viernes, 11 de febrero de 2011

Por fin... foise

Os exipcios houberon de esperar ata o día de hoxe, capicúa, por certo, para saborear o triunfo da liberdade sobre a tiranía. A praza de Tahrir xa é un símbolo para o pobo exipcio. O tirano, con case 30 anos o frente do goberno, resistiu ata o último momento para abandoar o "trono do faraón", coma xa o califican os cidadáns.
Agora toca agardar o desenvolvemento da transición. Porque o que aconteza en Exipto, non vai ser axeno o resto do mundo. Estamos a falar dun país que, pola súa posición estratéxica, ten moito que dicir respecto a estabilidade da zona. Fai un anaco, algunhas das persoas que abarrotan a praza, facían declaracións no telediario da primeira, e, todos coincidían en que non queren un goberno de Ayatolahs, senón unha república. Iso sería o desaxable e tamen o mellor. Gobernantes elixidos polo pobo.
Polo tanto, todos os que vivimos este feito histórico, nunca mellor dito, pois unha vez máis fomos testigos de que a unión da xente, que soportaron as incomodidades de permanecer 18 días a intemperie, sen condicións hixiénicas,e, sen distinción de relixións,conseguiu o cometido que os levou alí.
Hoxe, día 11-02-2011, data preciosa para min que adoro os capicúas ou as cifras que se repiten, Exipto camiña en dirección a liberdade. A ver se non erra o traxecto. Hoxe eu recibín un agasallo dun dos meus pequenos madrugadores, ideado por seus pais, por unha desas tantas cousas que fago tódolos días, e que a outros non lles parecen importantes. Hoxe fixen unha sesión contacontos que me deixou satisfeita. Hoxe recibín unha crítica moi positiva respecto o meu traballo no teatro. Hoxe tivemos o ensaio xeral da obra que estrearemos o luns. Hoxe tamén escoitei un par de halagos por parte de diferentes persoas. Así que hoxe, se non fose polo maldito catarro que non se me vai e a dor de gorxa que vive e viaxa conmigo continuamente, sería un día perfecto... Bueno, é un día perfecto porque mañá teño a cea do grupo de teatro e non creo que a este resfriado-farinxite lle apeteza acompañarme.

miércoles, 9 de febrero de 2011

Mantras....om mani padme hum

O coñecemento que eu teño dos mantras chegoume a través dos moitos anos que practiquei ioga. Certo é que voltei á disciplina despois dun parón bastante longo, e isto fai que recupere hábitos perdidos coma o de escoitar este tipo de música.
Un mantra é un conxunto de palabras que posúen unha vibración determinada. Son usadas especialmente polos budistas e os hinduístas. Según os practicantes destas doctrinas, teñen unha dimensión máxica que axuda a superar moitísimos problemas.
A realidade, é que a palabra provén de dous termos sánscritos: Man, que significa "mente" e Tra, que quere dicir "liberar". Así que o seu significado sería "liberar a mente". Eu podo aportar a miña curta experiencia cos mantras asegurándovos que, sobre todo, o que obedece o título que sinalo enriba "om mani padme hum", supón un bálsamo para momentos de explosión emocional e de saturación mental. Se o escoitas consciente de que ten beneficios para ti, observarás como son evidentes. Imprescindible acompañalo dunha respiración suave, pausada e consciente.
Hoxe na miña faceta de contacontos, fixen mención a este tipo de música, porque unha das historias que narrei, tiña que ver coas diferentes culturas. Cando nos adentramos na India, eu díxenlles que unha das músicas especiais alí, eran os mantras. Realmente, unha música de palabras, pero que a miúdo vai acompañada de sons instrumentais que a enriquecen. Non puiden ofrecerlles o do título porque me foi imposible conseguilo, pero escoitaron outro calquera. Todos ou case todos nos poden axudar. Aquí vai tamén un agasallo para aqueles que ledes este blog. Escoitade este mantra dirixindo as boas vibracións cara o voso interior. Xa me contaredes a experiencia... aqueles que teñades contacto directo comigo.
http://www.youtube.com/watch?v=TDUdT5z_CBU

lunes, 7 de febrero de 2011

Agora mesmo...

