma a de ser misóxenos, envexar os seus rivais...
Eu aprendín na vida que o mellor é ir aspirando pequenas doses de coñecemento no grande campo que se ofrece ante nós, pero non aferrarse a ningunha verdade absoluta. O coñecemento é etéreo, tan só unhas cantas das aprendizaxes van ser para nós válidas e aproveitables. O verdadeiramente imperecedeiro son os sentimentos, dos cales nacemos todos dotados e que, cada un pon en práctica según se nos presente a ocasión.
Eu, baixo a miña humilde percepción do entorno no que vivo, recoméndolle aos que non
se ven capaces de escapar do cárcere das vicisitudes que os acaparan, que traten de compartir con xente disposta a escoitalos. É o único que te libera un anaco. É o único que te fai amarrar á vida sen esconderte en subterfuxios que, en ocasións os disfrazan de seres inadaptados,"ineptos" a maioría, para seguir o curso da existencia o máis satisfactoriamente posible.
Eu non son unha sabia, nin unha clásica, pero, a vida xa me deu un pouquiño de todo. E, por ela, desfilaron persoas que se converteron en modelos de algo, e non sempre bo, das que asimilei o que "se debe facer" ante certas envestidas, mais, sobre todo, "O que non se debe facer". Un camiño errado preto da meta pódese arranxar collendo unha das primeiras saídas, pero un camiño equivocado que te engana tapándoche os respiradeiros, só te pode conducir a autodestrucción. Invítovos aos que transitedes polo segundo, que collades a ferramenta adecuada para despexar as saídas pertinentes. Eu tiven a sorte de atopar un par de amigas que me acompañaron na procura do material. Hai intres nos que aínda o perdo porque son unha eterna despistada. Pero sei que quero vivir o máis aceptablemente posible. Quero sufrir o menos que poida. Quero axudar aos outros o mesmo que outros me axudan a min... Tamén sei que non quero ser carne de canón da resignación, da frustación, do odio, do conformismo, do rancor... Non penso vestirme co traxe de soberbia, nin co do clasicismo, nin co do radicalismo, aínda que algúns que non me coñecen tenten catalogarme como tal... Que insensatez!
Remato con Aristóteles, que dicía: "Vivir, sufrir e morrer, son tres cousas que non se ensinan nas nosas Universidades e que, sen embargo, encarnan toda a sabiduría necesaria para o home..." xa vedes, discrepo con el en tantas cousas, e rescátoo para outras admirablemente razoables.

sábado, 2 de julio de 2011

A hipocresía...

Xa estou fartiña da hipocresía da xente. Bueno, de algunhas persoas. Mellor... de moitas persoas. Penso que se confunde ser hipócrita con ser diplomático, que é cousa moi diferente.
Os hipócritas, e vou falar en terceira persoa, pois eu para nada considero adxectivada con esa palabriña, teñen sorriso postizo, mirada postiza, asinten cando queren dicir que non, falan suave cando a súa maneira de falar é a berros seguidos. Os hipócritas, non son un, son dous. Se lles caes ben, coñeceras o normal. Pero, como non lles gustes, vas coñecer o falso. O actor ou actriz, que, moitas das veces, é nefasto interpretando o seu papel.
Eu non consigo ser hipócrita. Por iso, aqueles que non me gustan, sábeno de contado. A non ser que sexan demasiado parvos e nin sequeran se decaten dunha cousa tan evidente. Agora, diplómatica, iso sí que hai que poñelo en práctica moi a miúdo. Porque é lóxico que te ves obligado a convivir con xentiña que non especialmente do teu agrado todos os días, como para non falarlles ou cousas así. A verdade é que eu ollo pouco a tele, pero se tivese que manifestarme cada vez que sae Belén Esteban, na miña casa non gañaríamos para aparellos destes, porque seguro que lle tiraría un zapato de moi boa gana... Como quedaría o zapato? Tamén destragaría moitos.
O caso é que, ser hipócrita é idéntico a ser falso. Hai que facer prevalecer a educación porriba de todo, pero a hipocresía, é precisamente o contrario desta actitude.
Vou adxuntar uns conselliños da miña colleita que penso que definen a un hipócrita:

-Acostuman a ser amargados/as, resentidos/as que detestan aos que loitamos por ser
felices.

-Nunca se aledan das cousas boas que lles acontecen aos outros.

-Un hipócrita é incapaz de amar.

-Un hipócrita, vive unha vida de mentira, porque lle da medo vivir a que lle tocou.

Un saúdo para todos os hipócritas... Perdón! Non creo que ningún destes lea este blog. Mais, se coñecedes algún, acompañádeo nos sentimentos da miña parte.