Agora mesmo estou escribindo no blog. Isto quere dicir que aínda atopei a circunstancia propicia para verter algunhas ideas desas que fan pensar, pero que relaxan.Isto ven a conto da saturación de responsabilidades que teño estes días.
Por un lado, está a visita que faremos o mércores o colexio Mosteiro coa nosa obriña teatral "O arco da vella". Respecto os nenos non hai nada escrito, sempre sorprenden, pero eu teño moita confianza neles e sei que sairán adiante con éxito, como xa o fixeron en ocasións anteriores. Por outra banda, a estrea da obra do grupo de adultos está aí, a unha semana, xustamente o día dos namorados. A ver se o público se namora da nosa actuación e nos da o seu visto bo. E, claro, non me podo esquecer do contacontos que teño previsto para o mércores pola tarde, para o que me estou preparando a conciencia, pois non quero defraudar ao público. Isto só depende de min.
Aínda que este traballiño me entusiasma, cando se xuntan tantas cousas, con outras e con outras, tensa un pouquiño, ou un pouco, ou bastante, ata se poderia dicir que moito.
Agora, cando a caluga está chea de cousas, e, ademáis sofre o acoso dun catarro deses que non te deixa tranquila, ou aínda mellor, disfrázase de tos e, ala, a facerse presente varias veces no día, xa temos o menú servido.
Como din os africanos, "hakuna matata", que na nosa lingua quere dicir: "non hai problema". Iso mesmiño é o que eu penso.

domingo, 6 de febrero de 2011

Palabras... ou sonidos?

O outro día descubrín un conto de Saramago. Exactamente chámase "A Flor máis grande do mundo". A voz do seu autor, escoitase puntualmente. Porque, coma el mesmo di, os nenos ás veces non precisan tantas palabras para entender o que vén.
É verdade que, en ocasións, temos a sensación de que son necesarias todo o tempo, e, dámoslle así pouco protagonismo ós ollos, ou ós oídos. Xa me parecía a min que aquel refrán que di: "Unha señorita moi señoritada...", é perfecto. A lingua actúa coma a señorita dos sentidos, e, moitas veces, minimiza os demáis. Seguro que a miña pretende facelo bastante a miúdo, aínda que en ocasións vese frustada no seu intento. Menos mal.
Charles Chaplin tamén quixo deixar constancia do feito na súa película "Tiempos Modernos", que figura coma o seu primeiro film sonoro. Non obstante, o actor pretendeu ridiculizar o novo avance do cine, que deixaba sen traballo a outros compañeiros seus.De feito, facía xa nove anos que se estreara "El Cantor de Jazz", a primeira película con son, cando el no 1936 levou as pantallas esta. Facía, e nunca mellor dito, oídos xordos ás críticas que lle suxerían meterse no novo proceso. Pero el negábase constantemente. Ata esta composición.
Mais, aquí tampouco son protagonistas as palabras. Porque, sonoro si, pero o son que se podía distinguir todo o tempo, era o ruído das máquinas e os xefes que aparecían nas pantallas dando ordes con voz metálica. O que podían decir os protagonistas, non se escoitaba porque quedaba afogado polo barullo dos aparatos da fábrica. El mesmo dixo que as palabras que non se chegaron a escoitar non tiñan ningún sentido.
Esta película foi unha crítica ó capitalismo. E, eu engado que tamén o cine sonoro, xa que aínda que hai son de fondo, non está guiado polas palabras. Sería non "Gran Dictador" onde Chaplin demostraría que xa estaba inmerso no cine falado, pois o monólogo da película, así o demostrou.
Eu creo que non se pode vivir sen palabras... Mellor dito, si que se pode, pero seguro que non se debe. Non cabe dúbida da complicidade que xenera un xogo de miradas que todos e todas experimentamos algunha vez. Ou a fascinación da música da natureza: a auga, o vento, unha respiración, unha gargallada...un salouco... Tamén se demostra agarimo ou xenreira co tacto, todos desexamos unha caricia e non unha labazada. E que dicir dos aromas que percibe o noso olfacto. Un baile de sensacións gratas ou un tormento de noxo que nos aporta o nariz.
Pero con unha sóa palabra podes demostrarlle a un semellante se o queres ou non o teu carón: "ven" ou "vaite".

viernes, 4 de febrero de 2011

A eurovisionear...

Chego a casa, poño a tele e... atopo na canle 1 un programa para seleccionar xente cara o festival de Eurovisión. Xa que pecharon CNN+ e non atopei opcións mellores, decido estabilizar aquí o mando.
Paréceme que os cantantes afeccionados sónche bastante maliños. Non todos, obviamente, pero a maioría deixan bastante que desexar. Iso si, son todos eles mellores ca min, cousa non muy difícil de conseguir.
Lembro aquelas eurovisións de cando eu era pequena. Entón si que era un espectáculo. Na miña casa había tele. Unha das poucas daquel pobo. E, como tiña irmás maiores, aquilo era un fervedeiro de xente nova e madura. Agora si, a máis pequena de alí era eu. En realidade era a única. Polo tanto, miña nai facía innumerables intentos para que eu durmise, levarme a cama e así lle permitise a ela ver o festival tranquiliña. Pero a nosa casa era moi, moi grande, e eu moi, moi medosa. E, en canto me metían na cama daquela habitación situada no segundo piso, e moi alonxada da cociña, espertaba e saía correndo, coma se levase 25 demos coas súas forcas detrás ata chegar o lugar onde se atopaba a movida.
O primeiro certámen que lembro con más claridade, foi o que tivo como gañadora a Massiel. Recordo aquel vestidiño que me fixo case tanta gracia como a canción. O ano seguinte case gaña unha tal Salomé. E non me gustaba o seu traxe. Conforme fun crecendo, fun apreciando máis a música, e as máis das veces, prefería as cancións estranxeiras que as que representaban ao noso país. Cousa que a aqueles maiores e xóvenes lles parecía regular.
Total que, pasou o tempo, o festival seguiu aí, e eu decidín que me gustaba máis como dirixía a orquestra Juan Carlos Calderón ca outros. Cos anos deixou de interesarme o acontecemento, pero sempre, ou case sempre acababa diante da tele observando e escoitando as cancións. Porque si, señores e señoras, eu tamén son daqueles que miraron moitas eurovisións aínda que non nos gustase. Aquí estou, coa tele de fondo mentras estou na rede.
Mais, unha cousa queda clara, a competencia do programa de hoxe é critiqueo barato, algarabía total, e outras cousas que... ¡viva a música! Aínda que non sexa da mellor calidade e coa mellor afinación.

miércoles, 2 de febrero de 2011

Para todas elas...

Xa fai tempo que desexaba adicar unha entrada deste blog a unhas mulleres muy especiais. A esas mulleres afectadas por enfermidades graves, que superan gracias a súa loita diaria. Eu coñezo algunhas. Unhas poucas xa superaron o proceso. Outras aínda se ven inmersas na loita, pero máis preto do remate do tratamento.
Lembro a Ana, si Ana, falo de ti. Esa muller é realmente forte. Creo que era das que animaba os que tiña o seu arredor. Ela demostrou que non te podes amedrentar, e se o teu enimigo se chama cancro, ti chámaste Ana ou... Desde aquí, aproveito para agradecerche todos os detalles que tiveches conmigo. Desde aquí, dígoche que eres unha campeona do deporte da vida.
E María. Tan doce e tan valente a un tempo. Tal vez a súa andaina foi diferente, pero conseguiu chegar a meta da saúde. Iso era o importante. E ese foi o camiño que ela percorreu sorteando as pedras, e saltando os charcos. As veces con máis dificultade, as veces con menos problemas.
Hai outra muller que se atopa agora en plena contenda. Eva está ahí. Coa súa meniña recén nacida. Co seu neno de 9 anos. Ela ten tanto carácter que non xoga as escondidiñas con ninguén, e menos con esa enfermidade que ten nome de signo do horóscopo. Aínda está co tratamento as voltas, pero sabe que cando volta a súa casa, espérana eses dous pequechos para facerlle esquecer o momento menos agradable do día.
Porque vivir é un reto contínuo. Un reto que as veces ven disfrazado de economía precaria, de desamor, de melancolía, de soidade... de saúde resentida. Pero outras preséntase agarimoso e cheo de saúde, de amor, de estabilidade personal e económica... Sorprendente.
Así que, vivir é coma xogar a Oca. Paso esta proba e tiro porque me toca. E vos, miñas amigas, sodes unhas grandes xogadoras. Xa estades na fase de que vos toque a casiña "de oca a oca e..." Sodes as raíñas do taboleiro. Xa é a hora de
que disfrutedes do premio.

martes, 1 de febrero de 2011

Estes famosos...

Eu, que son unha amante do espectáculo, do teatro en concreto, non me vexo no papel de famosa. Porque seguro que se chegase a alcanzar un nivel de popularidade importante, tería que pasarme o día lendo o pensamento. Mellor dito, analizando o circuíto que leva o que está pasando na miña mente e ten a meta na miña lingua. E mira que falo! Que tremendo ía ser iso! Agora, antes de meter a pata, dicindo certas cousas que din algúns famosos, famosillos ou famosetes, merecería a pena o traballiño.
Isto ven a conto da última movida que xeneraron as palabras de Bisbal na súa páxina de Twitter. A cousa é que o cantante, referíndose a situación que atravesa Exipto, dixo o seguinte: "Nunca se han visto las pirámides de Egipto tan poco transitadas. Espero que la revuelta se acabe pronto". Disque os poucos minutos de colgar esta beleza de frase, e tras os comentarios surdidos o respecto, foi retirada de inmediato. Non me estraña, pois independentemente do nivel cultural deste rapaz que non será moi alto, isto indica unha falta enorme de sensibilidade ante unha situación que está afectando a millóns de exipcios, pero tamén ten repercusións para o resto da humanidade.
Claro que este non é o único nin será o último que solte bosta pola gorxa, cando pretendía emanar flores. En España, fíxose famosa aquela rapaza que fora Miss España chamada Sofía Mazagatos. A pobre tiña bastantes problemas na hora de expresarse, pero, considerando que dicía "todavía no he encontrado la hormona de mi zapato"... Mais, non fai falla ser máis guapa cas outras para contar as cousas atrapalladamente, pois Isabel Pantoja contou no seu día isto dunha persoa "le tocó la lotería y ahora vive como una majara". Tamén é verdade que se che tocan moitos millóns podes acabar tola, moi tola.
Hai outros famosos por ese mundo de Deus que non lle quedan atrás os nosos. Por exemplo, Britney Spears, que terá moitos cartiños pero poucas luces, dixo un día aquilo de "nunca he ido a Japón porque no como pescado y sé que ese alimento es famoso en África". Agora, sinceramente, é peor escoitar as sandeces de Mariah Carey opinando sobre os nenos famentos do terceiro mundo, cando afirmou "Siempre que veo la televisión y veo a esos pobres niños hambrientos en todo el mundo, no puedo evitar llorar. Quiero decir, me encantaría ser así de flaquita, pero non con esas moscas y muerte y esas cosas".
Seguro que calquera católico que se precie, saberá onde ten que viaxar para coñecer onde naceu o seu xefe. Non fora ser que lles acontecese o mesmo que a Shakira, que dixo "voy a viajar a Roma porque es la tierra donde nació Nuestro Señor Jesucristo". Se esta muller xa se deu conta do seu erro, sempre pode xuntarse con Cristina Aguilera e buscar o lugar descoñecido para esta a tenor das seguintes declaracións: "¿Alguien sabe dónde se celebra el Festival de Cannes este año?". Eu non che sei se o tal Festival se fará onde debía, pero estou certa de que cos teus cartiños e cos de calquera un dos anteriores, poderiades ter os vosos pés a miles ou millóns de profesores que se sentirían enormemente afortunados de renovar o voso circuíto de expresión oral...